Recensión: Emma Pedreira, Bibliópatas e fobólogos


Título: Bibliópatas e fobólogos Autor: Emma Pedreira Editorial: Galaxia ISBN: 9788491510378 Nº de páxinas: 148 páxs





Sinopse:

Neste libro de Emma Pedreira hai libros que falan de libros que conteñen libros que nos poden enfermar ou sandar ou sandar ou sacar o mellor de nós, que pode ser o peor.

Un mollo de relatos, dende micros a máis longos, nos que a trama e o desenlace se adiviñan entre páxinas, entre lombos de volumes curiosos para xente así de curiosa: os biblíopatas e fobólogos. Libros polos que matar e polos que vivir. Libros que dan a vida e a quitan. Personaxes nos lindes da razón que atopan na lectura, nas letras, nas semánticas máis estrañas, a súa razón de ser ou un motivo para mandar. Unha proposta literaria de Emma Pedreira, unha das autoras con máis proxección da literatura galega actual.

Tiven un problema dos gordos con este libro. Confeso que teño o costume de encher os libros con notas, a lapis por suposto, e post-its para marcar as miñas frases preferidas ou aspectos que me parece adecuado sinalar para falar do libro. Emma Pedreira logrou que rematase con eles e que poñer marcadores fose un pouco absurdo. Teño que confesar que Bibliópatas e Fobólogos, de maneira pouco profesional, que foi unha das mellores cousas que lin no que levo de ano.

Emma Pedreira crea neste libro unha complexa narrativa arredor do libro, a lectura e o mundo editorial cunha aparente sinxeleza que descoloca o lector. Na publicación preséntanse unha serie de fragmentos de diferente extensión que suponse son "relatos" pero que para min xogan nun punto común a todos os xéneros co resultado dun achegamento moi logrado á esencia do literario para o lector. Nestes textos hai historias de todos os tipos que son xeniais para petiscar entre horas e tamén para gozar cunha lectura máis analítica.

Notábase ben que o que alí levaba era un libro. Tiña forma de libro, aparencia de libro, cuberta e follas de libro. Levábao entre as mans pesadamente, como quen leva un volume groso, un tocho, vamos. Seiscentas follas ou máis. E subiu ao autobús como calquera outra persoa, coa ollada revirada de quen pensa nas súas cousas, distraída, as unllas pintadas de vermello sangue relucindo sobre o fondo amarelo do seu libro. Logo de pagar, ante a ollada asustada dalgunha xente, fixo a primeira tentativa de tomar asento, pero non puido, xa que a señora do lado pousou o bolso coma quen non quere a cousa. Ela baixou a vista e buscou outro lugar onde sentar; o mesmo, un home adiantóuselle e non llo permitiu, perdendo a ollada pola fiestra á mantenta por non dar explicacións nin sequera en silencio. (páx. 61)

Considero que o estilo da autora é algo de interesante estudo crítico, pois presenta unha prosa que en moitos aspectos pode semellar prosa poética pero sen ningún tipo de alarde estético e retórico á vista. Unha prosa cun ritmo áxil, pero que non esquece detalle na creación do ambiente ó que lector poder viaxar. Un complexo tecido de palabras que combina distintos rexistros sen que as diferenzas afecten á lectura. Nin sequera a extensión dos textos é importante con respecto a potencia das mensaxes que nel están presentes.

- Vas saír así a rúa?

-Si, por?

- Porque con eses versos transparéntaseche todo o pesimismo. (páx. 50)

En conclusión, Bibliópatas e Fobólogos é unha homenaxe ó libro, a palabra e a lingua, pero tamén unha crítica. Unha publicación das que é inútil marcar ou clasificar nun so xénero mais si colgar na porta da neveira. Unha obra de lectura obrigatoria para un bo lector.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

«pequena occidental,

confías na historia das palabras

porque nunca puideches confiar na dos homes»

    Alba Cid, Atlas (Galaxia, 2020). (Fragmento)

Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández 2020