Paloma Saavedra: "Un dramaturgo crea historias. Eu creo anacos de vida nesas historias."


Paloma Saavedra (Tui, 1988) é unha actriz todoterreo. Amante de toda disclipa artística, estudou Arte Dramático na Escola Superior de Arte Dramático de Vigo (ESAD). Traballou en producións de diversa índole (ópera, contacontos, videoclips, curtas...) e actualmente vese inmersa nun proxecto de microteatro e improvisación teatral.

1. Sempre quixo adicarse ó mundo do espectáculo?

O certo é que non. Sempre tiven unha marcada tendencia artística: debuxo, danza, patinaxe, costura, teatro... Interesábame case toda disciplina artística, mais coma un xogo. Foi no momento de escoller os estudos superiores que pensei: "se non me atrevo agora voume arrepentir toda a vida".

2. Teatro infantil, ópera, recitáis poéticos, contacontos, televisión… Non se acobarda vostede ante nada.

Encántame a promiscuidade artística. Atopar fronteiras e pontes entre os xéneros e os formatos. E a poder ser tiralos ou atravesalos. Un dramaturgo crea historias. Eu como actriz creo anacos de vida nesas historias. Niso todos os xéneros e formatos coinciden. Aínda que as técnicas de traballo varíen, unhas enriquecen ás outras.

3. Nada menos que Miranda en A Tempestade de Shakespeare foi o seu primeiro papel importante no teatro. Supoño que foi para vostede unha responsabilidade enorme.

Si que o foi. Un reto moi pracenteiro. As mulleres shakesperianas adoitan ser complexas, paradóxicamente pola súa simplicidade. Redúcense ás veces a sofrir os diferentes embates do destino. Salvo con certas personaxes, en xeral, é difícil empatizar con esas mulleres dende a platea e dende a escena pola nosa conciencia contemporánea. O meu traballo foi, a pesares de Shakespeare, darlle profundidade a Miranda. Estiven moi arroupada polo director, Dani Salgado, neste proceso e non puiden desexar lugar máis confortable para empezar a subirme aos escenarios que rodeada de compañeiros, elenco, escenógrafos, figurinistas, dramaturxia e dirección... Todos nos coñeciamos da ESAD e foi doado partillar ideas uns cos outros.

4. Considera que a experiencia en París foi determinante para a súa formación como actriz?

Poder traballar con persoas doutra nacionalidade sempre é enriquecedor. Non traballamos igual, hai tendencias e modismos que varían dun país a outro. A nivel de formación, Francia permitiume ver teatro sen mirar polos cartos. O acceso á cultura é un dos puntos fortes do país veciño. Ao seren menor de trinta anos tes dúas entradas diarias de balde aos teatros de toda a vila parisina. O seu IVE cultural non ten comparación co noso. Así puiden ver moitas compañías internacionais e penso que si que influiu en min como actriz e espectadora.

5. Babel. Canto de sirenas é a túa máis recente participación nun espectáculo teatral. Que quere transmitir este espectáculo tan orixinal ó público?

Deshinibición, carácter, disfrute da vida ante o amenazador futuro é a tese desta peza escrita por Nelson Quinteiro. Evidentemente a frivolidade só se sustenta cando hai contido detrás. E a temática desta obra é a soidade. A soidade de quen crea algo. E os aliados e inimigos que un mesmo atopa nese proceso de creación. Ante isto a frivolidade aparece na sociedade como medio de supervivencia.

6. Neste espectáculo representa o papel da "musa". Ten que ser complicado representar a esencia da inspiración.

Todos temos inspiracións ao noso redor. E a cada quen inspíralle algo distinto. Ese foi o punto de partida da creación desta personaxe. Que tipo de musa inspiraría a un creador como a personaxe de Carlos? Neste caso interpretado por Ademar Silvoso. E que capacidade de acción ten sobre o inspirado?. Penso nas obras de teatro como unha maquinaria onde as pezas encaixan unhas con outras e para iso é necesario estar moi receptivo co traballo coral do equipo.

7. Como foi participar nas visitas teatralizadas ó castelo de Soutomaior?

Unha experiencia magnífica. Con Limiar Teatro comecei a miña andaina profesional e os proxectos desta compañía sempre supoñen retos. Neste caso o formato de espectáculo itinerante misturou escenas de creación, investigación da mesma historia de Soutomaior e das personaxes con improvisacións na interacción co público. Os visitantes do castelo sairon encantados e iso é do máis reconfortante. Ademáis da desbordante lista de espera. O éxito superou todas as espectativas. As do público e as nosas. Nas visitas teatralizadas, o teatro saca o seu caracter máis didáctico. O que máis me gustou da proposta de Limiar é que non caiu no didactismo. A letra con risos entra.

8. Aínda por riba interpretando a unha muller tan importante como María Vinyals.

Hai tantas mulleres ignoradas pola historia que é o noso deber, e necesidade real, reinstaurar estes referentes. María Vinyals foi unha namorada de Galicia e de Soutomaior, das súas terras e da súa historia. Non contenta con rescatar o pasado do concello, velaba polo seu futuro. Algúns dos seus proxectos sociais non foron entendidos na época. Hoxe coa distancia só lle quedou o nome de Marquesa Vermella para describir a toda unha visionaria.

9. Como é traballar cun colectivo da calidade de Femme Fatale e o director Nelson Quinteiro?

Moi grato e duro, porque o cabaré é un xénero difícil, moi estereotipado se non hai filosofía detrás. Con Femme Fatale descubrín que ser cabareteira é un xeito de vida. Que non remata con flores no camerino coma outras producións. Xeralmente remata con tacós e medias rotas a altas horas da madrugada nalgún pub. Alternamos sempre bolos nos teatros con espectáculos coreografiados nos bares. Non hai cabaré sen público vivo e o mellor lugar onde atopalo é nas rúas. Esas experiencias para-teatrais fixeron que o cabaré traspasara a estética. O colectivo conformouse con artistas de diferentes disciplinas. Artes circenses, danza, cómicos, artes plásticas e iso xerou unha dinámica de equipo moi interesante.

10. Como foi a experiencia de participar na serie Urxencia Cero emitida na TVG? Por certo, primera vez que se enfronta a este tipo de producións.

O audiovisual sempre é unha danza fantástica entre persoas e máquinas. O ritmo de produción dunha serie é máis rápido que no teatro ou no cine e esixe de ductilidade e precisión na interpretación para que cada escena gravada sexa unha coreografía. O elenco e o equipo técnico liderados polo director Óscar Pedraza puxéronme moi sinxela a miña primeira toma de contacto con este formato audiovisual.

11. Como definiría a situación actual do audiovisual en Galicia?

En imparable expansión. Con axuda ou non das institucións. A calidade do audiovisual galego é incrible e máis aínda en relación aos presupostos. Queda moito por facer e por medrar. Que se asente unha industria cultural emerxente require de colaboración de todas as partes. E é básico para a saúde da cultura galega.

12. Respecto a El color del miedo, que podemos esperar de esta película? Como foi traballar con Carlota Domínguez?

Pois é a ópera prima desta nova directora que pertence ao equipo de producción Pajaruelos Cortos. Reuniron a un equipo de persoas excepcionais e grandes profesionais para poñer a andar este proxecto ambicioso e arriscado, feito con todo o agarimo do mundo. Tiven a oportunidade de traballar con Mela Casal, Ferrán Rodriguez, Rubén Mascato, Manuel Millán... e o equipo humano que levou a cabo a rodaxe fixo desa odisea que é facer un filme unha experiencia inesquecible. "El color del miedo", guión de Carlota Domínguez, propón unha viaxe polos medos cara o autocoñecemento e unha reflexión sobre o azar e as sincronías. Todo dende a visión entrecruzada de tres personaxes en busca da realización.

13. Ten algún novo proxecto audiovisual ou teatral do que nos poida adiantar algo?

Máis teatro. Estamos ultimando a presentación dunha peza de microteatro dirixida por Cristina Collazo, un anaco de "Os días felices" de Beckett no que interpreto a Winnie. Ríndonos do absurdo da existencia humana contemporánea. Un formato novo que quero explorar. Gústame sacar o teatro do teatro. Tamén comezamos este mes de decembro as sesións de improvisacións os xoves en "La casa de arriba" (Vigo). No que comparto escenario con diferentes colegas do grupo 8mm.

14. Para pechar esta entrevista. Que é para Paloma Saavedra a interpretación?

Un xogo, e todo o que o xogo representa: diversión aprendizaxe, desenvolvemento, sensibilización. Lémbrome de pequena ver aos adultos e pensar: Porque se esquecerán de xogar? E tamén lembro prometerme a min mesma non esquecerme xamáis de facelo. O teatro é o mellor xeito que atopei de cumprir a miña palabra. Tamén é unha posición ante o mundo. O teatro xoga coa empatía e ésta é a que humaniza ás persoas. Nun mundo insensibilizado o que fai falla é teatro. Xogar a poñerse no lugar do outro.

#Entrevistas

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

enumerar motivos para debuxar unha balea

 

para crer nun espírito navegante que non temos

para delimitar o medo

para valernos dela na fuxida

para botar de menos unha viaxe

unha en concreto

para debuxar un bazar e disfrazala de elefante

porque teñen a forma das distancias

porque dentro dunha balea o ceo está limpo e non hai dor

para pintala sorrindo e poñerlle flores ou peixiños pequenos

para facer unha metáfora de todas as traxectorias

para que sexa a proa na reconquista da paisaxe

para representar o tamaño da tristeza

para pensar nas palabras coas que explicar o debuxo.

Eduardo Estévez, de baleas 

(Caldeirón, 2017)  

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com