Segundo Anfiteatro : Esther F. Carrodeguas, Voaxa e Carmín


Texto: Esther F. Carredeguas Direción: Xavier Castiñeira Intérpretes: Mabel Rivera e Belén Constenla Videocreación: Roi Fernández (SrPause Cinescapismo) Escenografía: Marcelino de Santiago “Kukas” Maquillaxe: Trini F. Silva Iluminación: Javier Quintana Vestiario: Mari Seoane Deseño gráfico: Le Gráfica Produción: Julio Perugorria e Esther F. Carredeguas

Sinopse:

Maruxa e Coralia saen da casa, como cada día, maquilladas ate a extenuación e vestidas a toda cor dispostas a dar o seu habitual paseo das dúas polas rúas de Compostela. Pasear, saudar, mercar Sansón e galletas María, piropear aos mozos, insultar ás mozas…..

Todo parece transcorrer sen cambio algún. Porén, hoxe non vai ser un día coma os outros: Coralia empurra a Maruxa a escapar das súas rutinas, tentando cumprir os seus soños. Arrancará así unha viaxe que abrirá feridas de guerra que volverán doer coma o primeiro día.

Voaxa e Carmín foi o espectáculo elixido por Eme2 para acompañar ás Festas de Ascensión en Santiago de Compostela este ano. Non tivera ocasión anteriormente de gozar deste espectáculo polo que foi a miña primeira toma de contacto. Tiña expectativas altas co espectáculo, xa que coñecía un pouco da actividade da dramaturga Esther F. Carrodeguas no que se refire a obra teatral propia e a prácticas performativas, e as actrices escollidas son dunha calidade notable.

O espectáculo é unha proposta invasora para o espectador, xa que en todo momento está en contacto visual coas actrices. Poucos minutos antes de que comece a obra temos ás actrices peiteándose e maquillándose en escena e dende ese momento non abandonaran a escena salvo en elipses fugaces. As dúas protagonistas son o único foco do espectador xa que a escenografía é moi simple. Unicamente acompaña a acción un deseño gráfico das diferentes rúas de Santiago que avanzará ó mesmo tempo que as protagonistas pola cidade. Poderíamos pensar que este traballo gráfico podería ser unha distracción para o espectador pero a súa composición a base de branco e negro xunto con trazos moi xeométricos e finos, consegue dar unha situación ambiental que non afecta gravemente a percepción do espectador.

O vestiario é unha colaboración importante no efecto de inmersión. As fortes tonalidades dos vestidos das famosas "Marías" xunto coa gran cantidade de maquillaxe e os peiteados esaxerados son esenciais para a composición. Todo isto tamén suxire que o espectador é un observador dunhas mulleres ás que lles gusta ter protagonismo en todo momento. A mirada do espectador é a mirada deses homes cos que coquetean. Tamén nun plano simbólico representa á propia estatua do paseo da alameda, pola posición sempre fixa, dende o punto de vista do que ve, de Coralia (esquerda) e Maruxa (dereita).

Maruxa é quen leva a batuta nos primeiros cadros. O seu cometido é ser guía de Coralia pola zona vella indicándolle como debe comportarse e levando toda a iniciativa nas "chiscadelas" ós homes. Maruxa é unha muller marcada pola dualidade en todos os seus comportamentos. O medo e recordos terribles que a torturan conviven cunha actitude fachendosa e combativa. Cando toma as decisións son sempre colectivas, xa que tómase a licenza de decidir por Coralia. A súa irmá é unha personaxe que crece a medida que pasan os cadros, mostrando que a súa inconsciencia é selectiva e que a percepción que ten da realidade é moito máis verdadeira que a de Maruxa. Amosa ser unha muller feita e non unha rapaza. Maruxa utiliza ás aparencias para non loitar contra as fendas internas e Coralia elixe unha finxida ignorancia, preto da tolemia, para non facerlle mal a súa irmá.

Ambas irmás loitan contra a realidade da mellor forma que saben, con moita "voaxa e carmín" e cun gran sorriso, tal e como prometeran os seus familiares. As dúas son representacións das desgrazas que trouxo a guerra e a persecución a que foron sometidos os republicanos tras a vitoria dos nacionais. A interpretación de Belén Constela (Maruxa) e Mabel Rivera (Coralia) é sensacional xa que imprimen o carácter que precisan estas figuras e vense realmente cómodas nos seus papeis.

Con respecto ó texto teño que dicir que Voaxa e Carmín é unha poética da cotidianeidade. A estructura completamente dialogal da obra caracterízase por un léxico coloquial e a reproducción de conversas cotiás cun grao importante de humor. Ese componente humorístico xorde duns diálogos moi áxiles e vertixinosos, nos que poderemos ver un gran número repeticións e solapamentos.

Título: Voaxa e Carmin Autor: Esther F. Carrodeguas Editorial: Difusora de artes e ideas ISBN: 9788492958382 Nº de páxinas: 80 páxs

Prezo: 6 €

Ler o texto da obra é case unha obriga para o espectador. Publicado por Difusora de artes e ideas, esta edición reproduce o texto íntegro da obra de Esther F. Carrodeguas e presenta apuntamentos críticos de Patrice Corrons e un texto sobre as Marías de Encarna Otero, así como unhas notas da propia autora. Unha edición traballada e sobre a que podemos afondar no texto do espectáculo, gañador dos Premios Abrente 2015 na MITR, que é tan aparentemente sinxelo coma profundo.

En conclusión, Voaxa e Carmín é un espectáculo cun ritmo moi áxil, que busca e consegue o entretemento pero que non esquece unha postura moralista contra os crimes de guerra e o esquecemento da memoria histórica. Se buscan unha obra sobre a historia das Marías, neste espectáculo non a atoparán xa que ninguén ten ciencia certa da actividade e biografía destas personaxes, pero si terán a ocasión de ver a escuridade que se oculta tras tantas capas de voaxa e cores.

#Segundoanfiteatro

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

enumerar motivos para debuxar unha balea

 

para crer nun espírito navegante que non temos

para delimitar o medo

para valernos dela na fuxida

para botar de menos unha viaxe

unha en concreto

para debuxar un bazar e disfrazala de elefante

porque teñen a forma das distancias

porque dentro dunha balea o ceo está limpo e non hai dor

para pintala sorrindo e poñerlle flores ou peixiños pequenos

para facer unha metáfora de todas as traxectorias

para que sexa a proa na reconquista da paisaxe

para representar o tamaño da tristeza

para pensar nas palabras coas que explicar o debuxo.

Eduardo Estévez, de baleas 

(Caldeirón, 2017)  

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com