Recensión : Ignacio Vidal Portabales, Dióxenes en Dolorida


Título : Dióxenes en Dolorida

Autor : Ignacio Vidal Portabales

Editorial : Xerais

Nº páxinas : 296 páxs.

ISBN : 9788499145631

Sinopse :

Dióxenes en Dolorida, novela gañadora do XXX Premio Blanco Amor, narra as peripecias dun personaxe singular ––misóxino e excesivo–– que chega a unha cidade costeira, Dolorida, tras un fracaso amoroso; vai fuxindo do recordo de Marta. Na vila, tres homes que pasan por momentos delicados das súas vidas deciden seguilo incondicionalmente, asumindo o seu liderado natural. Todos adoitan frecuentar Praceres, un establecemento orixinal que ten especial interese para as mulleres de Dolorida. A novela, escrita cun estilo áxil e directo e co humor como elemento destacado, ofrece unha visión desenfadada das relacións de parella. Gañadora do Premio Blanco Amor de novela 2012, a xuízo do xurado salienta “pola orixinalidade na construción do personaxe protagonista e pola recreación dun ambiente que flutúa entre o real e o paródico”.

En calquera tipo de desorde, sempre hai un orde. Vidal Portabales presenta na súa primeira novela, en clave humorística, unha reflexión sobre a condición humana, tanto masculina como feminina. Unha novela que aínda que non pretende selo, tamén é unha novela de amor.

A historia presenta a un grupo de homes “desamparados” polas súas mulleres, ó cargo dun mestre ou filósofo que recibe o nome de Dióxenes. Este último, como o seu homólogo clásico, predica as súas ensinanzas, aínda que descubriremos que el nin sequera as segue. É un personaxe orixinal na súa concepción. Un home afectado na súa virilidade que comeza unha guerrilla infantil contra o matriarcado. Nas súas tácticas e estrataxemas atopamos gran cantidade de situacións absurdas e cómicas que fannos rir a gargalladas.

Todos os seus aprendices teñen problemas coas súas mulleres pero non poden evitar botalas de menos. Son, o fin e o cabo, homes namorados e dependentes das súas mulleres. Calquera parvada tómase coma unha vitoria no camiño cara a recuperar o seu posto na casa. Pode parecer que é unha obra misóxina en moitos casos, pero temos que profundar nela para darnos conta de que non é máis que unha sátira da condición prototípica de home ou muller. As mulleres identifícanse cos tópicos máis misóxinos pero os homes tamén. No fondo, tratase de presentar a necesidade da existencia e de convivencia dos dous sexos.

Ignoro se Dióxenes tivo a oportunidade de ler a Eça de Queiroz, pero o que non cabe dúbida é de que o autor si o fixo. Citando ó xenial autor portugués : “Tudo que não seja viver escondido numa casinhola, pobre ou rica, com uma pessoa que se ame, e no adorável conforto espiritual que dê esse amor - me parece agora vão, fictício, inútil, oco e ligeiramente imbecil".

Dióxenes polo tanto é un personaxe que busca é vivir agachado nese tonel como un método de illarse dunha vida que non lle gusta. Agacharse é un método que non soluciona os problemas da vida e sen dúbida ninguén pode agacharse do amor. Nestas reunións co obxectivo dunha catarse colectiva mediante as confesións e as actividades liberadoras, ningún dos personaxes pode demostrar máis que a súa inxenuidade fronte ó amor. Todo isto ten lugar nun paraíso como Dolorida, onde podemos atopar unha gran cantidade de personaxes que coñecemos co paso das páxinas. Aparece un prostíbulo onde podemos ver unhas mulleres que rompen cos prototipos femininos, e por iso realizan un contrapunto importante coas mulleres de todos os protagonistas. Os lugares principais de Dolorida son escenario das desventuras dos personaxes.

A estrutura narrativa é una obra de arte. Cada capítulo introduce un eslavón que enlaza perfectamente cos demais. Todos os capítulos teñen distintas voces narrativas, polo que os personaxes principais teñen autonomía para falar libremente. Por se fóra pouco, introdúcenos a presenza duns cadernos que permiten afondar moitísimo nas historias individuais. Outórganos, tamén, datos esenciais para entender os personaxes.

A narración ten longuísimos periódicos sintácticos, debido a que nos introducimos nos pensamentos dos personaxes, e as lideiras non teñen puntos e comas. O gusto pola descrición e a profundidade psicolóxica constrúe un relato de claro gusto realista.

Esta confluencia de pensamentos, accións e tolemia nos leva a unha espiral de sentimentos, gargalladas e anécdotas que fan desta historia, un relato esencial para calquera tipo de lector.

#Recensión

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com