I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Celia Díaz : "A familia é o espazo no que construímos a nosa identidade, pero tamén é o lugar dos silencios que ocultan segredos inconfesables "

September 10, 2017

 

Celia Díaz Nuñez naceu no Páramo en 1961. Vinculada desde os anos da infancia a Quiroga, reside en Ourense, onde desenvolve a súa actividade docente. Deuse a coñecer como narradora en 2003 cando publicou Adeliña, novela gañadora do premio Pura e Dora Vázquez, que volveu gañar en 2012 con Rugando. En 2007 obtén o premio Breogán de contos co relato "Un tango na noite". É autora de obras de teatro infantil: Cataventos e cía. (premio Barriga Verde de textos teatrais, 2004) e Velaí vai o papaventos (2014), o ensaio literario Voces na terra (1995) e materiais didácticos para a aprendizaxe da lingua galega.

 

Fotografía: Celia Parra; Texto: Celia Díaz e Galaxia

1.    Como xorde Unha verdade amarga?


A novela xorde a partir dunha conversa entre dúas mulleres que me contaron hai varios anos. “Dime o que ves” pregúntalle unha á outra tendéndolle unha vella fotografía.  Ese foi o xermolo a partir do cal foi levedando esta historia, que rematou sendo ben distinta da orixinal.

 

 Booktrailer da novela Unha verdade amarga. (Autora: Celia Parra)


2.  Xa dende o mesmo título preséntasenos unha dicotomía entre verdade e mentira, o oculto e o público…


Así é. O título suxire o achado dunha verdade que vai provocar máis dor que satisfacción pero tamén apunta á importancia de coñecela, aínda que resulte amarga e dolorosa. A memoria privada dos personaxes enfróntase coa versión pública dos feitos, posto que  a historia transcorre nunha vila cativa na que todo o mundo se coñece. Daniel Pereira é desde neno vítima dos comentarios maliciosos dos veciños e precisa acreditar oficialmente a súa condición de fillo de Aurelio Salgado e obter o apelido que lle corresponde. A partir de aí coñeceremos os personaxes implicados e as súas actuacións ata a resolución final. Mais os personaxes realmente protagonistas son os únicos que non teñen a palabra e non dan a súa versión do acontecido: Lola porque morreu hai máis de quince anos e Aurelio porque está perdido nas súas lembranzas, cada vez máis illado do mundo. Isto implica a ausencia de certezas absolutas: sabemos o que non é pero só sospeitamos o que puido ser.

 

3.  A memoria e a cuestión da identidade son os piares da construción de toda novela social. Que perspectiva amosa destes elementos a súa novela?


Unha verdade amarga comeza con dúas citas que sintetizan o contido esencial da novela. A primeira corresponde a O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca de Álvaro Cunqueiro.  “Agora xa sabes algo de ti. Convén que un saiba quen é seu pai” son as palabras que o Coro lle dirixe ao príncipe. O capítulo primeiro informa de que Daniel Pereira valora interpoñer unha demanda de paternidade para acadar o recoñecemento oficial como fillo de Aurelio Salgado.  E, como o don Hamlet cunqueirán, Daniel vivirá a súa particular anagnórise.
A  outra cita é un verso de Xulio Valcárcel: “Somos o que lembramos”. Todos os personaxes rememoran sucesos pasados e serán estes os motores da súa toma de posición ante a demanda de paternidade. Pero ademais, en certo modo, tamén se pode dicir que “somos mentres lembramos” porque a medida que perdemos a memoria imos pouco a pouco deixando de ser, de existir.  Iso é o que lle sucede a Aurelio Salgado, progresivamente desposuído dos recordos de toda unha vida por mor do alzhéimer. 
Por  outra parte, os recordos concretos de todos eles van deseñando a realidade social dunha vila galega dos anos sesenta e setenta: os hábitos do día a día, as relacións sociais, a carencia de perspectivas laborais, a represión sexual das mulleres  (especialmente as viúvas) por mor da decencia e o decoro impostos… Tamén a emigración á Arxentina nos corenta.

 Unha verdade amarga na Avenida de Mayo, Buenos Aires. (Fotografía: Mabel)


4.  A  figura paterna supón un rasgo importante na identidade de cada un de nós. Que problemas poden xurdir no individuo cando esta se pon en dúbida?


No capítulo inicial da novela, Daniel Pereira xustifica ante o avogado a necesidade de interpoñer a demanda de paternidade con estas palabras: “Todo home ten dereito a saber quen é. E para iso un ten que coñecer quen foron os seus pais. Para que tamén o saiban os meus fillos, e os fillos dos meus fillos, e os seus netos.” En efecto, todos necesitamos saber quen somos e de onde vimos, coñecer os antecedentes que configuran a nosa personalidade. E as modernas técnicas de detección de ADN facilitan ese obxectivo. Non só se trata de coñecer as nosas orixes, senón tamén de oficializalas, de obter o recoñecemento público das mesmas. Ter un apelido significa contar cuns referentes claros. A existencia de expresións como “fillo das silveiras”, “fillo tras da igrexa" ou “fillo de porta aberta” para referirse aos fillos ilexítimos indica os prexuízos que antano existían cara esas persoas, vítimas da maledicencia colectiva. En italiano é o descoñecemento da nai a que dá orixe a un dos peores insultos: “figlio di mignota” (por seren inscritos no rexistro como M. ignota). No plano social eses prexuízos van sendo paulatinamente abolidos e hoxe aceptamos modelos de familia ben distintos do tradicional, mais no ámbito persoal perdura esa necesidade de coñecer a identidade e todos entendemos esa procura das orixes. A ausencia dun dos proxenitores, neste caso o pai, deixa feridas emocionais. A psicoloxía e a psicanálise, xa desde Freud, téñense ocupado abundantemente desta cuestión. Para Daniel Pereira a procura do pai implica o desexo de ser recoñecido e aceptado, pero tamén o de rehabilitar socialmente a súa nai.

 

5. Que supón para Aurelio enfrontarse co seu pasado?


En primeiro lugar, trátase dunha cuestión biolóxica: a medida que imos cumprindo anos adoitamos recordar feitos pasados con maior frecuencia. “Avellentar é mirar atrás”, pensa Aurelio. As imaxes do pasado aparecen de súpeto na súa mente, pero tamén el as procura voluntariamente nun intento de volver vivir as emocións daquel momento. O pasado é o único que posúe Aurelio, aínda que xa por pouco tempo, pois escápalle como a auga entre as mans. Aurelio aos seus noventa anos recupera distintos momentos da súa biografía, sobre todo aqueles que corresponden á emigración americana. Eses son os anos da súa plenitude vital, os anos do primeiro amor, os do triunfo nos negocios. Tamén recorda o regreso á terra, os amores e desamores, a relación cos fillos…  Coñecemos así a experiencia vital dun home normal e corrente, un de tantos cos que nos cruzamos cada día pola rúa.  Pero ademais, o ancián que xa é precisa facer balance da súa vida, xustificarse por aquelas actuacións das que non se sente orgulloso, aquelas que aínda doen porque son feridas mal cicatrizadas. Precisa buscar a maneira de tranquilizar a conciencia e acalmar a dor.

 

6. Pensa que o silencio e o segredo son os inimigos máis perigosos do concepto de familia?


A familia é o espazo no que construímos a nosa identidade, pero tamén é o lugar dos silencios que ocultan segredos inconfesables que non deben saír á luz. Por iso, en palabras de Baltasar Gracián, “é tan difícil dicir a verdade como ocultala”. Pero o silencio implica o nacemento de medias verdades ou a perpetuación de mentiras que ocasionan rancores ou carraxes amoreadas ao longo do tempo. As dúas mulleres cos que está en contacto Daniel Pereira representan ambas situacións. Charo, a irmá de Daniel, suxírelle que renuncie á demanda de paternidade porque desexa protexelo, a el e tamén á súa nai. Silvia, a súa muller,  pola contra, incítao a que a presente para ter dereito a unha herdanza que se supón avultada e, de paso, resarcirse do rancor que acumula contra os Salgado por mor dunha memoria, se cadra, deformante.

 

7.  Toda guerra ten vítimas inocentes, neste caso Alberte e Marta…


Si. As xeracións máis novas están no medio das hostilidades dos seus pais, coma modernos Romeo e Xulieta que atopan dificultades para vivir con naturalidade o seu amor. Diso é do que se queixa Alberte. Resulta difícil para eles permanecer neutrais. O amor inmenso de Alberte polo avó faino comprensivo coas debilidades do vello Aurelio, mais Marta, como muller e como neta, sintoniza mellor coa problemática de Lola. Alberte e Marta son situados polos pais nun segundo plano, pretenden deixalos á marxe dunha historia familiar da que todos eles senten vergoña. Pero os rapaces tamén teñen dereito a coñecer a verdade, tomar partido e adoptar as súas propias decisións, tanto en relación co conflito da demanda como en relación con eles mesmos. Iso é o que reivindican. Outra cousa é que sexan realmente capaces de conseguilo.

 

8. Como foi traballar coas pantasmas e os pensamentos de tantos personaxes?


Convivir cos personaxes é para min o máis satisfactorio do proceso de construción da novela. Son moitos meses, moitas horas pensando como senten, como é a súa personalidade, cales os seus desexos e temores… ata ver como, partindo de cativas faragullas, van pouco a pouco medrando e adquiren a entidade necesaria para converterse, case, en seres de verdade, cando menos verosímiles. Ese é o obxectivo perseguido, non sempre acadado. 

 

9.  Cal cre que é o ingrediente máis importante para a construción desta novela?


Verdades oficiais e oficiosas, medias verdades, mentiras e segredos inconfesables son os ingredientes cos que se vai tecendo o argumento. Ademais, á  hora de crear a historia apoieime en diversos obxectos que forman parte da miña biografía persoal ou familiar. Son obxectos que “lle emprestei” a Aurelio e se incorporaron á súa traxectoria vital: a máquina de coser da miña avoa, a bombilla para o mate que meu avó trouxo da Arxentina… Tamén hai unha presenza reiterada dun tango que acompaña sempre as lembranzas bonaerenses de Aurelio Salgado. Un tango moi fermoso, “Naranjo en flor”, que eu escoitaba na versión de Luís María Bragato, recoñecido cantante lírico (barítono baixo) do Teatro Colón de Buenos Aires. Mentres escribía, escoitaba unha e outra vez ese tango porque me axudaba a crear o personaxe, a súa biografía, o estado de ánimo. Ese tango é unha especie de banda sonora que sintetiza a situación persoal de Aurelio e é, ademais, a súa derradeira lembranza. 

 

 Un exemplar do libro frente ó congreso de Buenos Aires. (Fotografía: Mabel)

 


Por outra parte, esta novela desenvolve un relato anterior sobre a emigración (Un tango na noite, premio Breogán 2007). Conta dúas historias en paralelo: un mozo galego que marcha á Arxentina nas primeiras décadas do século XX e a  súa neta que vén a Galicia nos primeiros anos do século XXI. As dúas historias teñen como música de fondo cadanseu tango.  Nun caso o tango molesta porque non deixa durmir; no outro acompaña e axuda a soportar a morriña. En Unha verdade amarga reencóntrome co personaxe daquel home 50 anos despois. Agora, xa ancián,  lembra con moita saudade os seus anos en Buenos Aires: saudade da xuventude e do primeiro amor, ese que como di a cantiga “é tan malo de arrincare”.

 

10. Ten algún traballo en mente para un futuro próximo? Pódenos adiantar algo?


Teño varios proxectos de teatro e de relato curto sobre os que volvo unha e outra vez. Gústame que repousen e retomalos con calma.  Actualmente estoume centrando nunha novela que xira en torno á traizón por parte daqueles aos que máis se quere e nos que máis se confía.

 

 Slider de Unha verdade amarga e a autora. (Fotografía e edición: Galaxia)

 

 

 

 

Entrevista e lectura de fragmentos da novela no Diario Cultural da Radio galega: http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-07-07-2017-3104978

 


 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com