Recensión : Ledicia Costas, Recinto Gris



Título : Recinto Gris

Autora : Ledicia Costas

Editorial : Xerais

ISBN: 9788499146089

Nº de páginas: 149 páxs.

Sinopse :

Tras un día de galerna, Cidade Vii foi invadida por un exército adestrado para conseguir unha cidade perfecta. Aqueles soldados altísimos de uniforme negro e cabeza de lobo peiteaban o territorio, rexistrando cada casa, non deixaban nada ao chou. Tiñan instruccións moi claras que cumprir: colleren aqueles que perturbaban o equilibrio social, as persoas consideradas diferentes, metelas nos camións e trasladalas a Recinto Gris, un lugar habilitado para aloxar os que non encaixaban no seu deseño. Aqueles soldados lobos presentáronse na casa de Nube, unha rapaza incapaz de mentir, coa intención de levala.

Lendo esta xoia dáse un conta de que calquera hora que se pasa lendo a Ledicia Costas é unha hora marabillosa. E se son días, meses ou anos, como levo xa enriba, é pura felicidade. Nesta novela, a autora achega ao sector infantil e xuvenil un tema tan complicado de presentar e transmitir como foi a dureza do Holocausto e as inxustizas dos fascismos. Para facelo máis sinxelo presenta esta sociedade de lobos e persoas "diferentes" como unha alegoría coa época máis escura da historia mundial.

A edición é preciosa. A portada ilustra perfectamente o contido da historia e a calidade do debuxo é incrible, polo que merece unha especial mención nesta recensión Antonio Seijas e o resto do equipo de Xerais. A verdade é que unha edición ilustrada de esta historia sería unha moi boa idea. ¡Anotádea!

Alma é unha nena moi especial. É tan especial que sempre está nas súas cousas e non ten necesidade de socializar nin vivir no mundo real. Por iso, todos na súa familia deron en chamala Nube. É unha afeccionada os animais e sempre ten por compañeiro o seu dicionario de seres mariños. En palabras da propia autora :

Nube era peculiar por moitas razóns. Se tivese que destacar a principal, escollería a súa soidade. Normalmente as persoas precisan das outras, son máis felices cando teñen alguén con quen compartir o seu tempo. Nube non. Pode soar raro, pero ela bastábase consigo mesma. Non lle gustaba a xente. E menos aínda a xente descoñecida.

Un exército de lobos invade a cidade e decide illar a xente "diferente" para crear unha sociedade perfecta. Lévanse a nube e ao seu avó ao Recinto Gris, un terrorífico lugar onde os diferentes son forzados a traballar e a perder a súa identidade para poder vivir. Alí coñecen a moitos outros personaxes que non corresponden a un mesmo patrón, son persoas do máisvario pinto coas que teñen en común que son privados da súa humanidade.

Se non te dormes, vaite comer o lobo!. Moitas veces a miña aboa dicíame iso, e teño que dar grazas de que para entón, non chegara ás miñas mans esta historia. Os lobos que conforma Ledicia son personaxes crueis, xeados e compórtanse como seres programados. Este exército é, por suposto, un exército que ten a violencia e a dexeneración presente en todas as súas accións diarias. Finalmente descubriremos que estes lobos non son o que parecen, e que a súa aparencia é unha mostra dunha crueldade interior aínda maior.

Os personaxes principais son uns personaxes inesquecibles é moi ben conformados que fanche sufrir por eles e desesperarte por non saber como axudalos. Nube, Mun e o Avó son os personaxes principais e imprescindibles da novela. Pero a verdade é que hai un máis que arrebatoume o corazón dunha maneira inmediata.

As continuas reflexións que presenta o libro están tan ben propostas que chegan ao lector con gran facilidade. É evidentemente que a maxia das palabras pode cambiar o mundo, pero por se a veces non é suficiente, poden evocar o pasado co obxectivo de non esquecer as traxedias.

Valéndose dunha prosa tan fermosa como melódica e un estilo sinxelo, Ledicia mergulla o lector nunha historia ben tecida. É evidente que esta autora é vítima da súas lecturas. O poder de soñar e conectar con lectores de un grupo de idade tan amplo so pode recollerse nunha persoa que gozou e goza de lecturas para todos os públicos. Recinto Gris é unha proba máis de que todos os temas poden ter o seu espazo na LIX.

#Recensión

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

enumerar motivos para debuxar unha balea

 

para crer nun espírito navegante que non temos

para delimitar o medo

para valernos dela na fuxida

para botar de menos unha viaxe

unha en concreto

para debuxar un bazar e disfrazala de elefante

porque teñen a forma das distancias

porque dentro dunha balea o ceo está limpo e non hai dor

para pintala sorrindo e poñerlle flores ou peixiños pequenos

para facer unha metáfora de todas as traxectorias

para que sexa a proa na reconquista da paisaxe

para representar o tamaño da tristeza

para pensar nas palabras coas que explicar o debuxo.

Eduardo Estévez, de baleas 

(Caldeirón, 2017)  

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com