Recensión : Sabela González, As crónicas de Landereina : Bágoa de Lúa


Título : Bágoa de Lúa

Autor : Sabela González

Editorial: Galaxia

Saga: As crónicas de Landereina

Nº Páxinas : 232

ISBN: 9788498654875

Sinopse :

PREMIO II MUÍÑO DO VENTO 2014 AOS MELLORES TEXTOS DE CONTRAPORTADA

PREMIO FRAI MARTÍN SARMIENTO 2015

Durante corenta anos, Landereina sufriu baixo o poder do malvado Wiasmau. O reino xa está recuperado, pero a historia está a piques de se repetir, a menos que alguén consiga destruír a poderosa Pedra de Lúa.

Nunha pequena cabana, nunha praia esquecida do mundo, Berenguela descubrirá que o seu destino é moi distinto ao que sempre pensara. Descubrirá que salvar o reino pode estar nas súas mans.

Ao sur das grandes montañas Kaii e da cadea Sophesiw esténdese o reino de Landereia, unha terra na que conviven amazonas, druídas, ananos e bandidos, sucada polo escuro bosque de Etlual, fogar de centauros e elfos. Landereina vive en paz grazas ao goberno da dinatía dos Gheiroez. O rei Bogardo segue a esforzarse en reconstruír o reino, igual que o fixeron os seus antepasados dende que Argun II lograra derrotar o malvado Wiasmau, quen durante décadas tiranizara as súas terras grazas ao poder da Pedra de Lúa. Pero a felicidade en Landereina está en perigo de novo: o exército escuro dos kaihunn avanza polas vilas baixo as ordes dun novo e descoñecido tirano que busca destronar os Gheiroez e facerse coa Pedra de Lúa e, con ela, co poder sobre Landereina.

Bágoa de Lúa é a novela coa que Sabela González comeza a súa saga titulada As Crónicas de Landereina. Esta primeira novela, como en toda saga, ten a función de contextualizar e mostrar o mundo creado pola autora, e seguir as aventuras de Berenguela e os seus compañeiros de viaxe.

Teño que dicir que impresionoume gratamente o mundo creado por Sabela nesta novela. No interior da publicación, mesmo atopamos un mapa (creado pola mesma autora) do mundo de Landereina. A edición que Galaxia realiza para esta novela é fermosísima e imaxino que a autora estará tamén detrás deste acertado proceso de edición. Sen dúbida, o que máis me gusta da novela é a heroína ou personaxe principal.

Si, escoitaches ben, unha heroína. Esta saga das Crónicas de Landereina ten como personaxe principal a unha nena chamada Berenguela, á que, co tempo, todos rematamos por chamar Gueliña. É unha nena pequena e soñadora, que vive nun mundo de paz mergullada na lectura de libros e na estabilidade familiar, ignorando a súa real condición. Pese a súa aparente febleza, demostra un valor é un sentido do deber moi sorprendente na súa idade. Gueliña convértese nunha muller moi pronto porque o contexto o esixe e lonxe de renegar da tarefa, mostra un coraxe é unha fe que fai dela un personaxe fermoso e heroico. Pese a ser un personaxe forte, Gueliña nunca renuncia a sensibilidade. A amizade, o amor e a solidariedade son valores ós que este personaxe nunca traizoará e iso sempre terá premio nos momentos de necesidade.

As súas variadas compañías preséntanse sempre dende a súa psicoloxía máis que dende a súa fisionomía. Deste xeito todas as criaturas do mundo de Landereina gozan de individualidade dentro de cada raza ou especie. A autora outórgalles un nome e un aspecto distintivo que os fai únicos e irrepetibles. Moitos dos personaxes axudarán a nosa heroína a lograr o seu obxectivo, pero moitos outros farán o imposible por evitar que cumpra coa súa misión. Isto fai do relato unha gran tipoloxía dos personaxes que habitan nun amplo mundo de fantasía. Un mundo onde o ben e o mal loitan novamente nunha batalla doutro tempo.

Como conclusión creo importante destacar que para ser a primeira novela da autora, é totalmente brillante e aditiva. Tiña unhas expectativas moi altas e teño que dicir que en ningún momento decepcionoume. O estilo é moi sinxelo e ben traballado, o que permite una lectura fluída e entretida. As escenas humorísticas e as máis tráxicas xunto cuns xiros argumentais ben traballados conforman unha receita que conquista dende o primeiro momento.

Sabela González nesta novela crea un mundo máxico e orixinal, ó servizo de todos os públicos, onde a fantasía, os valores e o entretemento sempre son protagonistas.

Nota : Se queredes saber máis sobre o mundo de Landereina podedes consultar a páxina web creada pola mesma autora onde podedes atopar todo tipo de información : http://www.landereina.com/

#Recensión

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

enumerar motivos para debuxar unha balea

 

para crer nun espírito navegante que non temos

para delimitar o medo

para valernos dela na fuxida

para botar de menos unha viaxe

unha en concreto

para debuxar un bazar e disfrazala de elefante

porque teñen a forma das distancias

porque dentro dunha balea o ceo está limpo e non hai dor

para pintala sorrindo e poñerlle flores ou peixiños pequenos

para facer unha metáfora de todas as traxectorias

para que sexa a proa na reconquista da paisaxe

para representar o tamaño da tristeza

para pensar nas palabras coas que explicar o debuxo.

Eduardo Estévez, de baleas 

(Caldeirón, 2017)  

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com