I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Antía Yáñez : "Elixín Portomarín porque sempre me fascinou o que gardaba baixo das augas."

June 30, 2017

 

Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de Camiños, aínda que nunca exerceu a profesión. Entre os premios outorgados á súa obra atópanse o Certame de Microrrelatos "Lonxa Literaria" 2013, de Moaña, o Premio de Relatos Curtos “Os Viadutos” 2014, de Redondela, e o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre (2016). Actualmente compaxina a escrita coa xestión dunha academia en Cecebre (Cambre), onde imparte obradoiros de escritura para rapazas e rapaces. O misterio de Portomarín é a súa primeira novela.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

               Texto: Galaxia              Fotografía: Antía Yañez

1.  Cal foi o desencadeante da necesidade de Antía Yañez por escribir unha novela sobre o asolagamento e os seus efectos?


Cando era nena era adicta á lectura: durmía co libro, comía co libro, ía ao colexio co libro (poñía os de texto por diante dos de aventuras que levaba da casa para escondelos). Incluso cando ía ao cuarto de baño era incapaz de deixar o libro fóra. Era o xeito que tiña de abstraerme e visitar mundos incribles. A miña imaxinación non tiña límite; podía ser o que quixese ser. Así que, supoño, a escrita foi a evolución natural que alguén coma min tivo: de soñar con mundos que inventaban outros a crear os meus propios.
Elixín Portomarín porque sempre me fascinou o que gardaba baixo das augas. Cada vez que ía á casa de meus avós e cruzaba a ponte sobre o río Miño, imaxinábame baixando até a súa beira e descubrindo tesouros agochados e esquecidos polos anteriores habitantes. Falar da súa historia, do porqué daquel asolagamento, saíume de xeito natural, pois á fin e ao cabo estaba a falar de algo que a min me contaran sendo nena.

                                       Imaxes de Portomarín e numeración das pedras da Igrexa polo seu traslado.


Quixen conxugar así mesmo o amor polo rural galego, que vivín desde a infancia grazas a meus avós, a complexa relación entre irmáns e tamén a que deberiamos de ter cos animais domésticos; desgraciadamente no noso país quédanos moito por andar nese eido. Intentei incluír, por último, un punto algo máis tétrico, pois ás historias que lía de pequena sempre pensei que lles faltaba algo. Existe a opinión xeneralizada de que hai temas que non se poden falar con rapaces ou rapazas pequenos, pero eu penso que non é certo; pódese falar con eles de todo, sempre que se adapte á súa idade e forma de ver a vida.
Conxugar todo isto que che acabo de contar deu lugar a O misterio de Portomarín.

 

 

2.  O misterio de Portomarín é a súa primeira novela. Como cualificaría o proceso de xestación da mesma?


A dicir verdade, o proceso foi moito máis fluído do que espera alguén ao escribir o seu primeiro libro. Como estaba a falar de cousas coñecidas para min desde nena, coas que soñara e nas que pensara moitas veces, había moitos puntos da historia que xa sabía como resolver, e iso axudou moito. Despois, á hora de poñelo por escrito, case que saía só.

 

                                                  Presentación de O misterio de Portomarín. Na fotografía: Antia Yáñez e Francisco Castro (editor). 

 

 

3.  Como foi o proceso de documentación para preparar a novela?


Pois para documentarme sobre o asolagamento e os aspectos históricos do mesmo, que foi basicamente sobre o que tiven que facer este traballo, utilicei o magnífico documental Asolagados, do director David Vázquez, e o libro de Afonso Eiré, guionista tamén de dito documental, Belesar, o orgullo de España. Recomendo ambos a calquera persoa que queira afondar máis no asunto.

 

 

Alfonso Eiré, Belesar "o orgullo de España" (Hércules, 2013)

 

David Vázquez, Asolagados (2015)

 

 

 

 

 

 

 

 

4.  A súa novela bebe de distintas fontes pero é inescusable sinalar a semellanza que ten coas novelas de Blyton. Consumiu vostede moitas das historias de Los cinco?


Si, todas. Regaloumas miña nai cando tiven idade para lelas, porque a ela tamén lle gustaran de pequena. Non obstante, foi con estas novelas coas que tiven a sensación de que me faltaba algo. Obviamente, o contexto dos anos nos que foron escritas non tiña nada que ver cos 90 e os 2000, que foi cando as lin eu. Aí foi onde me decatei de que se había algo que non remataba de convencerte nun libro, por que non escribir os teus propios e incluír ese “algo”?

 

5.  Cal é a chave para que un grupo de irmáns tan diferentes, e tan en desacordo sempre, rematen a novela máis unidos que nunca?


A aventura, o misterio, a investigación e, como non, Venres. O amor polos animais é un frío condutor moi poderoso, e, como xa dixen, quédanos moito por andar. O traballo en equipo é fundamental neste libro e, se se fai ben, non hai mellor arma para que un grupo se sinta unido. Sobre todo se hai un (neste caso, Venres) que non discute con ninguén e os quere a todos por igual. O can foi, digamos, o árbitro deste grupo tan heteroxéneo. 

 

6.   O can chámase Venres en homenaxe a un personaxe de Robinson Crusoe. Lonxe de ser unha anécdota, os dous personaxes teñen unha orixe, función e comportamento semellante…


Si. Os nomes nas novelas, en xeral, son moi importantes, e a min prodúcenme dores de cabeza sempre! Son malísima para elixilos, a pesar da relevancia que teñen. Vas lembrar sempre aos protagonistas por el, e eu quería un nome poderoso para o can, para deixar claro que tiña un papel principal na historia, tanto coma os irmáns. O de comportarse de xeito semellante foi simplemente a evolución do misterio. Non o fixen adrede!

 

7.  Falando de Venres, por que cre que en moitas novelas de misterio, o can é sempre un compañeiro imprescindible do grupo de rapaces?


Porque son máis listos que os humanos, claro! Ademais, quen non quixo de pequeno ter un can? Haberá algunha excepción, pero case que se contan cos dedos dunha man... Polo menos, se non podes telo na realidade, que se converta nun compañeiro imprescindible de aventuras nos libros! 

 

8.  Considera que O misterio de Portomarín é unha novela que expón o concepto de  memoria histórica os rapaces?


Non cito esas palabras en ningún momento na novela, pero si quixen deixar moi claro que as persoas non podemos esquecer o pasado, por moi doloroso que este sexa. Somos como somos grazas ao que nos aconteceu ao longo da nosa vida, e de todas as vivencias se saca unha aprendizaxe. Creo que en España este tema é un tema tabú na maioría dos casos. Si, hai mil e unha películas que falan da Guerra Civil, e libros, documentais, etc., pero case ningún aborda este tema para rapaces. Non sei se cambiou moito ou non a educación desde que eu deixei o colexio, pero lembro que o franquismo case o pasabamos por enriba na clase de historia. Por que? Non ten sentido.

 

                                                      Antía Yañez fala a escolares sobre O misterio de Portomarín.

 

Aprendín os nomes de non sei cantos reis e raíñas que xa pouco inflúen no presente; tamén os nomes dos países que formaban os diferentes bandos nas guerras mundiais. E España? Por que esta época tan recente da nosa historia non se aborda coa mesma intensidade para rapazas e rapaces? Se se trata coma un tema tabú, as feridas non poderán sandar. Non é remover o pasado como algúns din: se non se quere esquecer hai que falar del. Como se pode facer se non? Pero hai que contar as cousas como foron.
Así que si, a memoria histórica está presente en todo o libro, adaptada aos rapaces, aínda que nunca aparezan esas palabras na novela.

 

9.  Vostede sempre defende que esta novela non é para un único público. Que tipo de achegas pode dar a novela a cada sector do público?

 

Para os rapaces, a novela é o que len: uns irmáns, un can, un misterio que resolver, o amor polos animais, o compañeirismo, a historia... Pola contra, os adultos poderán atopar referencias (Los Cinco, Robinson Crusoe, etc.) que os máis pequenos se cadra non entenden do mesmo xeito. Eu lía Los Cinco, pero que rapaz de hoxe en día os coñece? Máis ben poucos. Ademais, o misterio é o misterio: coñezo adultos que o leron que me dixeron que non puideron parar até o final porque querían saber cal era a solución. É sinxelo de entender e sinxelo de ler, así que o público que pode achegarse a el é moi amplo.

 

                                                   Presentación en Nobel (Burela)  de O misterio de Portomarín

 

 

10.  Para rematar, ten vostede algún novo proxecto en mente? Pode adiantar algo?


Si, teño; sempre teño algo na cabeza, pois soño até esperta. Pero non sei se sairán adiante... Materializar unha idea sempre é un traballo arduo e, ás veces, ao poñela no papel, non ten tan boa pinta coma tiña na mente.
Iso é para as novelas. En relato curto, acabo de gañar o XXIV Certame Literario de Cambre e o XVII Certame Literario Os Viadutos de Redondela. No primeiro penso que non fan libro cos gañadores, así que estarei encantada de enviarllo a quen mo pida. No segundo coido que si sairá un libro, así que estou máis que encantada!

                                          Antía Yañez recibe a Orde Alquitara no concello de Portomarín.


 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com