I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Emma Pedreira : "Cando algo me manca, preciso escribilo para investigar e aprender sobre as súas razóns"

April 21, 2017

 

Emma Pedreira (A Coruña, 1978) é licenciada en Filoloxía Hispánica, poeta e narradora. Entre a súa ampla produción destacan os poemarios Xoguetes póstumos (2010), Libro das mentiras (2012) e s/t (2015). Como narradora, publicou varios libros e en 2016 gañou o Premio Narrativas Quentes que convoca Edicións Positivas co libro Corazón e demais tripas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

          (Fonte: Editorial Galaxia, Fotografía: Editorial Galaxia)

1.   Como xorde Bibliópatas e Fobólogos?
 

Xorde da mesma maneira que o libro anterior, Corazón e demais tripas (Positivas, 2016), pola necesidade de retarme a min mesma a desenferruxar a narrativa, que deixara aparcada durante algún tempo. Podería dicirse que Bibliópatas é, non unha segunda parte, pero si un libro irmán de Corazón e unha busca de novos camiños polos que experimentar e cos que darlle alternativas a toda esa xente que me dixo algunha vez: “es que a mí la poesía...”

 

2.   Cal é a posición que ocupa o xénero feminino en  Bibliópatas e Fobólogos?


Pois desde a autoría, evidentemente,  até case o 90% do protagonismo son femininos. O papel da muller é determinante para min porque é a voz que máis me interesa, como primeira e como terceira persoa.  Aínda na escrita –e na vida- as mulleres temos moito por dicir e por reivindicar, moitos espazos que ocupar nunha xusta visibilización e estamos case que ao principio do camiño.

 

3.  Pensa que Bibliópatas e Fobólogos é un relato desmitificador da figura do escritor?


Iso é o que pretendo, desentrañar un pouco o que é oficio e poñerme ao mesmo tempo do lado dxs lectorxs para reflexionar sobre todo o proceso, desde o intre da escrita, a posterior edición, a publicación e a lectura e recepción do libro; o tramo completo que vai desde a cabeza emisora até a receptora. Se cadra sempre se estea a tratar desde un punto de vista moi idealizado, mesmo snob, a figura de quen escribe e, de coñecer o público o proceso completo que vai do folio ao libro de imprenta,  a parte que relaciona autorxs e editorxs, xs lectorxs empatizarían máis –ou aínda máis- cos libros en xeral e coa lectura.

 

4.  É posible que a foboloxía remate coa vida da lingua?


O termo foboloxía é un invento, unha nomenclatura que é antónima da filoloxía (o amor pola palabra) e que dá conta dun estado das cousas por desgraza moi actual. A nivel político a nosa lingua e a nosa cultura xa non interesan  e están condeadas a extinguirse. Existe, si, ese odio –autoodio, mesmo- pola nosa lingua e polo tanto a foboloxía como tendencia cada vez está a pairar máis seriamente sobre nós e a ensombrecer a nosa realidade. No libro falo dunha carreira nomeada así, Foboloxía, e de profesionais licenzadxs, xs fobólogxs, que se adican a eliminar palabras e destruir libros contribuíndo ao empobrecemento  da lingua e da cultura para facelos desaparecer. Podería verse como un prosaico e futurista mais...éo?

 

5.  A ironía e a comicidade exprésanse dunha maneira aberta  en todo o libro…


Buscaba, neste libro e no anterior, un público novo. E tamén un novo xeito de facer as cousas. Cando respostaba entrevistas sobre os meus libros de poemas sempre andaba a reflexionar sobre como facer máis cercano á xente o que estamos a escribir e a resposta estouna tendo coa publicación destes dous libros e está no humor tan presente. Se na poesía adoito un ton grave, desta vez decidinme  por ser un pouco máis cercana ao cotián, ser eu mesma, a eu de andar por casa, a observadora do lado máis común da vida. Son dona dun humor acedo, case cínico e aprovéitoo para facer crítica a base de retranca, algo co que –segundo a miña familia- veño de serie. Facer rir é un reto e, por baixo desa gargallada, facer pensar, alicerzar un contido social e real por baixo da forma cómica, aínda  máis.

 

6.  Que teñen as formas do microrelato e o conto breve que tanto gustan a Emma Pedreira?


Pois teñen unha economía de recursos que moito me presta, sobre todo agora que son mamá múltiple e preciso de todos e cada un dos minutos do día compartimentados para cada tarefa: traballo, familia, lecer, labouras de mantemento... Tamén, pola brevidade e a busca dunha linguaxe intensa para a transmisión da historia, linda coa poesía, xénero no que levo traballando case 20 anos, así que dar o paso non me resultou difícil e era o máis axeitado agora que non teño máis que unha escasiña hora diaria para escribir/ler.

 

7.  Pensa que era necesaria  unha publicación que achega ó lector as cousas que non coñece do proceso de elaboración do libro?
 

As publicacións que fagan reflexionar axs lectorxs son sempre necesarias e, se neste intre me decidín a falar dos libros e da lingua é porque estou a vivir con bastante acritude o tema. Cando algo me manca, preciso escribilo para investigar e aprender sobre as súas razóns. É unha cuestión hixiénica. En parte do meu círculo máis achegado –remítome ás crónicas da oficina que subo ás redes sociais, por exemplo- hai un total desinterese pola lectura e a lingua. Calquera cousa que saia do estándar é ridiculizada para que se afaste de motu proprio e buscaba xogar ao mesmo para amosar a crueldade dese xogo. Eis están, entre nós, xs fobólogxs e xs bibliópatas.

 

8.  Cómo definiría a situación do libro galego?
 

A ver, aquí complícanse as cousas. Por unha banda podemos falar da escrita, que está nun  momento excelente con novas voces, a convivencia e a interrelación de varias xeracións moi activas e por outra banda a dinamización da palabra a base de festivais e eventos (Ponte Poética, Poetas di(n)versos, Culturgal, Salóns do Libro, Semana da Poesía Salvaxe, e os que se me esquecen, pido perdón) que se afianzan a cada ano. Abren locais especializados, por exemplo, en poesía, como Linda Rama na Coruña e Chan da Pólvora en Compostela. Pola contra, van pechando librarías unha tras outra (un sangrante exemplo: o 25 de abril pechará na Praza do Libro da Coruña, a derradeira delas, e a praza levará un nome simbólico, tristemente), nas catro provincias, as editoriais van desaparecendo ou publicando cada vez menos e as novidades van saíndo con contagotas. É un momento digno de reanimación porque estamos aí aí entre a vida e a morte.

 

9.  Que é a poesía para Emma Pedreira? Cómo definiría a situación da poesía galega?
 

A poesía para min éo todo. Un lugar onde quedar a vivir. Unha firme militancia. Os meus primeiros pasos en público foron poéticos e iso pesa moito e sorpréndeme que a xente se sorprenda con Bibliópatas e con Corazón, con que saiba escribir doutra maneira. A nivel global, a situación da poesía galega, remítome á pregunta anterior falando da súa boa saúde no oral, no instantáneo, no interdisciplinar e en todo o que traia trazas de novidade pero tamén á súa fraxilidade na hora de publicar, sobre todo para autorxs que queren publicar a súa primeira obra.

 

10. Unha “frase sesuda” que podería empregar para pechar esta pequena entrevista.
Marcho que teño que marchar! ;)

 

 

 

 

 

 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com