I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Recensión : Sabela González, Feitizo de Sangue

November 23, 2016

 

Título: Feitizo de Sangue

Autor: Sabela González

Saga : As crónicas de Landereina

Editorial: Galaxia

ISBN: 978849865-5803

Nº de páxinas: 264 páxs

Sinopse :

 

En Svörie, a illa dos sabios, descubrián os segredos da súa montaña, do seu poder e, tamén, de como o pasado uniu o destino dos Gheiroez e do malvado Wiasmau

Mentres a malvada man que pretende facerse co control do reino segue xuntando as partes da Pedra da Lúa grazas ao sangue de Ohn, príncipe de Landereina, Berenguela e Güenaela deixan atrás o bosque de Etlual para partir na procura do terceiro feitizo, o que destruirá para sempre a maxia do poderoso amuleto.

Feitizo de Sangue é a segunda parte da triloxía de As Crónicas de Landereina de Sabela González. Unha novela que ven a ser a continuación dun título que me gustou especialmente, Bágoa de Lúa, aínda que pódese afirmar con rotundidade que esta segunda novela, é outra cousa. Recordo que cando comecei a primeira parte atopei unha proposta marabillosa, pero tamén arriscada, e que, en certo modo, presentaba moitas propostas dificilmente practicables para un autor novel. Aínda que quedou un pouco coxa nalgúns aspectos, considero que salientou ben os problemas cunha proposta tan atractiva como divertida. Sen embargo, nesta segunda, temos unha novela moito máis madura e que tamén crece ó ritmo do propio lector, o que se agradece moito.

 

Esta segunda parte é a típica novela de transición dunha saga: péchanse incógnitas, ábrense outras novas, e temos máis tempo para introspección na psicoloxía dos personaxes. Semella unha premisa moi sinxela de cumprir, pero non. O que chama a atención desta segunda parte é que está ben feita. En certo modo, recórdame un pouco a saga de Harry Potter, por suposto salvando as distancias, no que a concepción se require. En Bágoa de Lúa atopábamos ó clasico tópico do camiño do heroe, que ten que salvar o mundo sen que se lle de tempo a mudar o pixama, e un malvado middle-gray e clásico como Wiasmau. Como en Harry Potter, co avance da saga deixamos atrás o máis infantil e atopamos unha trama moitísimo máis escura.

 

Nesta historia, o contido é moitísimo máis maduro. A exploración do mundo que crea autora maniféstase moitísimo máis. Os espazos comezan a definirse nos trazos máis importantes: dende a organización político-social ata a elementos que poden parecer insignificantes pero que axudan a imaxinar o lugar. Landereina non é un mapa plano sen diferencias, unicamente raciais e ideolóxicas, comeza a ser debuxado polos seus accidentes xeográficos, a súa poboación e costumes, incluso culinarios e alquímicos, e a súa distinta vexetación.
 

O ritmo da trama principal, redúcese un pouco para introducir historias paralelas e temporalidades distintas. Iso permite a aparición das microhistorias dos demais personaxes. Permítenos coñecer o por que dos seus estraños comportamentos ou das súas ideoloxías. Isto fai do relato unha panorámica pola historia de Landereina e dos seus cidadáns, achegándolle un matiz de profundidade que quedou un pouco sepultado na primeira historia.

 

Os comezos do século non foron fáciles. Landereina entrara no milenio convertida nunha terra convulsa, comesta por unha guerra. O conflito fora alentado por unha nobreza que, aproveitando a empobrecida situación do pobo, acirrara unha revolta contra o rexente, Dumfar de Gheiroez. (...) Mentres a nobreza tomou o poder, máis tal concesión converteuse nas súas mans nunha oportunidade de aumentaren as súas riquezas á conta dos plebeos, que acabaron por descubrir, sumidos na explotación que aquela situación non os beneficiara como nun principio pensaran. (Feitizo de Sangue, p.97)
 

Nesta segunda novela, a autora presenta novos personaxes moito máis complexos e desenrola outros con escaso afondamento na anterior entrega. As historias persoais son moito máis importantes e son definitorios dunha ideoloxía futura. Nos nosos heroes e importante sinalar o crecemento de Gan e Güenaela nesta novela. Ambos dan un paso adiante na súa concepción e amosan o crecemento ante as dificultades. Berenguela segue sendo unha meniña fráxil que aínda que é valente carece de instinto bélico. Agradezo que a autora non crease outro personaxe feminino heroico e perfecto, xa que o realismo no personaxe de Gueliña reside en que é unha nena da que todo o mundo agarda moito pero que, ó mesmo tempo, todo a colle por sorpresa e ten que vivir cunha identidade que non sente dela.

 

A Berenguela gustáballe descompoñer as cousas. Atopaba que as respostas moitas veces se agochaban no menos esperado. Era certo que nalgunha ocasión a súa teima lle valera unha decepción, pero gustaba de poder comprender os mecanismos ocultos de ferramentas e persoas. Naquela viaxe, non obstante, semellaba que non tivera tempo a comprender nada. Loitaba por deixar atrás unha gran tristeza coa esperanza de poder chorar a sua nai cando as condicións o permitisen, esforzábase por entender que estaba a suceder e, o máis importante, como. (Feitizo de Sangue, p.146)
 

Wiasmau é o gran protagonista nesta segunda parte da triloxía. É un personaxe que, a priori, é concibido como perverso e cruento, pero que nesta historia observamos moita máis complexidade. Por seguir coa comparación coa saga de Harry Potter, é o Lord Voldemort nesta saga. A súa ideoloxía nace dun desengano co mundo e diversas cuestións que non vou comentar, é por iso a construción do enemigo dos nosos heroes é máis perfecta. Pasamos dun ser malvado por decisión da autora, a alguén cun pasado que, en certo modo, ilustran este futuro. Tamén poderemos ver o ascenso do seu poder e importancia e as maneiras "democráticas" de conseguilo.
 

En resumo, esta historia é moitísimo mellor que a súa primeira parte. O mundo ten un traballo maior e ese esforzo é notorio. Os personaxes son moito máis complexos e mellor traballados. A trama complícase en diferentes niveis narrativos moito máis interesantes e que rondan o psicolóxico. Esta historia deixoume con ganas de máis e agardo con impaciencia a publicación da derradeira parte das aventuras dos nosos heroes en Landereina.

 

 

 

 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com