Recensión : Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera


Título : Amor é unha palabra coma outra calquera

Autor : Francisco Castro

Editorial : Galaxia

ISBN: 9788498656671

Nº de páxinas: 224 páxs

Sinopse :

Amor é unha palabra coma outra calquera... ou non.

Carla, a protagonista desta novela, organiza a vida arredor do amor, do seu amor, do amor co que vive, do amor que soña, do amor que lle falta. O amor aprendido nas películas rosa, nas cancións melódicas, nas novelas cursis. Carla, en definitiva, organiza a vida arredor de seu home, pero, que acontece cando ese centro de gravidade un día colle a porta e marcha?, e que acontece se, ademais, un cadáver aparece dentro da casa para acabar de darlle a volta a todo? Unha novela de amor contra o amor. Porque amor é unha palabra coma outra calquera. Ou non.

Sinalaba o finado Umberto Eco no seu artigo O estraño caso da inventio lectoris que o lector ideal era o seu lector modelo. Aquel lector capaz de tomar un texto como estímulo imaxinativo de cara a unha interpretación profunda. Eco, sen dúbida, sentiríase un pai moi orgulloso deste último traballo de Francisco Castro.

O autor propón dúas historias e nós, ó modo dos antigos libros de Sigue a túa aventura, debemos elixir cal nos parece mellor. A novela pódese ler como unha destas historias de azucre glass das que moitos estamos aborrecidos polo tratamento tan insubstancial e nocivo do amor. Pero tamén, como nos vai convencendo o narrador, podemos virar por outro camiño e tomar consciencia de que amor ten moitas acepcións e a do personaxe principal, non é a correcta.

Nesta historia, Francisco Castro propón ó seu narrador total habitual que desfai e manipula o discurso ó seu antollo. Durante a lectura o narrador sentase ó lado do lector, á mesma altura, cos mesmos medios, e mantén unha conversación con el que o fai partícipe do discurso. Esa cercan ía e claridade leva a reflexión dos que lemos e fai as pausas que ata o final de cada capítulo, non se outorgan.

Noutras publicacións como SPAM ou Xeración perdida vemos esta voz narradora tan forte pero non coa madurez expresiva e narrativa que atopamos nesta novela. Poderemos declarar, sen medo a cometer un erro, que o narrador total de Francisco atópase nun punto de madurez dende o que só podemos esperar unha produción madura e comprometida.

Carla, a protagonista principal, é unha muller divorciada, de mediana idade que é vítima directa do mal que o amor falocéntrico e tóxico produce sobre a sociedade. É un ser alimentado unicamente de pensamentos e sensacións amorosas e o seu discurso é, por iso, impulsivo e obsesivo. Carla presenta as súas lideiras e cavilacións case sen signos de puntuación, o que outorga un ritmo vertixinoso e angustioso ao lector. Pero, en realidade, quen pode facer pausas nos seus pensamentos, sensacións, ou simplemente, en calquera momento da vida?

Este personaxe fainos cómplice dos seus pensamentos e actos, que describen perfectamente unha mente vítima das películas hollywoodienses e das novelas rosas. Unha muller que ten un concepto equivocado do amor verdadeiro, que leva a facer a súa figura pouco atractiva e case baleira. O seu traballo e divertimentos quedan eliminados da súa vida pola necesidade de ser querida, aínda que non sexa da maneira que realmente debe entendelo.

A historia presenta outros personaxes como María Xesús ou Carlos, un enigmático fotógrafo, que son responsables desa limpeza e purga conceptual e espiritual a que se somete Carla durante o transcurso da historia. Todos estes personaxes non teñen necesidade de falar, as súas accións son as que os definen, non fai falta presentación.

Pero que non vos engane tanto amor. Isto en realidade é unha novela policial. Todo o núcleo narrativo xira en torno á aparición de un cadáver que desencadeará toda esta historia de amor, desamor e autodescubrimento e que será un punto de inflexión na vida de Carla.

Francisco crea, polo tanto, unha novela cunha trama orixinal e aditiva, que ironicamente condena as adiccións e os erros comúns da sociedade. Non todas as adiccións son nocivas por iso o noso razoamento persoal terá que facer selección de cara a unha madurez do intelecto e un benestar emocional.

Esta novela trata de presentar o amor dunha maneira beneficiosamente egocéntrica, o amor propio como base para a realización persoal. Amor non é unha palabra coma outra calquera, é vítima da connotación que cada un entregue o seu concepto. Amor é un biscoito ó que cada un outorga os seus ingredientes de cara a súa felicidade. O problema, reside cando esquecemos que pese o noso gusto polo seu sabor, o recoñecemento non é para os artífices.

Levémonos de todo isto unha pequena reflexión. Podemos entender, como facían os lingüistas Sapir e Whorf, que a realidade é a que crea as palabras, e que construímos esas palabras en función desa realidade. O amor é un concepto que durante os séculos se entendeu de moitas maneiras, extremistas e contraditorias moitas veces, respondendo a realidade de cada pensamento. O noso pensamento é o filtro da visión da realidade polo que todos vemos a vida de forma diferente. Amor é unha palabra que, o meu xuízo, non ten límites e responde a outros términos como a bondade, amistade e realización persoal. Todos eles tan importantes para a miña cosmovisión persoal.

E para ti, que é o amor? É unha palabra coma outra calquera?

#Recensión

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

enumerar motivos para debuxar unha balea

 

para crer nun espírito navegante que non temos

para delimitar o medo

para valernos dela na fuxida

para botar de menos unha viaxe

unha en concreto

para debuxar un bazar e disfrazala de elefante

porque teñen a forma das distancias

porque dentro dunha balea o ceo está limpo e non hai dor

para pintala sorrindo e poñerlle flores ou peixiños pequenos

para facer unha metáfora de todas as traxectorias

para que sexa a proa na reconquista da paisaxe

para representar o tamaño da tristeza

para pensar nas palabras coas que explicar o debuxo.

Eduardo Estévez, de baleas 

(Caldeirón, 2017)  

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com