Raquel Vila-Amado: "Corrixir vai moito máis alá de aplicar normas ortográficas e gramaticais"

04/04/2017

 

Raquel Vila-Amado naceu en Pontedeume e viviu alí ata que comezou os estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela, institución para a que traballa actualmente, en concreto no Instituto da Lingua Galega. Ao acabar a carreira, cursou os másters de Edición (USC) e Lingua e Usos Profesionais (UDC). Desde entón compatibiliza a súa actividade investigadora do ILG coa corrección de orixinais para varias editoriais galegas, ademais doutros labores relacionados coa maquetación e o deseño gráfico. En 2013 publicou «O galego, lingua de moda: algunhas solucións terminolóxicas» (Estudos de Lingüística Galega, 5) e en 2014 «Edición crítica de dous documentos de 1418 asinados por Gómez García, notario de Santiago» (Cadernos de Lingua, 35). Un artigo seu («Corpos roubados», 2015) aparece no número 18 de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos.

1.  Cal é, en esencia, a tarefa dun corrector? 


Mellorar os textos, en todos os sentidos. A tarefa principal eu penso que é limpar os textos de ruídos que poidan distraer os lectores, pero tamén, na medida do posible, debe aconsellar en certos aspectos de contido, intelixibilidade, coherencia... O fundamental é que non queden erros que causen distracción nas persoas lectoras (se son, por exemplo, castelanismos moi flagrantes, os lectores e lectoras van reparar máis no erro que no contido do libro). Tamén é importante ter moita curiosidade e certa cultura xeral, porque ás veces o erro está nunha data, nun nome ou nunha referencia xeográfica, non na parte lingüística.

 

2.  Como é o procedemento que vostede propón para corrixir un texto?


Dubidar de todo. Foi o procedemento que aprendín nas miñas prácticas na TVG coa persoa que máis me ensinou sobre este tema e da que gardo un gran recordo, Carlos Ramos, e é o que aconsello sempre cando me preguntan. Dubidar de cada estrutura, palabra, expresión ou solución sintáctica que non che soe ben. E mesmo das que che soen ben, pois neste ámbito cada día apréndese algo novo. Eu son unha persoa moi curiosa por todo, así que non me resulta difícil dirixir a miña curiosidade vital cara ós textos [risos].

 

3.  Na miña opinión, a corrección non é unha tarefa mecánica que consista en aplicar unha serie de normas gramaticais e ortográficas, senón que hai unha necesidade de pensar que quixo dicir o autor para que as súas palabras non só sexan correctas, senón adecuadas.


A verdade é que non me gusta moito poñerme no lugar do autor e tratar de adiviñar o que quixo dicir... porque realmente vemos o que está escrito e podemos aventurarnos a pensar o que pretendía transmitir, pero nunca teremos a certeza de saber o que dixo en realidade. Pero si, corrixir vai moito máis alá de aplicar normas ortográficas e gramaticais: hai que pensar se se entende, se determinado público é capaz de asimilar a mensaxe, se un cambio de orde é beneficioso nunha determinada frase...

 

4.  Cre que se valora o suficiente o traballo dos correctores por parte dos lectores?

 

A verdade é que nunca me formulara esta pregunta... e non sei que dicir! Para min foi unha sorpresa a primeira vez que apareceu o meu nome na páxina de créditos dun libro. Creo que se valora na medida de que as editoriais traballan con persoal especializado que corrixe e tentan que os libros vaian o mellor posible. Con respecto ós lectores e lectoras... neste caso é moi difícil valoralo e supoño que cadaquén terá o seu criterio, no caso de que saiban que existe esa figura, que non sempre é así. En calquera caso, eu penso que un corrector ten que pasar desapercibido. Un libro pode estar moi ben, sen ningunha errata e perfecto, pero se cadra ese libro xa chegou a quen corrixe nesas condicións. E un libro pode estar aparentemente “menos ben” corrixido, pero se cadra había moitos erros e quen corrixiu tivo que facer un gran labor, e moitas veces é inevitable que quede algo.

 

5.  Na crítica, Manuel Rodríguez Alonso sempre dedicou un apartado das súas recensións a aspectos ou erros lingüísticos...


Siii, encantábame ese blog (Bouvard e Pécuchet), sobre todo ese apartado! De feito, seguíao basicamente por esa parte en que falaba da corrección lingüística das obras que criticaba. Deume moita mágoa que nunca collese un libro corrixido por min para saber que tal o facía como correctora aos seus ollos. Aprendín moito sobre lingua (e tamén sobre literatura, claro está) con ese blog e recoméndoo totalmente. É certo que ás veces era un pouco duro, pero penso que estaba xustificado polo seu afán didáctico, e as críticas eran todas construtivas.  Eu non coñecín persoalmente a Rodríguez Alonso, pero cando souben do seu pasamento deume moita tristeza porque penso que facía un gran labor polo galego. Boto de menos que non sigan aparecendo entradas, mesmo moitas veces vexo novidades editoriais e penso: “Que pensaría sobre este libro Manuel Rodríguez Alonso?”

 

6.  Considera que cada vez cometemos máis erros na escrita?

 

Supoño que depende da persoa e que nestes casos non se pode xeneralizar, hai de todo en todos os lados, pero o certo é que a xente dunha determinada idade (estou pensando nos meus pais) teñen unha caligrafía e unha ortografía (en castelán, pois antes o galego non se estudaba) xeralmente mellor, pero penso que é cousa da escola. Os erros da xente nova non creo que sexan tanto culpa das novas tecnoloxías (se sabes escribir absorber, sabes facelo tanto no móbil coma nun papel) como do método de aprendizaxe. No caso do galego, na escola os rapaces e as rapazas non chegan a profundar demasiado nos usos prácticos do galego, e iso supoño que ten que ver. Cando realicei as prácticas do máster de Profesorado atopei que no currículo se piden un montón de coñecementos teóricos sobre gramática (por exemplo, aprender os nomes das perífrases!) que nada achegan á aprendizaxe da lingua. E iso, sumado á pouca competencia do alumnado non-galegofalante, fai que se perda o interese polo galego. E se non che interesa o galego, para que vas molestarte en aprendelo se hai outra lingua na que desenvolverte con normalidade? Incluso, tristemente, con máis normalidade. Todo é un bucle, e os erros non son máis que un síntoma de que o sistema falla.

 

7.  Creo que os erros non se consideran tanto algo do que aprender senón como unha debilidade para o falante…

 

Eu persoalmente creo que son algo do que aprender, pero si, a consideración xeral é que son unha debilidade ou unha eiva. De feito, moitas veces escóitanse comentarios como “que mal coloca os pronomes”, “esa palabra non é normativa”, “dise tal e non tal...”…, e non son críticas positivas precisamente. Pero eu creo que non se deben tomar así, pois esa forma de ver os erros leva consigo preguntas que se responden elas mesmas, como “Prefires que o galego se fale mal ou que non se fale?”. Se se considerasen os erros algo positivo do que aprender, a pregunta anterior non existiría.

Cando vexo publicado un libro que corrixín a verdade é que me dá un pouco de medo abrilo por se quedou algunha cousiña. Supoño que as persoas que se dedican á corrección entenderán isto. Ao mellor hai un só erro no libro, pero xusto abres e está nesa páxina que acabas de abrir e dis: “Oh! Como puido pasar isto?!”, pero todos somos humanos. Con todo, gústame saber os meus erros, a verdade. De feito, cando algunha persoa coa que teño confianza le un libro corrixido por min dígolle: “Se hai erros, dimos, por favor.” E é precisamente por iso: mellorar.

 

8.  Cal considera que é actualmente a situación do galego dentro de Galicia?


Penso que o galego está sufrindo un retroceso, tanto a nivel de uso como de prestixio. O galego mantense grazas ás aldeas, ás persoas maiores e ás persoas con conciencia social da lingua. As aldeas cada vez están máis desertizadas e a xente maior non é eterna, polo que as persoas con conciencia social da lingua son case a única baza que lle queda ao galego. Problema? Que dentro deste grupo non semella haber demasiada xente nova... Pero aínda estamos a tempo de mudar esa deriva.

 

9.  Cre que as políticas lingüísticas que se adoptaron conseguen mellorar a situación actual da lingua?


Non sei se o pretenderon, pero conseguir non o conseguiron. De feito, semella incluso que sufrimos un retroceso na situación da lingua: da súa consideración, do seu uso espontáneo, do seu uso a nivel curricular... En política as cousas sempre se poden facer mellor, e este é un exemplo evidente.

 

10.  Respecto aos prexuízos fronte ao galego. Cre que seguen vixentes nas novas xeracións?


Desgraciadamente, si. Moitos rapaces e rapazas consideran o galego como unha lingua menos válida que outras, pero non é culpa deles, senón que é un reflexo do que pensa a sociedade debido a diferentes políticas, como o decreto do plurilingüismo. O alumnado ve como quitan horas de galego e aumentan as de inglés, moitas institucións e persoas tratan o galego como unha lingua de segunda división... por que van valorala eles? Entre esas ideas e entre que moitos cativos e cativas do contorno urbano non teñen grandes competencias en galego (o galego ambiental escasea en moitos lugares e non se fai nada por paliar este asunto)... As persoas adultas poñémosllelo moi fácil ás novas xeracións para desvalorizar a lingua.

 

11.  En que consiste o traballo que realiza no Instituto da lingua galega (ILG)?


Traballo como investigadora no Atlas Lingüístico Galego, un proxecto de xeografía lingüística que pretende describir a riqueza dialectal do galego moderno. Ademais, tamén me ocupo de maquetar algunhas das publicacións do centro e de manter a páxina web e o Twitter.

 

12.  Considera que, no futuro, a lingua galega terá un status (social, lingüístico…) distinto do actual?


Ufff... quero pensar que si, pero realmente vexo a cousa difícil... Séguese a pensar que falas galego porque es da aldea ou nacionalista, e eses prexuízos, entre outras cousas, danan o futuro da lingua. Se non se cambian as ideas das novas xeracións, dificilmente poderá cambiarse o futuro da lingua. Pero insisto: aínda estamos a tempo.

 


 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Please reload

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Nombrar es reconocer que existe,

gracias y a pesar de mí.

Cuando tras mi frente genero una sílaba, 

defino, 

coloreo y cincelo, 

tal como suena tras el abdomen. 

Junto los labios para tallarlo, llenando la entrada. 

Ahogar su grito, ese dolor tras las costillas.

 

Mencionar es la primera maniobra. 

Para ello, cubriré todas las articulaciones. 

Los otros asentirán abriendo las comisuras. 

Flotará el polvo, semilla hundida. 

Maria González, en El hambre (Maclein y Parker, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com