I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Recensión : Manuel Esteban, A ira dos mansos

April 18, 2017

 

Título: A ira dos mansos

Autor: Manuel Esteban

Editorial: Xerais

ISBN: 9788491211013

Nº de páxinas: 192 páxs

Sinopse:

 

O cadáver dunha nena con síndrome de down aparece nos terreos do edificio Bandeira en Vigo. Para resolver o crime, o inspector Carlos Manso ten que percorrer os intestinos da delincuencia viguesa e internacional. O inspector móvese habilmente polos diversos escenarios da cidade e vive, ao tempo, un proceso que derruba as súas barreiras emocionais. A ira dos mansos é unha magnífica novela policial, cun acusado enfoque social, que propón unha viaxe de superación de moitos prexuízos, cuestionando a normalidade e a perfección e obrigando á reflexión. Escrita cun estilo directo, rápido, eficaz, sen adobíos, a novela apóiase nun gran sentido do humor, ás veces ácido e cínico, e nunha trama que nos atrapa, e que nos obriga a seguir lendo, colocándonos contra as cordas á hora de percibir o que é e non é pertinente dentro das convencións sociais, e poñendo en valor as persoas que traballan con colectivos con síndrome de down. A ira dos mansos é unha novela negra cunha historia trepidante que trata sobre a inclusión, a dignidade e o respecto.

Con moito tempo de atraso, principalmente polo feito de que esta publicación tivo dúas etiquetas moi atractivas para os membros da miña familia "Xerais" e "Premio de novela". Por fin puiden ter a miña agardada primeira cita, co consentimento e consello de media familia, co inspector Carlos Manso. 

 

A ira dos mansos tivo unha aparición sorprendente na literatura galega sendo a gañadora dun premio que, polo normal, sempre tivo a autores xa consagrados, ou simplemente non debutantes no mundo da literatura, como gañadores.  A aparición de Manuel Esteban como autor da novela  foi sorprendente como tamén a irrupción desta no mercado literario onde sigue nos postos máis altos das listas de libros máis vendidos. O éxito non é casual.

 

A novela brilla con luz propia polo seu ritmo frenético, os seus personaxes con carácter e a aposta por unha visión do mundo que non cae excesivamente na crítica social ambigua e da protagonismo a un colectivo ó que sempre se lle negou. É indiscutible que na novela son as persoas con síndrome de Down as verdadeiras protagonistas tanto da trama, do transcurso como da mesma resolución do caso. É moi interesante ollar este colectivo dende a óptica de Carlos Manso, unha ollada descoñecida, como a nosa propia.

 

"Por iso me sorprendeu a miña primeira reacción ao ver a vítima. Cando o compañeiro da municipal sinalou o corpo deitado non puiden reprimir un aceno desgusto. Con coidado de non estragarlle a festa aos da científica puiden apreciar, baixo as mazaduras e as feridas da cara, uns trazos inconfundibles : ollos alongados, lingua grande, fronte ampla... Os rapaces con síndrome de Down dan ben nos almanaques, sorrindo ao fotógrafo pero perden feitizo coa boca partida e os miolos espallados polo chan" (p. 12-13)

 

Carlos Manso supón un punto de conflito na miña opinión da historia. É un personaxe moi feito, cun carácter e humor determinado e con preocupacións máis alá do corpo. O problema é que boto en falta un pouco máis de profundidade na súa biografía. Coido que sería moi interesante coñecer un pouco a situación familiar do inspector, a xustificación de certas formas de pensar, os seus intereses… Pese a que o personaxe sexa tan “incompleto” é moi loable a capacidade de Manuel Esteban para que non resulte a caricatura, hoxe case tautolóxica, dun inspector de policía namorado do seu traballo e inútil no amor. Sen embargo, a evolución na súa concepción sobre os rapaces con síndrome de Down fai del un personaxe moito máis interesante e permítelle o autor presentar pensamentos e divagacións moi interesantes.

 

"Púxenme en pé cunha frase de Saramago dándome voltas no maxín: <<Deféndenos, Señor, da ira dos mansos.>> O portugués propuxera esta oración anticipando que os maltreitos pola historia, os asoballados, os mansos desprovistos de toda voz, se erguerían, fartos de calar, reclamando o seu dereito a figurar na gran foto da humanidade. Ese día os donos do poder, atemorizados, caerían de xeonllos elevando a Deus esta breve pregaria. O meu irmán e mais eu adoitabamos chancear coa súa posible alusión ao noso apelido" (p. 13)

 

Lorena paréceme o personaxe máis interesante na novela porque colabora na inmersión do lector deixandoo entrar na súa asociación. Dende a súa posición,  dentro dos verdadeiros problemas, un pode presentar mellor as cousas que non se ven fora. Unha transición amable cara a comprensión da realidade. Onde o inspector ve “atrasados” ou “anormais”, ela ve persoas que son máis capaces de transmitir sentimentos e emocións ou de representar aspectos esenciais do que é ser un ser humano que aqueles considerados “normais”. En certa forma, tanto ela como os pertencentes a asociación son tan esenciais para pechar o caso que moitas veces entregan o traballo case feito ó inspector.

 

"Ás veces os silencios molestan. Este non foi deles. Agarroume do cóbado e introduciume con delicadeza no seu pequeno mundo. Un mundo estraño, inesperado, poboado de seres e cello engurrado, non porque estivesen anoxados senón de pura concentración, de puro esforzo. Imaxinara un repertorio vulgar de bicos con babas e patéticos berros incomprensibles. En troques, atopeime cun Xanadú agochado, unha illa do tesouro sen mapa, un reino perdido á vista de todos." (p. 35)

 

"Miroume con esa cara que ten de decatarse de todo. Sempre me desarma. Algún día hei de atreverme a dicirlle que detrás da miña fachada de policía desaborido e mordaz hai un idealista que a admira. Que se emociona cada vez que a escoita falar dos seus <<rapaces>>. Que sente envexa do seu lume cando a ve loitando contra o mundo porque é o mundo o que non ten razón cando os despreza. E da súa coraxe testalana e digna do soldado do terzo que sabe que está no bando perdedor e mesmo así, ou precisamente por iso, segue presentando batalla. Aínda que no fondo supoño que ela xa o sabe" (p. 75)

 

Respecto do estilo, o autor sirvese dunha prosa con períodos curtos, sen aderezos, cunha barbaridade de estranxeirismos e referentes da cultura actual, cun estupendo glosario ó final para os máis despistados, e un ritmo áxil que fai da lectura da novela un acto invasivo nas tarefas diarias do lector.

 

O entrecruzamento das tramas e a boa resolución das mesmas nun espazo e tempo tan limitados, xunto co protagonismo dun colectivo ó que sempre se lle negou, fai da Ira dos mansos unha novela  entretida e de revelación e, por qué non, tamén de revolución.
 

 

 

 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com