I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Fran Alonso : "A literatura hoxe é fragmentaria porque representa o discurso social da nosa época"

February 22, 2017

Fran Alonso (Vigo, 1963) é escritor, xornalista e editor. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou o seu percorrido laboral no ámbito do xornalismo e na actualidade exerce como Subdirector para a Edición Xeral en Xerais. Autor de máis de vinte e cinco títulos, como narrador publicou Tráiler (1991), Cemiterio de elefantes (1994), Silencio (1995), O brillo dos elefantes (1999), Males de cabeza (2001), Cartas de amor(2006), Ninguén (2011) e A punta de pistola (2013). Como poeta deu á luz Persianas, pedramol e outros nervios (1992), un libro considerado pola crítica como un dos referentes fundacionais da poesía dos 90; Tortillas para os obreiros (1996); Cidades (1997); Subversións (2001), Balada solitaria (2004), Transición (2011) e Terrazas (2017). Poétic@ (2015) é o seu libro de literatura electrónica en Internet que aborda a poesía dixital e transmedia, explorando as posibilidades expresivas das novas tecnoloxías na creación literaria a través dun discurso ácido e corrosivo sobre a propia poesía e os seus mitos e tópicos. (Fuente: franalonso.gal)

 

 

 

1. Como xorde Poétic@?

Xorde da miña preocupación por explorar novos soportes e formatos de expresión para a literatura, soportes e formatos que boten man das tecnoloxías emerxentes, porque teño o convencemento de que no futuro, eses novos soportes e formatos, mudarán o noso concepto de literatura, que non sairá indemne de todo este proceso e que cada vez é máis interdisciplinar. E, en calquera caso, características como a hibridación, a transversalidade e o fragmentarismo pertencen xa a unha forma contemporánea de contar, con un sen tecnoloxía, moi presentes tamén no papel.

 

2. Todas as composicións que saen neste proxecto son inéditas? 

Eran inéditas ata que se publicaron en Poétic@ en 2015, claro.

 

3. Cales foron as complicacións máis importantes para desenrolar o proxecto que tiña na cabeza?

Probablemente dúas: en primeiro lugar, concibir, acreditar e perserverar nas potencialidades dun texto que non ía ser lido en papel, feito que require un cambio de mentalidade; en segundo lugar, os problemas especificamente técnicos: necesidades de programación e busca dunha plataforma axeitada para o proxecto. E os seus custes económicos. Inicialmente, na primeira etapa do texto, cando estaba rematado pero aínda non evoluíra nin o revisara, non vía posibilidades reais de levar a práctica o que eu quería facer porque non tiña moi claro como facelo nin en que plataforma. Ao longo de tres anos fun revisando e perfilando o texto e buscando fórmulas que fixesen posible a súa edición dixital en aberto. Evidentemente, aínda que posúa un bo coñecemento das novas tecnoloxías, non sei programar, polo que precisaba a axuda cómplice dunha persoa, profesional, coa que traballei ao longo dun ano, para que Poétic@ funcionase. Cada vez máis, a creación contemporánea esixe equipos interdisciplinares. Eu como creador e Kris Darias (de Estudi Llimona, en Palma de Mallorca), como programadora, traballamos coxuntamente a través do correo electrónico e reunións todas as semanas ao longo dun anovía Skype.

En calquera caso, a rapidez coa que a tecnoloxía avanza e se fai accesible é abraiante; eu vivín esa experiencia persoalmente. No só con Poétic@ senón tamén co meu blog, Cabrafanada, creado en novembro de 2003. Naquel momento, para escribir unha anotación con edición (unicamente poñer cursivas, comiñas ou negras) era necesario coñecer algo de html; como tamén había que ter moita habilidade e algúns coñecementos para intalar as aplicacións que permitían, daquela, os comentarios ou a sindicación. E en blogger, por exemplo, só existía a versión nun inglés moi técnico que, naquel momento, soaba a chinés. Agora abrir un blog é a cousa máis rápida e doada do mundo. Em 2015, eu mesmo fixen a miña web (www.franalonso.gal) e daquela sería imposible. Só estaba ao alcance dos informáticos.

 

4. Que entende Fran Alonso por ciberpoesía e por ciberliteratura en xeral?

En realidade non se trata do que entendo eu; a ciberpoesía ou a ciberliteratura están definidas academicamente, e pode ser chamada así ou tamén poesía dixital ou poesía elecrónica. Non hai que confundila, en ningún caso, coa poesía ou a literatura dixitalizada (a maior parte dos ebooks que circulan hoxe en día son literatura dixitalizada); esta faise con textos concebidos para o papel e pasados a formato ebook. A ciberpoesía (ou ciberliteratura), en cambio, é aquela nacida no entorno dixital ou creada con ferramentas dixitais e que se expresa a través dos recursos propios da cultura dixital como o Internet, o hipertexto, a imaxe, o son, o momemento, as apps, etc, etc, e adoita integrar todas esas linguaxes.

 

5. Que influencias axudárono a formar esa visión?

Pois non o sei, a verdade. Axudoume, sobre todo, a miña propia curiosidade, a vontade de procura constante no ámbito da creación. En canto a lecturas que me inflúan, son moi pouco mitómano, bastante iconoclasta, e a miña visión da literatura non responde tanto a títulos concretos como a esa curiosidade constante que me conduce por títulos, autores/as e correntes moi diversos e heteroxéneos.

 

6. Considera que as posibilidades do poético aumentan con transmedia?

Depende de a que te refiras. Para o feito creativo en si mesmo, é dicir para a poesía como feito artístico, non. O importante non é o soporte senón o contido. A poesía mudou varias veces de soporte ao longo da historia, igual que o fixo o libro. O importante é o texto, non a forma en que o texto se presenta. Ora ben, o transmedia ou, mellor dito, o crossmedia (porque Poétic@ é sobre todo crossmedia e non transmedia, a pesar de que eu mesmo empreguei esta última palabra para achegar o meu proxecto á xente) fai que a poesía asuma os retos do seu tempo, é dicir, que avance ata o mesmo punto no que habita a sociedade, que xa é dixital, e cada vez máis. Nese sentido, a poesía crossmedia (a transmedia moito máis, pero apenas existe) abandeirase con novas ferramentas que fan máis doada a súa adaptabilidade e, daquela, a súa perdurabilidade e subsistencia. Se a poesía aproveita as posibilidades e os retos da sociedade dixital vai estar máis perto da sensibilidade dos lectores e lectoras e, sobre todo, vai ter moitas máis posibilidades de empatizar cos novos hábitos de vida e, en consecuencia, de facerse máis visible.

 

7. Poética.gal ten moitas formas de lectura, pero unha delas é en forma de libro (co seu índice, a división en páxinas…). Esta foi a forma na que o concibiu?

Na literatura electrónica non é habitual atopar unha estrutura que lembre tanto o libro en papel coma este. De feito, eu non coñezo ningunha outra. Eu quería, de forma intencionada, que se puidese navegar pola web de Poétic@aproveitando a experiencia previa da lectura en papel, de xeito que o formato páxina, a numeración, o índice, etc, remitisen a unha lectura organizada no mesmo sentido en que se fai no papel. Pero, ao mesmo tempo, esa estrutura non impide algo que é propio de moitos proxectos literarios dixitais: que cadaquén escolla o seu propio itinerario, a súa orde, que marque as súas prioridades e preferencias, e que lea deixándose levar por factores máis comúns na literatura electrónica como o hiperenlace, a interacción, o azar, o ludismo, etc.

 

 

 

8. No «poemario» hai moitísima presenza de elementos para a interacción do lector (enlaces, clips de audio e video…). Búscase unha experiencia poética interactiva?

Sen dúbida. Unha das características fundamentais da creación e publicación en medios electrónicos ou dixitais é precisamente que o lector ou lectora deixa de ser unha persoa pasiva e pasa a ser alguén que toma decisións, que dialoga co texto, que escolle itinerarios, que decide se prefire ler, escoitar ou actuar, que pode facer comentarios e mesmo que pode xogar. A interacción é fundamental na literatura electrónica, ben sexa na web, en apps, ou a través doutras propostas. 

 

9.  “Crítico/a, os meus versos foron devastados por unha cicloxénese explosiva. Non puiden facer máis na reconstrución tediosa do poemario.” Polo que vexo, nesta Postdata hai unha declaración aberta á fragmentariedade…

A literatura hoxe é fragmentaria porque representa o discurso social da nosa época, que se nutre de moitas e moi variadas linguaxes. Non hai máis que pensar na complexidade do día a día de cada un de nós e comparalo co dos nosos avós ou avoas. O discurso lineal está eivado se quere representar a nosa realidade. Pódesense escribir libros cun discurso lineal, e deito hoxe hai moi bos libros con discursos lineais, pero non deixan de ser decimonónicos. Xa que logo, a poesía e, moito máis, a poesía electrónica, ten que ser forzosamente fragmentaria. En calquera caso, dentro de Poétic@, que é un poemario tremendamente irónico e corrosivo coa propia poesía, eu fixen un xogo divertido e sarcástico coa propia deconstrución do texto e ese xogo remata con ese poema ao que fas alusión. Tamén se trata de poñer de relevo ante o lector ou lectora a integración e as potencialidade das distintas fontes e discursos (literario, político, económico, popular, tecnolóxico, publicitario, etc) dos que se nutre Poétic@.

 

 

10. Para rematar, que achegas á poesía galega pretende Fran Alonso cun proxecto como Poétic@

Eu, basicamente, o que pretendo con cada libro que fago (e Poétic@ é tamén un libro, chámeselle como se lle chame), desde o punto de vista persoal, é investigar, buscar novos camiños que supoñan un reto para o meu propio proceso creativo, camiños que, se cadra, me fan sufrir pero ao tempo gozar da aprendizaxe do iniciático, do novidoso, do descoñecido. Por iso nestes momentos estou explorando as posibilidades que ofrece Twitter (@Tw140Poemas) para a creación literaria, que é algo que me tensiona moito día a día pero, tamén, algo que me descubre cousas novas, e, en definitiva, que me instrúe e me forma como escritor. Para min sería moito máis doado escribir outro libro parecido a Cartas de amor (un libro, por certo, polo que teño unha especial devoción persoal), que leva 9 edicións, ou a Poetízate, que leva 13, pero escribir repetindo esquemas que ti mesmo trillaches abúrreme e cánsame, non supón desafío ningún. E, de ser así, para min, non pagaría a pena escribir. Con respecto ao que achega en concreto Poétic@ a poesía galega é algo que terá que dilucidar o tempo e a crítica. En calquera caso, apunta unha vía que me parece relevante para a nosa literatura.

 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com