I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Hector Cajaraville : "Unha cousa é pensar que o que ti fas ten calidade e outra é comprobar que outros o pensan tamén"

December 6, 2016

 

Héctor Cajaraville (Santiago de Compostela, 1974) é, entre outras cousas, xornalista e corrector editorial. Como xornalista desenvolveu a súa actividade en medios de comunicación como La Voz de Galicia e De Luns a Venres. Desde 2011 dedícase tamén a tarefas de corrección para diversos selos editoriais. É tamén coautor do Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato (Xerais, 2014).

Como narrador conta as súas publicacións por premios. Deuse a coñecer con De remate, Premio Xerais de Novela 2015, a que seguiron Quen dá a quenda? (Xerais 2016), finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015 e A caixiña dos rancores (Xerais 2016), Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2015. Recentemente gañou o premio Meiga Moura que entrega Baía Edicións pola novela Denébola a Roxa (Baía, 2016).

 

 

                                   

                                     Fotografía : Cajaraville.eu

 

 

1.  Unha pregunta sinxela. Quen é Héctor Cajaraville? 
Unha pregunta sinxela de facer, pero non tanto de responder, sobre todo se es Héctor Cajaraville... En resumo: un neno de barrio ao que lle gustaba ler e escribir, e que soñaba con converter iso no seu medio de vida. Por iso estudei Periodismo, pensando que nesa profesión podía atopar o meu espazo. Axiña descubrín que non, aínda que tardei un tempo en reorientar a miña actividade. Aos trinta e cinco anos deixei o traballo en que estaba e fixen un máster de Lingüística Galega e outro de Edición, e a partir de aí entrei en contacto con este mundo da literatura no que ando agora, coa esperanza de que dure o máximo posible; e se non, pois a outra cousa.

 

2. Cal foi a súa primeira inmersión no eido da literatura? Foi dende cativo unha ocupación ou divertimento para vostede?
De pequeno lía de maneira intensa, moito máis que logo na adolescencia ou de xove. Ía á biblioteca «Buenas Lecturas», nas Casas Reais, e sacaba tres libros de cada vez, o máis que deixaban. Abría (creo que segue abrindo) os xoves e os domingos, e eu collía tres libros o xoves e o domingo devolvíaos e collía outros tres, polo xeral de Los cinco, Los tres investigadores e esas cousas que daquela todos liamos. As mulleres que atendían a biblioteca debían pensar que só levaba os libros de paseo, pero de verdade que os lía, e ás veces mesmo botaba man do que había pola casa para completar a miña ansia lectora. Así recalei en Pedro Páramo, A metamorfose ou La ciudad y los perros, das que non entendía apenas nada pero nas que alcanzaba a descifrar minimamente as claves da verdadeira literatura, era consciente de que entre Enid Blyton e aquilo había unha gran diferenza, por máis que daquela eu non soubese identificala... Logo perdín a afección á lectura durante uns anos, pero por sorte recupereina, espero que de forma definitiva, pois foi e segue sendo a vía pola que me chegaron algúns dos meus recordos máis gratificantes.
    
3.  Supoño que non agardaba o éxito das súas primeiras historias, De remate (2015) e Quen dá a quenda? (2016), e menos sendo tan antagónicas no que respecta ó seu público. 
Non agardaba que se publicasen sequera, así que o do seu posible éxito xa nin me pasaba pola cabeza. Pero cando as rematei de escribir, que foi de xeito case simultáneo, pois escribinas a un tempo, pensei: isto non está tan mal. Eu leo unha media de noventa ou cen libros ao ano, todos de literatura galega, e teño unha perspectiva bastante completa do que se edita por aquí. E por iso decidín envialas aos diferentes certames literarios, porque considerei que o que eu facía non estaba tan lonxe en calidade do que o mercado editorial galego ofrecía. Era a comezos de ano, Xerais acababa de abrir o prazo para os seus premios, e por aí empecei. Presenteinas a outros, pois o que menos podía agardar é que en dous premios do prestixio do Xerais e o Merlín me puidese ir ben. Pero logo xa vin que estaba entre os finalistas nas dúas categorías, e despois souben que gañara por unanimidade na modalidade de novela, e que no Merlín tamén había persoas do xurado para as que Quen dá a quenda? era a mellor das propostas presentadas. Non o podía crer, e aínda hoxe me parece un milagre, porque unha cousa é pensar que o que ti fas ten calidade e outra é comprobar que outros o pensan tamén. Aí empezou todo.

 

4. Agora chega ás librerías A caixiña dos rancores (Xerais, 2016). Como nace esta historia? ¿Que podemos agardar dela?
A caixiña dos rancores é unha historia de amizade entre unha vella e dous mozos, un rapaz e unha rapaza que son parella. De modo casual as súas vidas crúzanse (Vidas cruzadas era o título orixinal da novela, que logo se cambiou pola abundancia de referencias con este mesmo nome, mesmo no ámbito literario), e o que nun principio é unha convivencia obrigada que non semella ter visos de callar acaba converténdose nunha fonda relación de afecto mutuo que ao meu modo de ver é a verdadeira esencia da novela. A maiores hai tamén unha historia de misterio que se vai desvelando aos poucos a medida que a trama avanza, e que trata sobre un dos casos de “nenos desaparecidos” tan frecuentes no noso país ata hai relativamente pouco, pero iso só é a desculpa para que os personaxes afonden nese vínculo tan especial e tan inesperado (ou tan especial por inesperado) que se establece entre eles.

 

5.  Acaba de recibir o premio Meiga Moira coa novela Denébola a Roxa. Como recibiu a noticia?
É o cuarto premio que recibo en algo máis dun ano, ademais de ser finalista no Merlín, un recoñecemento coa mesma ou maior repercusión ca outros galardóns. Tamén gañei ou recibín algunha mención noutros certames de relatos curtos. Alguén poderá pensar que un se acostuma a isto de que o chamen por teléfono e lle digan que recibiu outro premio, pero polo menos a min pásame o contrario: cada vez póñome máis nervioso ao recibir a noticia e paréceme máis incrible. Cando gañei o premio Xerais estaba máis ou menos á expectativa de que iso puidese suceder, pois era un dos finalistas, pero todos os que viñeron despois colléronme tan de sorpresa que nalgunha ocasión nin sequera fun capaz de reaccionar. Lembro especialmente cando me chamou a concelleira de Cultura de Lugo para dicirme que gañara o premio Ánxel Fole e eu quedei calado do outro lado da liña. Debeu pensar que o de escribir igual non se me daba mal, pero que para manter unha conversa non estaba moi capacitado. E este último, o Meiga Moira, igual, porque ademais era unha novela que mandara a outros certames e que non fora finalista nin merecera ningún outro tipo de recoñecemento, así que as miñas expectativas non eran moi elevadas. Por esa é outra: sábense os premios que gañas, pero non os moitos nos que non recibes mención de ningún tipo. Eu mesmo cheguei a participar en certames que se declararon desertos por “falta de calidade dos orixinais presentados”. Iso é o peor que che poden dicir como escritor, porque podes entender que outro orixinal sexa mellor ca o teu, pero que prefiran deixar o premio deserto... uff!!

 

6.  Cal foi a orixe desta historia?
Quería escribir unha novela na que pasasen moitas cousas, unha verdadeira novela de aventuras ao estilo clásico, e pareceume que ter de protagonista unha moza que comeza de noviza nun convento de clausura e chega a ser capitá dun barco pirata (e todo o que acontece despois, que non adianto,por non facer un auto-spoiler) era unha base moi potente e acaída para lograr ese obxectivo. Non o pensei moi ben e embarquei nesa aventura (nunca mellor dito) sen reparar en todo o traballo que iso me ía obrigar a realizar.

 

7. Denébola a Roxa é cunha ambientación histórica non habitual na literatura en galego e menos na LIX…
Xusto a iso me refería cando na pregunta anterior dicía que non reflexionara acerca de todo o esforzo que me ía supoñer desenvolver a idea de partida, principalmente no aspecto da documentación. Botei todo o tempo que dediquei á redacción da novela pensando no fácil que é meter a zoca cando se fala dunha etapa histórica diferente á actual e non se posúen de antemán firmes coñecementos sobre a época que se pretende recrear, como era o meu caso: chegaran as patacas a Galicia no ano 1600? Que tipo de embarcacións se empregaban para cruzar o Atlántico a comezos do século XVII? Que inventos para a navegación ou para a observación astronómica se difundiran ata o punto de que non resulte estraño que aparezan nesta novela? Mesmo cuestións tan triviais como cales eran os nomes máis habituais nese tempo ou o tipo de moedas que se empregaban adoito foron motivo de prospección e de desvelo. Todo iso obrigoume a un labor de documentación que nunca tivera que desenvolver, e descubrín que ás veces podes botar un día enteiro só para escribir un parágrafo, como cando falas do tempo que levaba cruzar a península Ibérica a cabalo ou do tipo de produtos que se comercializaban entre América e Europa nesa altura.

 

8.  Denébola é un personaxe bastante peculiar. É indubidable que hai unha visión de xénero na novela e sobre todo na loita deste personaxe.
Si, e esa era a outra premisa de partida: mostrar un exemplo de superación persoal co que calquera se puidese sentir identificado. No momento histórico que elixín como marco viña dado que a figura sobre a que recaese o peso da historia tiña que ser unha muller. E iso obrigoume a un esforzo similar ao que explicaba antes en relación co traballo de documentación e o medo a meter a zoca, pero neste caso referido á “construción” dos personaxes. Á fin e ao cabo, son un home poñéndome na pel dunha muller nova do ano 1600, e dun exercicio de alteridade coma ese podes saír airoso ou facer o ridículo. En De remate o protagonista era un home da miña idade e a historia estaba ambientada na época actual, e de súpeto aquí eu tiña que ver o mundo desde a óptica dunha moza de hai catrocentos anos. O meu maior medo era caer no paternalismo, no disparate ou na “fantasmada”; é dicir, artellar unha historia inverosímil que mesmo ás mulleres, que loxicamente se deberían sentir máis identificadas coa protagonista, as afaste da proposta. Para min foi unha inxección de autoestima saber que esta novela gañara por unanimidade un premio no que o xurado estaba composto por mulleres, e ademais de idades moi dispares.

 

9.   Poderiamos dicir que o conflito non está só nas aventuras, senón na necesidade de Denébola de amosar quen é e o que pode facer…
Quizais aínda máis nisto último que nas propias aventuras que lle dan sustento á novela, que son só a “desculpa” para mostrar o proceso de crecemento interior (e exterior) da protagonista. Supoño que o relato permite esas dúas lecturas: a máis lúdica, centrada nas situacións que se lle presentan á protagonista; e esoutra que subxace baixo a capa máis superficial, a da nena-moza-muller que quere trazar o seu camiño na vida sen que outros o fagan por ela. Dúas lecturas, por certo, que non se exclúen entre si, e que mesmo se enriquecen mutuamente e se estean unha na outra.
    
10. Para iso terá que xogar moitísimo coa súa propia identidade o longo da historia…
Ela mesma o di nun momento do relato: empeza sendo Denébola, logo é a noviza Consolación, despois ten que adoptar un nome masculino para a súa vida pirata e finalmente convértese en Denébola a Roxa. É un modo paradoxal de conseguir ser ela mesma: pasar por ser outras moitas antes, pero penso que iso tamén é un exemplo de ata onde chega a determinación da protagonista por cambiar o rumbo do destino que outros escribiran para ela.

 

11.   Que é o que quere amosar Héctor Cajaraville ao seu público infantil?
O que quere todo o mundo que se dedica a escribir, supoño: ofrecer historias que divirtan e que dean pé á reflexión, e que no caso concreto da literatura infantil e xuvenil axuden a entender un mundo que nesas idades aínda se está conformando nas cabezas dos lectores. Se consigo algún deses obxectivos, xa me dou por satisfeito. E se consigo os tres, xa nin che conto.
    
12.  Se ten que usar unha frase curta para definir cada unha das súas novelas? Cales serían?
De remate: unha alfaia que cando o releo me parece imposible que saíse da miña man. Aínda me emociono estupidamente cando releo algunha das pasaxes (nin é unha frase nin é curta, pero nas seguintes prometo conterme...).
Quen dá a quenda?: o libro que a min me gustaría ler cando era pequeno.
A caixiña dos rancores: o triunfo da amizade por riba de prexuízos e convencionalismos.
Denébola a Roxa: a demostración de que a afouteza e a perseveranza poden derrubar todas as barreiras.

 

 

 

 

 

As obras de Hector Cajaraville

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com