I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Manrique Fernández : "Non teño vocación de crítico, concibo "O meu andel" como un sitio onde facer recomendacións do que me gusta"

December 19, 2016

 

Manrique Fernández (Cospeito, Lugo. 1965) é licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou en distintos medios galegos, tanto na prensa escrita como en radio, televisión e medios dixitais. Exerce de director-xerente da Fundación Rogelio Groba dende o nacemento desta fundación en 2002. En colaboración co compositor, publicou a súa biografía autorizada Meditacións en branco e negro (Xerais, 2000), un libro de conversas Diabolus in musica (Galaxia, 2011) e un catálogo Mi obra musical comentada (Fundación Rogelio Groba, 2015). 

Tamén publicou o libro Floralba (Egasur, 1999), que recolle o libreto da ópera do mesmo título e o poema orixinal no que se baseou; Ponteareas máxica. mitos, ritos e lendas (Asociación de Comerciantes de Ponteareas, 2001), no que recompila varias lendas da zona relatadas en verso; e mailo libro de relatos Crónicas de Embora (Toxosoutos, 2014). Tres Feridas (Belagua, 2015) é a súa obra máis recente.

                                      Imaxe: Comarcasnarede

 

 


1.  Manrique Fernández é xornalista, biógrafo autorizado e estudoso de Rogelio, mesmo director da súa fundación, e escritor. Vostede non ten tempo para aburrirse.
¡Hahaha...! Procuro non aburrirme. A vida é demasiado curta como para aburrirse. E estar activo é a maneira de sentir que a vida flúe por un.

 

2.  Tamén compaxina estas ocupacións con escribir recensións críticas sobre literatura na sección O meu andel de Comarcas na rede. ¿De onde vén esa necesidade de comentar de maneira pública as súas lecturas?
En realidade foi todo por pura casualidade. O xornal diríxeo un amigo meu que me suxeriu a posibilidade de crear unha sección literaria. A idea é a de comentar algúns dos libros que vou lendo, presentalos aos lectores para que poidan achegarse a eles algo máis informados, ou espertar a súa curiosidade sobre determinados títulos e autores. Non teño vocación de crítico nin nada que se lle pareza, pero descubrín que me gusta facer esa sección. Tanto (e isto é unha exclusiva) que ando barallando a posibilidade de reconvertila nun blogue.

 

3.  Cal considera que é a labor dun crítico literario? Que o diferencia de ser un lector máis?
Supoño que a principal diferencia é que, cando te achegas a un libro, falo dunha maneira diferente, con ollos máis analíticos. O lector habitual abre un libro para disfrutar del, sen máis; o crítico procura destripalo para verlle as entrañas, intuir o proceso creativo, analizar personaxes e situacións... Isto, se non o controlas, pódeche levar a unha situación difícil: a deixar de disfrutar coa boa literatura, porque vas deixando polo camiño esa capacidade de sorprenderte cun bo texto para centrarte na análise pura e dura. E a literatura non está para iso: está para o seu disfrute. Ou así é como o vexo eu.

 

4.  Supoño que na labor crítica, haberá que distinguir entre crítica construtiva e destrutiva…
Por suposto. Toda crítica construtiva é sempre positiva. E non hai que confundir a "crítica destrutiva" coa "mala crítica". Ás veces, determinados comentarios negativos poden ser toques de atención e, se o autor o entende así, pode ser que se convirta en algo positivo, que lle faga reflexionar e mellorar. Pero sempre hai críticos que poderiamos chamar "amargados" aos que nada lles parece ben. Isto teño que explicalo, que non quero que ninguén se moleste: non pasa de ser unha apreciación miña, pero vexo críticos que semella que estean a agardar por unha "gran novela" que eles imaxinan, cunha estrutura concreta, uns personaxes construídos dunha determinada maneira, un tratamentos dos temas como eles imaxinan, pero esa novela, que só está na súa cabeza, non da chegado. E mentras tanto, a angustia da espera fai que deixen de disfrutar de todo o bo que se publica e que se agoníen e cisquen palabras duras por todas partes. Creo que entre regalarlle os oídos a un autor e iso, hai un punto medio.

 

5.  Considera que o traballo do crítico non é so para o lector, senon como motivación/tirón de orellas para autor?
Si, claro. Como autor, lin coa máxima atención todas e cada unha das críticas que lle fixeron aos meus libros e de todas aprendín algo. E supoño que o resto de autores farán, máis ou menos, o mesmo. Cando escribes non é para que o mundo te ignore: queres que a xente te lea. E que comente. E que che diga se lle gustou ou non e por que. Coido que é a maneira de mellorar como autor.

 

6.  Supoño que ao levar tanto tempo lendo a algúns autores, é unha satisfación ver como crece a calidade das súas obras.
Certamente, aínda que non sempre pasa. Hai autores que van crecendo con cada páxina que escriben, superándose con cada nova obra que fan, pero tamén os hai que non saben prescindir de textos que sería preferible non publicar porque enlixan a súa traxectoria. Creo que iso é algo co que hai que ter especial coidado.

 

7.  Cal considera que é o estado da crítica actualmente en Galicia?
En Galicia acostuma a ser moi benevolente e son poucos os críticos que falan negativamente dalgunhas obras. E eu enténdoo perfectamente. Dende que estou facendo a sección O meu andel, caeron nas miñas mans algúns libros que non me gustaron nada, pero preferín non escribir sobre eles. Coido que é mellor destacar o positivo que o negativo, saber valorar o que hai de bo en cada texto, e se unha novela non me gusta, non lla vou recomendar á xente que sigue a sección. Xa che dixen que non teño vocación de crítico, que concibo O meu andel como un sitio onde facer recomendacións do que me gusta. Máis nada.

 

8.  Considera que a cantidade masiva de editoriais e publicacións en galego responden a unha demanda?
Supoño que non, e iso pode deducirse do feito de que algunhas editoriais pequenas non sexan capaces de sobrevivir moito tempo. Pero si considero que existe unha certa demanda de literatura galega e en galego. En calquera caso, o papel das editorias, dende as máis grandes ás máis pequenas, é absolutamente fundamental para difundir a nosa literatura. Outra cousa é o papel que están a xogar os medios de comunicación, mesmo a administración, sobre o que habería moito que dicir.

 

9.  Como valoraría o estado actual da cultura en Galicia e, sobre todo, a cultura literaria?
Vale, vouno dicir, entón: tal e como eu o vexo, a nivel cultural Galicia está á altura de calquera outra nacionalidade similar á nosa, incluso moi por enriba de moitas delas. A todos os niveis: literatura, música, audiovisual, cómic, pintura... O que queiras. O malo é que contamos cuns medios de comunicación que tenden a ignorarnos por completo, que prefiren valorar o que chega de fóra polo simple feito de que vén de fóra, aínda que moitas veces sexa ben peor que o que facemos aquí. E temos unha administración que parece empeñada en ocultar todo o que ula minimamente a galego e que, ademais, no canto de favorecer a iniciativa privada pretende substituíla. Os que nos movemos no mundo da cultura temos que pelexar contra muíños de vento día si e día tamén para poder sacar un pouquiño a cabeza e, en canto a asomas, sempre vai haber quen cha afunda de novo. ¿Ti cres que Cataluña, por poñer un exemplo, ten unha cultura moito mellor que a nosa? Eu creo que non. Pero eles saben empurrar dos seus e, cando alguén destaca un pouco, sexa no campo que sexa, axúdano a subir aínda máis. E conseguen colocar entre os mellores do mundo un pintor coma Dalí, un cociñeiro coma Ferrán Adriá, un grupo de teatro como La Fura dels Baus ou coma Tricicle, encher as televisións xeneralistas de presentadores de todo tipo, as listas de éxitos de grupos e cantantes... Nós temos a xente coma Castelao, Manuel Quiroga, Laxeiro, Domingo Fontán, e tantos e tantos outros, que o mundo ignora por completo... ¡Se ata nos permitimos o luxo de desprestixiar a un escritor tan enorme coma Valle-Inclán polo simple feito de non escribir en galego...! ¡Somos parvos e ao carallo!

 

10.  Respecto ó seu papel como lector crítico-autor. Se tivese que falar das súas publicacións Crónicas da Émbora (Toxosoutos, 2014) e Tres Feridas (Belagua, 2015), dunha maneira obxectiva. Que é o que cre que lles falta ou no que cree que acerta en cada unha?
Prefiro que sexan outros os que falen do meu traballo, non creo que o propio autor poida ser o mellor crítico. Pero son dous textos moi diferentes. Crónicas de Embora é un libro de contos feito ao estilo dos anos 50, cun aquel de crónica local, case familiar; Tres feridas é unha novela moito máis moderna, ambiciosa e vitalista en concepción e estilo. Hai algo que me obsesiona: o medo a repetirme. Por iso quero facer cousas diferentes, non estar sempre escribindo a mesma novela. E cuestións coma o estilo, a estrutura ou o tema, por dicir algo, para min non pasan de ser ferramentas, recursos literarios ao que tirarlle o maior proveito posible, nunca unha finalidade.

 

11.  Ten algún proxecto literario en mente do que poida adiantarnos algo?
Algunhas cousas teño. Hai unha obra de teatro para monicreques, dirixida ao público infantil, que escribín fai bastante tempo e que me gustaría publicar. E tamén unha nova novela que xa está rematada, pero á que teño que volver para facerlle algunhas correccións. Iso das correcións é unha tortura. Borges dicía, e con razón, que a única maneira de deixar de corrixir é publicar. Pero aínda ten algunhas grallas que hai que pulir antes de levala á imprenta.

 

12.  Para rematar, cales son as súas expectativas de futuro sobre a industria do libro en Galicia?
A verdade é que as expectativas non son moi boas polo que dixen máis arriba respecto do apoio á nosa cultura. E sinto que é unha mágoa porque, reitero, o nivel é excelente. No caso da literatura temos autores de moitísimo nivel, nomes dos que deberiamos gabarnos sen complexos, premios "Nacionais" aos que ninguén coñece, premios "Lazarillo" (o máis prestixioso de literatura infantil e xuvenil) aos que ignoramos, varios autores en listas de renome elaboradas por institutos e universidades estranxeiras... O noso futuro literario podería ser moi, moi grande se soubésemos aproveitalo.

 

 

 

 

Obra literaria de Manrique Fernández

 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com