Recensión : Antía Yáñez, O misterio de Portomarín


Título: O misterio de Portomarín Autor: Antía Yáñez Editorial: Galaxia

Selo: Árbore ISBN: 9788491510218 Nº de páxinas: 240 páxs

Sinopse:

Aqueles irmáns pensaban que o verán ía ser igual de monótono e gris que sempre.

Mais por unha serie de casualidades van ter que investigar un misterio que todos coidaban esquecido… como a vila que descansa debaixo das augas do encoro.

Durante séculos aquela vila anegada tivo os seus (terribles) segredos ben gardados. Mais agora van saír á luz…

Unha das cousas que fai que á literatura sexa tan importante no imaxinario colectivo é que é capaz de encher certos anacos da historia que a investigación e estudos non poden e que ten a capacidade de ser xuíz na memoria histórica, traendo de volta elementos perdidos ou esquecidos, mesmo outros ós que non se lles devolve o seu valor. O misterio de Portomarín, primeira novela de Antía Yáñez, é unha desas historias.

Nesta ficción presenta a un pequeno grupo de irmáns con caracteres moi distintos e que viven en conflito constante. A súa diferenza de idade e esa heteroxeneidade farán que pensen que o verán non trae nada bo para eles. Durante toda a historia veremos unha evolución neles e nos seus comportamentos e, pese a que non dispoñen dun franxa temporal suficiente para a súa madurez, si que atoparan as virtudes do traballo colectivo.

Un personaxe esencial é o can “Venres”, chiscadela evidente ó personaxe de Robinson Crusoe, que será un compañeiro máis na aventura e que colaborará a descuberta de pistas para resolver o misterio. O seu coidado será o primeiro mecanismo de cohesión para este grupo de rapaces. A idea deste personaxe tamén remite a necesidade de completar un elenco propio de case todas as novelas xuvenís de xénero detectivesco como Os cinco de Enid Blyton ou Xemelgos de Laura Lee.

Nunca o admitirían, pero a pesar de estar obrigados a aguantar a compaña uns dos outros, a existencia do can servira de amálgama entre todos. Discutían menos, axudábanse e incluso chegaran a sorrirse un par de veces. Antón, que sempre considerara que súas irmás tiñan pouco ou nada dentro da cabeza, comezou a coñecelas mellor. (páx. 37)

A autora actúa case de xusticeira propoñendo unha historia que ten como protagonista a cidade luguesa e os sucesos que alí tiveron lugar. Os demais personaxes que aparecen na historia son froito do seu contexto, o dun Portomarín asolagado, da mesma forma que as súas casas, recordos e vidas pasadas. Feitos todos eles que a autora non esquece prosificar a modo de denuncia contra o esquecemento e como mostra de rebeldía ante a historia dende o poder.

Todos eses nomes son aldeas que quedaron baixo as augas; vinte e cinco lugares, ademais de Portomarín. Centos de casas de xente que tivo que abandonar os seus fogares, de campos de traballo polos que case nin un peso viron os seus donos. Son vidas que levaron, aínda que ninguén mataron, e que non fixeron nin o máis mínimo esforzo en recompoñer. (páx. 82)

Respecto o estilo, a autora presenta unha novela cun ritmo máis lento na súa primeira parte e que se detén máis do preciso en construír ós personaxes, pero que na segunda parte colle velocidade, en canto os libera, cara un desenvolvemento trepidante e que da pé a reflexión.

En resmo, O misterio de Portomarín é unha historia que o público infantil e xuvenil gozará moito, e considero que tamén o adulto, e que transmite unha mensaxe forte sobre a importancia da memoria e a identidade.

#Recensión

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com