Reto literario: Gatsbyween 2016


Esta semana nace o reto Gatsbyween 2016, que pretende amosar que na literatura sempre hai lugar para o horror e o desacougo. Neste reto falaremos dunha obra cada día da semana, dende o Luns 24/10/2016 ata o Luns 31/10/2016.

Para que esta semana se leve con amenidade e teñamos novelas para todos os gustos, teremos entradas no blogue de clásicos da novela pulp, gótica e a máis terrorífica, xunto con novas voces do panorama nacional e internacional.

Gustaríame que, se queredes facer calquera comentario das novelas que imos presentando esta semana, ou recomendar outras que vos parezan interesantes, participedes mediante o hastag #gatsbyween. Invítovos tamén a propoñer contidos e novos retos.

Luns 24/10/2016 = García Díaz, Cecilia. Araneida : La fortaleza de los deseos

Martes 25/10/2016 = Lovecraft, H.P. A chamada de Cthulhu e outros contos de terror cósmico

Mércores 26/10/2016 = Chessex, Jacques. El vampiro de Ropraz

Xoves 27/10/2016 = Duncan, Xosé. Hostal Norte

Venres 28/10/2016 = Allan Poe, Edgar. La caída de la casa Usher

Sábado 29/10/2016 = Fernández Paz, Agustín. Cartas de inverno

Domingo 30/10/2016 = King, Stephen. Riding in the bullet

Luns 31/10/2016 = Recomendacións literarias

A intención de este reto é facer unha humilde e sentida homenaxe a Agustín Fernández Paz (1947-2016), que se declarou sempre deudor das lecturas deste xénero e de escritores como Poe e Lovecraft. Precisamente deste último, eu coñecín a súa existencia grazas a moitos chíos e opinións de Agustín sobre a súa obra. Un home que gustaba moito de ler e que me fíxo gozar da lectura dende cativo coas súas historias. Creo que a mellor forma de rendirlle tributo é falando de lecturas dun xénero con influencia indiscutible na súa obra.

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947 - Vigo, 2016) é unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea. Profesor e escritor desenvolveu un ampla obra narrativa, na súa maior parte publicada por Edicións Xerais de Galicia, traducida e recoñecida cos máis importantes premios. Deuse a coñecer en 1989 co libro de contos A cidade dos desexos, o primeiro na colección Merlín de literatura infantil, da que foi fundador e codirector, ao que seguiron As flores radioactivas (1990), Premio Merlín 1989; Contos por palabras (1991), relatos, Premio Lazarillo 1990, Lista de Honra do IBBY 1992, seleccionado entre a centena de títulos considerados como os mellores da literatura infantil do século XX; Rapazas (1993), relatos; Trece anos de Branca (1994), Premio Edebé de literatura xuvenil 1994; Cartas de inverno (1995), Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil; Amor dos quince anos, Marilyn (1995), O centro do labirinto (1997), O laboratorio do doutor Nogueira (1998). Cos pés no aire (1999), Premio Raíña Lupa; Aire negro (2000), novela Lista de Honra do IBBY 2002, Lista The White Ravens 2004 e Premio Protagonista Jove 2001; No corazón do bosque (2001) ; Un tren cargado de misterios (2001), Noite de voraces sombras (2002); A praia da esperanza (2003) ; O meu nome é Skywalker (2003), Premio Barco de Vapor; Tres pasos polo misterio (2004) ; Fantasmas no corredor (2005), conto; Corredores de sombra (2006), Premio Frei Martiño Sarmiento; O único que queda é o amor (2007), Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil, Premio Neira Vilas da AGE, Premio da AELG, Premio Frei Martiño Sarmiento; Lúa do Senegal (2009), novela, Premio da AELG; Valados (2009); Non hai noite tan longa (2011), novela, Premio Ánxel Casal 2011, Premio Losada Diéguez 2012 e Premio Irmandade do Libro 2012; Fantasmas de luz (2011), Premio da Crítica Galicia 2012; Desde unha estrela distante (2013) ; A viaxe de Gagarin (2014), Premio Ánxel Casal 2015, Premio AELG 2015 e Premio da Crítica Galicia 2015; A neve interminable (2015), Premio Frei Martín Sarmiento 2016 e O soño do Merlo Branco (2016).

A maior parte da súa obra está traducida a todas as linguas ibéricas, coreano, árabe, francés, chinés, búlgaro, bretón, italiano e inglés. Entre outros recoñecementos á súa traxectoria, recibiu o Premio Irmandade do Libro (2003); o Premio Xosé María Álvarez Blázquez (2008), a Letra E (2009) da AELG; e en 2011 recibiu o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Foi o candidato da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award; en 2011 foi escollido pola OEPLI como o candidato español ao Premio Andersen 2012 e en 2015 a AELG propúxoo como candidato ao Premio Nobel de Literatura.

Espero que esta iniciativa vos guste e disfrutedes tanto dela coma min. Levou moito tempo de traballo organizar as lecturas e traballar nelas, pero fíxeno coa mellor das intencións. Penso que vos gustará.

Nin Halloween, nin Samaín, o que mola é o Gatsbyween!


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com