Recensión : Francisco Castro, SPAM


Título : SPAM

Autor : Francisco Castro

Editorial: Galaxia

Nº de páxinas : 130 páxs

ISBN: 9788482889368

Sinopse :

Observar a vida dos demais, penetrar nos seus pensamentos, mantelos baixo control, é a obsesión dun home que só é capaz de comunicarse a través do teclado e a pantalla do ordenador. Spam introdúcenos na atmosfera claustrofóbica e atafegante de dous universos paralelos: o mundo laboral sometido á tiranía dun poder omnímodo e o universo aparentemente aberto de Internet, onde realidade e ficción se confunden. Crítica social e ruptura coa ortodoxia narrativa nunha novela na que a literatura toma partido.

Xa tiña ganas de facer una re lectura desta marabilla de historia. É que as novelas de Francisco Castro non chegan a reter po nos meus estantes. Sempre que teño ocasión, volvo a introducirme nas súas páxinas e atopo aspectos nos que antes non me detivera. Pero lonxe de facer louvanza dunha novela sen ningunha xustificación, convencereivos de que vos somerxades nela.

SPAM é unha novela orixinal e lixeira, ideal para este período de verán. A creación de Francisco Castro permítenos facer un breve análise sobre o mundo actual e a importancia da tecnoloxía nas nosas vidas. Preséntanos nesta novela a vida dun home chamado Gómez, que entende a vida como un ir e vir da oficina ó ordenador. Internet e a tecnoloxía, son a única motivación deste personaxe para continuar coa súa vida. A adición é tan grande que faino cego ante o inmediato, ante a realidade. Ata a propia sexualidade do personaxe limítase a un frío contacto coa pantalla. Unha sexualidade baleira e non pracenteira. Gómez leva unha vida obsesiva co mundo online e co traballo, dúas liñas que semellan paralelas e que xúntanse nunha narración perfecta.

Este personaxe non é máis que un boneco de trapo para os intereses do autor. Proba diso é que non hai ningunha información sobre a súa vida anterior ou o entorno. Nin sequera é necesario coñecer o nome da empresa para a que éste traballa. A información precisa reside nas súas accións e modo de vida, e estes son os puntos a tratar. Gómez é calquera de nós, e poida que por iso Francisco elixise un apelido tan habitual para definir o personaxe. Probablemente nós tamén podamos ser estehome, o personaxe que fai tolear a Gómez ata a mesma loucura.

Para moitos, na rede todo é posible. É un lugar onde podes crer, que durante as horas que estás nela, podes gozar do privilexio de ser outro. A rede outorga posibilidades infinitas para calquera interese. No mundo actual e a globalización podemos obter o que queiramos e calquera imaxe compartida por dous usuarios pode chegar a millóns deles, sen que ambos teñan coñecemento. O ámbito persoal e o público atópase nunha barreira moi difusa neste século XXI.

O mellor da novela, sen dubida, é o estilo tan persoal de Francisco Castro no que danos a sensación de que máis que ler, dialogamos co narrador. Interrompe a narración para sinalar o que lle interesa e elide o que non é importante. Pese a ser unha novela de transfundo social e chea de valoracións e xuízos sobre a realidade, non é difícil de ler e ten un ritmo moi áxil.

Como conclusión destacar que esta novela de Francisco Castro é unha das publicacións máis interesantes do autor, tanto pola súa temática social como pola excelencia no estilo narrativo. É, en definitiva, unha novela que fai reflexionar sobre o sentido da vida, no sentido máis “vital” do termo, e o noso papel no mundo globalizado.

#Recensión

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com