Emma Pedreira : "Cando algo me manca, preciso escribilo para investigar e aprender sobre as súa


Emma Pedreira (A Coruña, 1978) é licenciada en Filoloxía Hispánica, poeta e narradora. Entre a súa ampla produción destacan os poemarios Xoguetes póstumos (2010), Libro das mentiras (2012) e s/t (2015). Como narradora, publicou varios libros e en 2016 gañou o Premio Narrativas Quentes que convoca Edicións Positivas co libro Corazón e demais tripas.

(Fonte: Editorial Galaxia, Fotografía: Editorial Galaxia)

1. Como xorde Bibliópatas e Fobólogos?

Xorde da mesma maneira que o libro anterior, Corazón e demais tripas (Positivas, 2016), pola necesidade de retarme a min mesma a desenferruxar a narrativa, que deixara aparcada durante algún tempo. Podería dicirse que Bibliópatas é, non unha segunda parte, pero si un libro irmán de Corazón e unha busca de novos camiños polos que experimentar e cos que darlle alternativas a toda esa xente que me dixo algunha vez: “es que a mí la poesía...”

2. Cal é a posición que ocupa o xénero feminino en Bibliópatas e Fobólogos?

Pois desde a autoría, evidentemente, até case o 90% do protagonismo son femininos. O papel da muller é determinante para min porque é a voz que máis me interesa, como primeira e como terceira persoa. Aínda na escrita –e na vida- as mulleres temos moito por dicir e por reivindicar, moitos espazos que ocupar nunha xusta visibilización e estamos case que ao principio do camiño.

3. Pensa que Bibliópatas e Fobólogos é un relato desmitificador da figura do escritor?

Iso é o que pretendo, desentrañar un pouco o que é oficio e poñerme ao mesmo tempo do lado dxs lectorxs para reflexionar sobre todo o proceso, desde o intre da escrita, a posterior edición, a publicación e a lectura e recepción do libro; o tramo completo que vai desde a cabeza emisora até a receptora. Se cadra sempre se estea a tratar desde un punto de vista moi idealizado, mesmo snob, a figura de quen escribe e, de coñecer o público o proceso completo que vai do folio ao libro de imprenta, a parte que relaciona autorxs e editorxs, xs lectorxs empatizarían máis –ou aínda máis- cos libros en xeral e coa lectura.

4. É posible que a foboloxía remate coa vida da lingua?

O termo foboloxía é un invento, unha nomenclatura que é antónima da filoloxía (o amor pola palabra) e que dá conta dun estado das cousas por desgraza moi actual. A nivel político a nosa lingua e a nosa cultura xa non interesan e están condeadas a extinguirse. Existe, si, ese odio –autoodio, mesmo- pola nosa lingua e polo tanto a foboloxía como tendencia cada vez está a pairar máis seriamente sobre nós e a ensombrecer a nosa realidade. No libro falo dunha carreira nomeada así, Foboloxía, e de profesionais licenzadxs, xs fobólogxs, que se adican a eliminar palabras e destruir libros contribuíndo ao empobrecemento da lingua e da cultura para facelos desaparecer. Podería verse como un prosaico e futurista mais...éo?

5. A ironía e a comicidade exprésanse dunha maneira aberta en todo o libro…

Buscaba, neste libro e no anterior, un público novo. E tamén un novo xeito de facer as cousas. Cando respostaba entrevistas sobre os meus libros de poemas sempre andaba a reflexionar sobre como facer máis cercano á xente o que estamos a escribir e a resposta estouna tendo coa publicación destes dous libros e está no humor tan presente. Se na poesía adoito un ton grave, desta vez decidinme por ser un pouco máis cercana ao cotián, ser eu mesma, a eu de andar por casa, a observadora do lado máis común da vida. Son dona dun humor acedo, case cínico e aprovéitoo para facer crítica a base de retranca, algo co que –segundo a miña familia- veño de serie. Facer rir é un reto e, por baixo desa gargallada, facer pensar, alicerzar un contido social e real por baixo da forma cómica, aínda máis.

6. Que teñen as formas do microrelato e o conto breve que tanto gustan a Emma Pedreira?

Pois teñen unha economía de recursos que moito me presta, sobre todo agora que son mamá múltiple e preciso de todos e cada un dos minutos do día compartimentados para cada tarefa: traballo, familia, lecer, labouras de mantemento... Tamén, pola brevidade e a busca dunha linguaxe intensa para a transmisión da historia, linda coa poesía, xénero no que levo traballando case 20 anos, así que dar o paso non me resultou difícil e era o máis axeitado agora que non teño máis que unha escasiña hora diaria para escribir/ler.

7. Pensa que era necesaria unha publicación que achega ó lector as cousas que non coñece do proceso de elaboración do libro?

As publicacións que fagan reflexionar axs lectorxs son sempre necesarias e, se neste intre me decidín a falar dos libros e da lingua é porque estou a vivir con bastante acritude o tema. Cando algo me manca, preciso escribilo para investigar e aprender sobre as súas razóns. É unha cuestión hixiénica. En parte do meu círculo máis achegado –remítome ás crónicas da oficina que subo ás redes sociais, por exemplo- hai un total desinterese pola lectura e a lingua. Calquera cousa que saia do estándar é ridiculizada para que se afaste de motu proprio e buscaba xogar ao mesmo para amosar a crueldade dese xogo. Eis están, entre nós, xs fobólogxs e xs bibliópatas.

8. Cómo definiría a situación do libro galego?

A ver, aquí complícanse as cousas. Por unha banda podemos falar da escrita, que está nun momento excelente con novas voces, a convivencia e a interrelación de varias xeracións moi activas e por outra banda a dinamización da palabra a base de festivais e eventos (Ponte Poética, Poetas di(n)versos, Culturgal, Salóns do Libro, Semana da Poesía Salvaxe, e os que se me esquecen, pido perdón) que se afianzan a cada ano. Abren locais especializados, por exemplo, en poesía, como Linda Rama na Coruña e Chan da Pólvora en Compostela. Pola contra, van pechando librarías unha tras outra (un sangrante exemplo: o 25 de abril pechará na Praza do Libro da Coruña, a derradeira delas, e a praza levará un nome simbólico, tristemente), nas catro provincias, as editoriais van desaparecendo ou publicando cada vez menos e as novidades van saíndo con contagotas. É un momento digno de reanimación porque estamos aí aí entre a vida e a morte.

9. Que é a poesía para Emma Pedreira? Cómo definiría a situación da poesía galega?

A poesía para min éo todo. Un lugar onde quedar a vivir. Unha firme militancia. Os meus primeiros pasos en público foron poéticos e iso pesa moito e sorpréndeme que a xente se sorprenda con Bibliópatas e con Corazón, con que saiba escribir doutra maneira. A nivel global, a situación da poesía galega, remítome á pregunta anterior falando da súa boa saúde no oral, no instantáneo, no interdisciplinar e en todo o que traia trazas de novidade pero tamén á súa fraxilidade na hora de publicar, sobre todo para autorxs que queren publicar a súa primeira obra.

10. Unha “frase sesuda” que podería empregar para pechar esta pequena entrevista. Marcho que teño que marchar! ;)

#Entrevistas

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com