I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Tomás González Ahola : "O descoñecido é unha das meirandes preocupacións da nosa especie e por conseguinte unha das fontes máis ricas para a ficción literaria"

November 15, 2016

 

 

 

Tomás González Ahola (Vilaboa, 1981) é, entre unha morea de cousas, un creador e editor de literatura en lingua galega. Licenciouse en Filoloxía Clásica pola USC e fixo estudos de doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada.

Certo día, decatouse de que iso da universidade non era para el e fundou Urco Editora, Sacauntos Cooperativa Gráfica e Contos Extraños Editora, entre outros moitos proxectos.

No que a súa obra respecta, temos que sinalar títulos como Galiza mutante: poder nuclear (Contos Extraños, 2013), Alaia e a deusa (Urco, 2014), Derradeiro bis en catro-corenta (Redelibros2015), Da fría e distante estrela polar (Urco, 2016).

 

 

1.    Para comezar, unha pregunta sinxela. ¿Quen é Tomás González Ahola?

Se houbese que resumilo nunha frase, poderiamos dicir que Tomás González Ahola era un tipo de cabelo longuísimo e mesto que estudou filoloxía e hai nove anos fundou Urco Editora, cousa que o levou a seguir sendo un tipo que estudou filoloxía, pero que tamén pode (e debe) falar en pasado da súa longa e mesta cabeleira.
Se nos pomos algo máis serios, cousa difícil no meu caso, a menos que me enfade, podo dicir que son fundador e editor en activo de Urco Editora, escritor ás veces, tradutor tamén, impresor forzado, músico bebedor vocacional e, en resumo, unha persoa que fixo propia a máxima do «aprendiz de todo e mestre de nada».

 

2.    ¿Cales son as súas metas profesionais e vitais?

Como apuntaba na última parte da anterior resposta, as miñas aspiracións resúmense na vontade de facelo todo, de vivir todas as vidas. Traballei de moitas cousas na vida e non renego de ningunha delas. Ultimamente levo bastantes anos no mundo da edición, pero nese tempo tamén aprendín o oficio de impresor, fun e son editor dunha revista tipo pulp, fun estudoso e monitor de esgrima histórica, obsesioneime o ano pasado co marabilloso mundo de camperizar furgonetas, que me levou até o Cabo Norte... Se cadra quero rematar os meus días como editor de Urco, pero acho que o tempo dá para moito e, sinceramente, encantaríame morrer con todos os selos posíbeis no meu pasaporte vital.

 

3.    Cando comezou a estudar filoloxía clásica na universidade de Santiago de Compostela, ¿pensou vostede que remataría traballando e fundando unha cooperativa gráfica e unha editorial?.

Cando comecei a estudar BUP (hostia, que vello son!), alá polos meus 14, pensei que sería cirurxián. Cando comecei filoloxía clásica estaba convencido de que sería un estudoso e tradutor do mundo antigo. Cando comecei os estudos de posgrao en Teoría da Literatura e Literatura Comparada cría que acabaría como investigador e docente na Universidade. Obviamente, non sabía que faría o que fago agora mesmo, mais ao mesmo tempo ambas as dúas ocupacións que mencionas defínenme bastante ben, xa que ambas as dúas tratan de libros: unha (a editorial), do punto de vista máis «elevado», outra, a gráfica, do punto de vista material e físico (na nosa imprenta fabricamos principalmente libros). Se son sincero contigo e comigo mesmo, eu non sería quen de aturar un traballo completamente desvencellado do manual, do primario. Por iso acho que a combinación de ambas as dúas cousas achega certo equilibrio a unha mente como a miña, desequilibrada de serie.

 

4.    Ten unha producción literaria moi variada temáticamente : dende historias máis terroríficas e ficionais ata a historias máis realistas e cotiás, sen esquecer a literatura xuvenil. ¿Cre vostede que a literatura é un eido válido para calquera tema?

Como xa van varias, aproveito para facer un inciso sobre o «vostede». Agardo que sexa brincadeira. A primeira e única que me trataron de vostede no súper fulminei a caixeira coa mirada (hai xente que di que teño ese don). Por favor, atúame, aínda que levo mala vida e estou un pouco escarallado, aínda non teño setenta anos.
Volvendo ao que nos ocupa, considero que a literatura é un eido válido para calquera tema posto que se trata de comunicación, a fin de contas. Mesmo se cadra, é o xeito máis puro e perfecto de comunicar ideas. Se podo facer un paralelismo algo basto, é como cando lle dás unha pastilla do veterinario a un can envolveita nun anaco de queixo. As lectoras e lectores de calquera idade pensan que están a ler ficción, gozan do momento da lectura, dese queixo ficcional, mais no medio desa rebanda graxenta de letras están agochadas as ideas, as que nos fan medrar, as que nos sandan, ou as que fican no noso corpo e botan raíces.

 

5.    A túa obra abrangue tamén a tradución de títulos como O muiñeiro ouveador (Rinoceronte, 2007) do finés ó galego. Por qué decides aprender esta lingua?

A decisión non foi miña. Dáse a casualidade de que a miña nai, Tuula, é finlandesa. Foi para o Morrazo nos anos setenta acompañando o meu pai, un músico que foi buscar fortuna ao extremo norte. O finlandés é a miña primeira lingua, malia que en tempos a tiven medio abandonada. Porén, non é a primeira vez que asusto alguén cando, ao ficar durmido, comezo a falar esa xiria estraña en soños. Seica a primeira lingua que aprendemos fica gravada para sempre nas capas máis profundas do noso cerebro e logo abrolla nos momentos máis primarios (a loucura, o soño, a vellez). O finlandés é algo moi ligado á miña vida, como podes imaxinar, logo tento practicala cando podo, visitar a miña matria cando a economía e o tempo o permiten e achegar un pouco da súa cultura e a súa literatura á Galiza.

 

6.    Falemos un pouco de Da fría e distante estrela polar. Semella imposible non decatarse de que o título de Kalvala recorda un pouco ó poema épico finlandés Kalevala, do que te declaras admirador…

Da fría e distante Estrela Polar comezou cun soño que lembraba a medias ao acordar (coido que a noite anterior ceara zorza). O soño trataba do Nadal, logo fun tecendo relatos arredor daquel Roi Bernal, reloxeiro especialista en reloxos xigantes. E, como é lóxico dada a miña ascendencia, se ía escribir sobre o Nadal non me quedaba outra que ancorar a miña narrativa nos mitos e nas lendas de Finlandia.

O Kalevala, ademais, é unha fonte inesgotábel de inspiración, unha obra que comecei a traducir con 18 anos e que agora á fin, sumada a miña nai ao proxecto, probabelmente vexa a luz moi axiña en lingua galega.

 

7.    Neste libro afóndase no tema do horror ante o descoñecido e o que está máis alá do coñecemento racional. ¿Crees que esa é a maior preocupación e medo do home?

Sempre considerei a Lovecraft un fulano bastante clarividente no eido do terror, e foi el o que dixo aquilo de que «O medo é o sentimento máis forte e antigo da humanidade, e o medo máis forte e antigo é o medo ao descoñecido». Non sei se esa será a maior preocupación dos seres humanos, mais no fondo sospeito que si é unha delas. Pensemos en que a morte, a fin da existencia, é a quintaesencia do descoñecido, e a morte está presente desde que nacemos. Pensemos tamén en todo aquilo de descoñecemos e que nos causa desacougo, o abrollo do instinto de supervivencia, o rexeitamento, a violencia. Como dicía, non sei se a maior delas, pero, como mínimo, coido que podo afirmar sen trabucarme moito que o descoñecido é unha das meirandes preocupacións da nosa especie e por conseguinte unha das fontes máis ricas para a ficción literaria.

 

8.    A obra bebe, en grandes doses, de crenzas e mitoloxía. ¿Foi a túa formación en filoloxía clásica o que te outorgou ese interese ante estes temas?

Neste caso non sei se foi antes o ovo ou a galiña. Quizais tamén o meu interese desde cativo neses temas foi o que me empurrou a estudar clásicas. Mais indudabelmente, a miña formación académica contribuíu nese interese. Negalo sería como negar cinco anos de vida.

 

9.    Na obra tamén se afonda, para o meu disfrute, na cara oculta das figuras máis bondadosas. En certo modo, supoño que estas historias aliméntanse desa escuridade que hai en calquera ser…

Abofé, esa é unha temática que me encanta. Non en balde sempre fun un grande seareiro de Heráclito, aquel a quen chamaban «o escuro», e non precisamente por ser o primeiro «gótico» de Éfeso. Detrás de todos os grandes mitos, mesmo dos benévolos, dos contos de fadas, das divindades, hai un reverso escuro e estarrecedor. É precisamente esa dualidade, ao meu entender, a que fai deles algo eterno que sobrevive ao mesmo tempo. Supoño que escribir sobre isto foi un pracer, case unha necesidade.

 

10.    ¿Cal foi a historia do libro que naceu en primeiro lugar?. ¿Como xorden as outras?

Como comentaba un pouco máis arriba, a primeira foi Roi Bernal, reloxeiro especialista en reloxos xigantes. Xurdiu dunha mala noite, dun deses soños dacabalo entre a ilusión lúcida e o pesadelo. Gústame cear forte, supoño que Lovecraft tamén era dos meus, se non, non me explicaría moitas cousas. Nese momento xurdiume a oportunidade de publicar a primeira parte dese relato nun volume de Contos Estraños dedicado ao Nadal, e logo viñeron as dúas seguintes.

Os restantes relatos foron caendo aos poucos, intercalados coa escrita doutras cousas. O primeiro deles, Kalvala, naceu nunha viaxe a Finlandia, no San Xoán de 2013, onde pasei unha semana nunha casa de madeira construída nunha illa diminuta no medio dun lago algo lamacento. Carboende foi para unha lectura de relatos de terror polo Samaín, na defunta libraría compostelá «O fogar das palabras». A tinta do señor Halti escribina a retrincos durante un par de anos, aquí e acolá. A illa celeste foi no camping de Estorde, no mesmo lugar onde escribín a miña novela xuvenil Alaia e a Deusa, e nese mesmo camping está ambientado o relato, aínda que nun futuro desacougante.

Por último O berce vermello, o meu favorito de toda a escolma, naceu un día paseando polo Monte Pedroso. Estaba a pensar nunha das miñas novelas favoritas The boat of a million years, de Poul Anderson, e coido que o pouso que esa obra deixou en min, xunto coa soidade do monte e a resaca de Anís del Mono conxuráronse para que escribise sobre un tema que sempre me encantou, o das naves xeracionais.

 

11.    O desacougo e certo terror psicolóxico son aspectos inherentes no discurso de cada un dos teus narradores…

Quixen ser lovecraftiano á mantenta, confeso o meu pecado. E digo á mantenta porque cando publiquei a miña primeira novela: Galiza mutante. Poder nuclear!, moitos lectores e parte da crítica viron moitísimo Lovecraft nela, e esa non fora a miña intención. No caso de Da fría e distante Estrela Polar quixen render tributo ao Solitario de Providence facendo meus os seus personaxes, e de paso render tributo tamén a Agustín Fernández Paz, que por desgraza pasou a outro plano da existencia o mesmo día no que estaba a preparar un paquete co meu libro dedicado a el.

 

12.    Gústame dicir que as lecturas son útiles cando fan que o teu interior se revolva. Ó principio de cada un dos teus relatos, o lector poderá observar que hai unha pequena cita dalgunha outra obra. Supoño que a escolla de cada unha responde a unha intencionalidade. ¿Cal é?

Sempre me encantaron as citas antes dos relatos porque conectan as obras nunha rede global, nesa biblioteca de Babel da que falaba Borges ou nese «Espazo B» do que falaba Terry Pratchett. As citas condicionan dalgún xeito o lector, dan pistas (ás veces equivocadas á mantenta) e espertan o interese de quen le noutras obras do continuo espazo-libro. No caso das citas de Da fría e distante Estrela Polar quixen ofrecer unha pequena mostra destilada das miñas lecturas, das letras que me acompañaron en distintas etapas da miña vida como un ronsel de palabras.

 

13.    O relato curto é un clásico dentro da literatura galega. A responsabilidade de crear algo válido dentro deste xénero semella enorme, pero Da fría e distante estrela polar consegue ser un produto magnífico. ¿Cal é o segredo?

Antes de nada, grazas polo calificativo de «magnífico», aínda que coido que non o merezo. Eu sempre fun un gran defensor do xénero breve e penso que, coa tradición que temos no noso país, está ben pouco explotado a día de hoxe. Non teño receitas secretas para o que fago, só tentar condensar as ideas nun espazo reducido de palabras. Se cadra é accidental, son un tipo bastante ocupado.

O meu amigo e colega editor David Cortizo sempre comenta nas presentacións que eu son de escribir contos e capítulos breves porque ando a mil cousas e apenas me quedan minutos para escribir, daquela teño que facelo cando vou ao baño, e claro, tampouco vou pasar a vida sentado no trono. Aínda que esaxera, coido que hai un pouco de verdade no que di de min.

 

14.    Por último, ¿Cal foi a súa intención con Da fría e distante estrela polar?

Se son completamente sincero, non concibín Da fría e distante Estrela Polar como conxunto até que levaba xa catro ou cinco relatos. Foi un cosmos que se foi creando a si mesmo, un feixe de relatos unidos por certo grao de intertextualidade. Porén, eles sós foron creando un pequeno mundo autónomo. Se me esforzo en buscar unha intencionalidade ao conxunto, acho que se tratou de comunicar as teimas que me roldan desde hai moitos anos: a noite, a memoria atávica, a inmortalidade, o frío, a distancia infinita, as estrelas...

 

Obras de Tomás González Ahola

 

 

 

 

 

 


 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com