I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Pedro Feijoo : "Os fillos do lume é parte dun proxecto persoal arredor da memoria da cidade"

June 14, 2017

Pedro Feijoo (Vigo, 1975) é escritor. Exerceu profesionalmente como músico, levando a cabo unha intensa traxectoria como produtor, compositor e membro dalgúns dos máis salientables proxectos musicais galegos. Deuse a coñecer como ensaísta co seu libro, “Cousas do «Galicia», por Castelao” (1997), ao que seguiu a crónica “Viva o Fu Remol!” (Xerais, 2005). Como narrador publicou as seguintes novelas, todas elas traducidas ao castelán: “Os fillos do mar” (Xerais, 2012), Premio «Arcebispo Juan de San Clemente» 2013; “A memoria da choiva” (Xerais, 2013), Premio «Arcebispo Juan de San Clemente» 2015; “Morena, perigosa e románica” (Xerais, 2015); e “Os fillos do lume” (Xerais, 2017). Ademais, publicou o relato «O segredo do viaduto» no libro “XII Certame Literario de relatos curtos Os Viadutos” (Xerais, 2012).

 

Texto : Xerais     Fotografía : Yago Ray

Por que tras varios anos da publicación de Os fillos do mar, Pedro Feijoo toma a decisión da volta dos personaxes de Simón e a Mariña noutro misterio?

 

            Supoño que, en realidade, as miñas novelas son todas unha emboscada. Ou, mellor dito, creo que a miña actitude con respecto á literatura é a do impostor. Eu non son dos que van de escritores pola vida, máis ben todo o contrario: son un lector que escribe novelas porque, a través delas, atopei un xeito de dialogar co lector ao outro lado, de falar co mundo e, así, poñer en valor a nosa identidade. A nosa historia, a nosa memoria... Nós. Nesta ocasión, con Os fillos do lume o que pretendo é chamar a atención sobre unha parte importantísima do noso pasado que, “curiosamente”, non sucedeu exactamente como nos empeñamos en lembrar. A chegada do exército napoleónico supuxo a toma de non poucas decisións importantes. Algunhas acertadas, outras delas (moitas) probablemente equivocadas, especialmente de cara ao que podería ter sido o noso presente... E unha parte moi importante dese momento histórico decidiuse en Vigo. De aí que, para contar esa historia, decidise botar man dunha parella de personaxes que xa estaban aí. Mariña e Simón coñecen a cidade, saben das súas luces e das súas sombras. Quen mellor ca eles para contala?

 

 

Cambiou algo neles dende a súa primeira aventura? Como foi para vostede o reencontro  con eles?

 

            Supoño que un autor cambia cos seus personaxes. Ou igual era ao revés, agora non o lembro... Malia que Os fillos do mar apareceu publicado no ano 2012, en realidade eu xa comezara a traballar nese libro tres anos antes. Imaxina o que pode cambiar un en oito anos. E o reencontro... Ben, en realidade tampouco é que houbese tal reencontro. Para iso debería haber unha separación previa. E non foi o caso. Para ben ou para mal, estamos a falar de dous personaxes que sempre van comigo. Sobre todo el...

 

 Mesa de traballo de Pedro Feijoo. Fotografía: Pedro Feijoo

 

 

Nesta nova novela manterase ese ton humorístico de Os fillos do mar?

 

            “Ese ton humorístico” non é un recurso narrativo do que eu bote man de maneira intencionada. É a miña maneira de ser. Igual visto de maneira “pública” non o parezo moito, pero eu son un tipo moi tímido. Sempre fun, de feito, un fulano con certas dificultades á hora de relacionarse cos demais... O humor, o feito de botar man do humor, é unha das vías que emprego para facelo. Ás veces, incluso penso se non será unha especie de “mecanismo de defensa”, un xeito de protexerme, un “dicir sen dicir”. Está presente nas novelas, pero porque tamén o está no meu día a día.

 

 Pedro Feijoo. Fotografía: Yago Ray

 

“Un disparo camuflado no rebumbio, o alcalde botando a man ao peito antes de caer”. Non cabe dúbida de que nesta novela os sucesos serán unha cuestión pública de primeira orde.

 

            Sempre o son. Creo que de nada serve que un pense que aquilo que ten que dicir é moi importante, se logo non logra transmitilo dun xeito que chegue ao lector ao outro lado. Creo firmemente que ao lector hai que conquistalo, hai que seducilo, hai que namoralo. É totalmente inútil pensar que tes nas túas mans a maior revelación do mundo se o lector sente que lle estás soltando unha filípica de moito carallo. Por moi importante que a ti che pareza, o verdadeiro truco segue a ser o mesmo que sempre estivo aí, á vista de todos: non é o que, senón o como. Por iso digo sempre que os meus libros teñen que resultar, ante todo, entretidos. Aquilo ao que o mestre Agustín Fernández Paz lle dicía “a axuda do lector”. E se ademais de entretidos poden ser adictivos, mellor que mellor. A miña principal preocupación é que as miñas historias resulten entretidas, pero non de maneira gratuíta: busco que resulten entretidas porque necesito que o lector siga avanzando ao longo da historia, que o pase ben para que siga lendo, para que chegue ao final. Que devore a historia, que non poida parar... Para que, case sen decatarse, acabe levando consigo a mensaxe que a min me preocupaba transmitir.

 

Os fillos do lume pon o foco de atención na zona vella da cidade. Veremos unha cantidade de espazos tan ampla como na súa predecesora?

 

            Verémolos, abofé que si. E, de feito, diría que aínda non serán os suficientes... Obsesióname a posibilidade ou, mellor dito, a necesidade de poñer en valor todos eses lugares polos que pasamos a diario sen prestarlles atención, esquecendo a importancia que teñen ou que tiveron para que hoxe nós sexamos quen somos. Boa parte da nosa historia, da nosa identidade como pobo, descansa en moitos deses espazos, pero nós levamos tanta présa que nos permitimos o luxo de ignoralos. Xa se fixeron bastantes atrocidades urbanísticas ao longo dos anos sesenta e setenta do século pasado, xa foron demasiadas as xoias da nosa arquitectura que permitimos que desaparecesen, como para continuar ignorando a súa presenza, descoñecendo a súa historia, desprezando o valor do que aínda permanece. Así pois, nesta ocasión volvo traballar por poñer en valor non poucos espazos esquecidos do noso cotián, como os restos da muralla (que os hai e son tan grandes como tanxibles, por máis que nos queiran contar que non queda máis que esa cousa estraña que meteron nunha furna de cristal ao final da rúa da Laxe), a casa Bárcena, a igrexa de Santa María (a que se ve e a que non se ve), ou, por quedar cun exemplo imperdoable de mala memoria, a chamada “Casa do Francés”, o lugar onde se atopaba o alto mando galo durante a ocupación e que hoxe, como tanto acontece en Vigo, non loce placa ningunha que tal memoria recorde. Pero non só falaremos de Vigo, xa que a intención desta novela non é quedar no local. Á fin e ao cabo, do que estamos falando aquí é do nacemento da Galicia moderna.

 

 A casa do Francés. Fotografía: René Molinos

 

 

 

A fundación da cidade de Vigo é descoñecida ata para os propios cidadáns. A orixe do nome, xa para empezar, deu pe a moitas discusións…

 

            A historia de Vigo, en xeral, é bastante descoñecida. Somos unha cidade que durante os últimos decenios viviu instalada na urxencia. Unha cidade de rúas pinas que nos levan a toda velocidade dun lado para outro, onde todo é hoxe. Esquecemos a nosa historia, e ás nosas institucións máis próximas tampouco parece que lles importe demasiado poñela en valor. A quen lle podemos poñer un monumento? Á tráxica memoria do Bou Eva, ou a un dinoseto de tres metros? Levas toda a razón ao mencionar o asunto do nome, pero, mal que ben, polo menos é unha cuestión que aínda soa de vez en cando. Sen embargo, non temos que ir tan atrás para atopar outros asuntos ben máis relevantes para a nosa historia e, porén, moito máis descoñecidos para os vigueses. Como, por exemplo, a enorme importancia histórica do Vigo corsario: todo o mundo sabe que Vigo é unha cidade que naceu do mar e, cando preguntamos na rúa, non tarda en aparecer quen nos sinale o barrio do Berbés como centro da actividade mariñeira da vella vila. Pero o que xa case ninguén lembra hoxe é que foi xusto na outra banda da cidade, no barrio do Areal, desde onde por case cen anos se levou a cabo unha das actividades económicamente máis importantes para a historia de Vigo. Unha actividade indisolublemente relacionada co mar... Porque foi precisamente aí, nese barrio do Areal, desde onde se desenvolveu a partir do segundo terzo do século XVIII unha inmensa actividade corsaria, auspiciada primeiro polo rei Felipe V, e que chegaría ata o tempo de Carlos IV. É precisamente nese campo onde destacan, entre outros, nomes como o de Buenaventura Marcó del Pont, amigo persoal de Godoy, e unha das figuras absolutamente indispensables para comprender o primeiro desenvolvemento industrial visto na cidade. E, con todo, estamos a falar dun home que, curiosamente, tampouco está presente na memoria da cidade.

 

                                          Taboleiro de anuncios parroquiais. Fotografía: Pedro Feijoo

 

 

           Ou, seguindo por ese mesmo camiño, tampouco tardamos en chegar a outro dos puntos chave da nosa historia moderna: na actualidade, a gran festa da cidade é a da Reconquista. Tanto é así, que hoxe aspira a ser declarada festa de interese turístico nacional. E iso está ben, moi ben. Pero igual tamén o estaría coñecer un pouco máis a súa historia... Porque, sen saír dela, obstinámonos en celebrar uns actos que, a dicir verdade, pouco teñen que ver co que sucedeu realmente. Estamos certos da existencia dese tal Carolo que comezou a botar abaixo a porta da Gamboa? Hoxe mesmo, moitos dos vigueses seguen a pensar que a figura que loce no alto do monumento á Reconquista, na praza da Independencia, é a do valente Cachamuíña, heroe da cidade... cando en realidade o que aparece representado aí arriba é outro ben distinto: as pombas da praza e mais as gaivotas da ría deixan o mellor de si mesmas na cabeza de Pablo Morillo. Para moitos, un traidor, por certo...

 

Imaxino que para traballar sobre a cidade tivo que existir un proceso de documentación moi intenso. Como foi?

 

            Longo, denso, solitario, dificultoso, por veces inaccesible, excitante, interminable... Vamos, como sempre. Todas as miñas novelas, mesmo a máis lixeira delas, están apoiadas sobre un fondo proceso de documentación. Son dos que opinan que, xa que o lector vai facer ese pacto de credibilidade co que eu lle vou propoñer, aínda sabendo que é ficción, pola miña banda eu teño a responsabilidade de revestir a miña invención da maior verosimilitude, da maior veracidade posible.

 

 Mesa supletoria con documentación sobre a cidade no despacho de Pedro Feijoo. Fotografía: Pedro Feijoo

 

 

            Neste caso, así é todo, debo dicir que, ademais das canles habituais, foime de moita axuda (ou, mellor dito, de indispensabilísima axuda) o traballo dunha serie de eruditos da historia local, non sempre recoñecidos como merecen. Refírome a autores como José de Santiago, Espinosa Rodríguez, Pedro Díaz, Avelino Rodríguez Elías, Amador Montenegro, Xaime Garrido, o recentemente desaparecido Lalo Vázquez Gil, ou Manuel de la Fuente. É certo que as súas obras non son de fácil acceso, xa que na súa grande maioría se trata de referencias descatalogadas (como Tierra de Fragoso, Historia íntima de Vigo, La ciudad que se perdió, ou a fantástica La caracola de piedra, por citar unhas poucas das que, por fortuna, gardo na miña biblioteca como ouro en pano). E iso no menos malo dos casos, xa que noutros peores, como no de De la Fuente, as obras nin sequera están compiladas como merecen.

 

            E, xa que estamos, e á marxe destes autores, debo mencionar tamén a Arturo Pérez-Reverte, quen xa desde o comezo do proxecto, alá polos primeiros meses de 2014, mostrouse xeneroso como poucos á hora de recomendar e compartir información sobre o período da mal chamada “Guerra de Independencia”, ese conflito ao que, en realidade, aquí sempre se lle chamou “a Guerra de Galicia”.

 

 

Veremos algunha outra aventura de Simón e Mariña no futuro? Considerase esta novela como parte dunha bioloxía?

 

            Neste momento non sei se haberá outra novela máis cuxos protagonistas sexan Simón e Mariña, non o sei. Pero que estas dúas están relacionadas é innegable. De feito, Os fillos do lume é parte dun proxecto persoal arredor da memoria da cidade que ten tres patas. A primeira delas é Os fillos do mar, a segunda é esta novela, e o proxecto pecharase dentro duns meses, coa publicación dun terceiro libro, paralelo a ambas novelas, onde conto desde a non-ficción todas aqueloutras historias que non puideron entrar nas novelas, pero que considero que non deben caer no esquecemento. Sairá para o outono, e terá a forma dunha sorte de pequeno paseo histórico polas rúas da Cidade Vella, á procura dos seus segredos, das súas anécdotas esquecidas, das súas luces e, por suposto, tamén das súas sombras. E con algunha que outra sorpresa...

 

Na súa opinión, que é o que fai de Vigo un espazo predilecto para a literatura actual? É indubidable que dende fai pouco tempo publícanse un montón de textos que teñen a cidade como referencia…

 

            Eu non son moi de opinar sobre o traballo dos demais. Se unha novela non me gusta non vou por aí dicíndoo, que eu tamén sei o moito que custa facelas como para que logo veña calquera espelido coma min a poñercha a feder. E se me gusta... pois mira, tampouco: a última vez que aplaudín publicamente unha novela que me gustou non tardou nin dous días en aparecer quen a botase por terra da maneira máis groseira posible. E, entre outras barbaridades, criticando precisamente o feito de que a novela que eu tanto gabara estivese ambientada en Vigo. Como se tal cousa for un delito...  Así que non, mellor deixemos en paz eses “montóns” de novelas polos que me preguntas e as razóns que levaron aos seus autores a escoller esta cidade como espazo...

 

 

            Por se vale de algo, o único que podo dicir é cal é a razón de que o faga eu. E a verdade é que a reposta tampouco ten moito misterio: escribo sobre Vigo porque é a miña cidade. É un espazo que podo dicir que coñezo bastante ben, desde dentro e desde fóra, do dereito e do revés. Coñezo a súa historia, a súa tradición e o grande valor da súa memoria, tantas veces esquecida. Mais tamén sei como cae a luz na rúa do Príncipe ás oito da mañá e como o solpor baña de laranxa as praias de Canido. Coñezo os canellóns da cidade, sei onde están os accesos aos seus túneles perdidos, e podería describir en cento corenta caracteres o talante dos operarios que limpan os xardíns de Montero Ríos logo dun botellón, pero tamén podería describir con todo detalle o aspecto que tiña ese mesmo paseo cando era a mesmísima Mata Hari a que o camiñaba. Coñezo o arrecendo da ría nunha tarde de verán, o cheiro das ruínas da Panificadora nunha entrada furtiva coas primeiras luces do día, e o fedor da rúa Churruca nas derradeiras horas da madrugada. Escribo sobre Vigo porque coñezo a procesión do Cristo da Vitoria, mais tamén a dos obreiros da Citroën entrando na factoría ás seis da mañá. Sei como soa a grada de Río celebrando un gol do Celta, pero tamén coñezo desde neno o son dos libros do XIX ao pasar as súas páxinas na sala de traballo da biblioteca Penzol. Por iso escribo sobre Vigo.

 

Para rematar, que pensa que o lector pode atopar en Os fillos do lume a diferenza de Os fillos do mar e outras das súas novelas?

 

            Iso do éxito está moi ben (supoño), pero de onde máis se aprende é dos erros. E, postos a equivocarse, resulta que eu son todo un campión en semellante disciplina. De maneira que supoño que o máis honrado que podo dicir é que, nesta nova novela, os lectores verán un compromiso honesto e sincero por facer as cousas cada vez mellor. Sempre digo que vou cun “L” ás costas, como os condutores novos que acaban de sacar o carné. Estou aprendendo, e a cada libro tento facelo o mellor posible. Ese é o meu compromiso, o de esforzarme ata suar tinta se é necesario para que a historia funcione. E, mentres o vou facendo, manteño a mesma actitude, a de seguir “impostando”, facendo ver que nada máis pretendo resultar entretido para, polo camiño, seguir traballando por seguir poñendo en valor a nosa identidade. Á fin e ao cabo, ese é o meu xogo: distraervos cun adorable osiño de peluche mentres ceibo unha víbora velenosa por debaixo da mesa...

 

 

Booktrailer de Os fillos do lume. Creador: Pedro Feijoo

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com