David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com

Ramón Nicolás : "Martiño configúrase como o elo necesario e contemporáneo que precisaba unha historia que quería contar e que estaba ancorada no pasado"

28/09/2017

Ramón Nicolás (Vigo, 1966) é profesor e exerce a crítica literaria desde hai máis de dúas décadas. Dirixe a colección Bibliotecas das Letras Galegas de Xerais, administra o blog cadernodacritica.wordpress.com, escribe semanalmente no suplemento Fugas de La Voz de Galicia e é patrón da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Responsabilizouse de diversas traducións e ensaios e realizou edicións críticas e estudos sobre autores como Manuel Luís Acuña, Manuel Lueiro Rey, Álvaro Cunqueiro, Lugrís Freire ou Celso Emilio Ferreiro. O seu último libro, Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais, 2012), foi galardoado co Losada Diéguez de ensaio e co premio AELG ao mellor ensaio de 2012. O espello do mundo é a súa primeira novela.

 

Fotografía: cafebarbantia.barbantia.es

Texto: Xerais

- Cal foi o xerme de O espello do mundo?

 

Non quero usar un lugar común pero, na realidade, foi un proceso realizado a lume lento para prender un pouco de luz nun territorio da memoria, sepultado polo paso do tempo. O espazo correspondíase a un cenobio medieval feminino en San Pedro de Ramirás, do que hoxe só se conserva a igrexa orixinal. Quen poboaba aquel territorio e como era o mundo daquela foron as interrogantes, de modo breve, que intentei responder coa novela. 

 

 Booktrailer de O espello do mundo de Ramón Nicolás

 

- Tras moitos anos de servizo a literatura galega dende a crítica, por que toma a decisión de participar nela como autor?


Aínda mo pregunto agora e non dou cunha resposta concreta. Eu sempre escribín, e nuns primeiros momentos publiquei algúns relatos. Con todo, por diversas circunstancias e algunhas delas un tanto fortuítas, entrei no mundo da crítica ou da divulgación e neses mares navego aínda hoxe.
O certo é que na realidade sempre contemplei o exercicio da crítica, do ensaio, da tradución, da investigación ou dos estudos biográficos como un proceso parello ao da creación. Se ben nestes ámbitos non articulas un universo literario ao uso si se dan neles outros factores creativos comúns. O salto non foi difícil malia que as regras compositivas variasen.

 

- Como foi o proceso de documentación? Foi complexo o acceso a algúns documentos?


Foi laborioso e lento pero ao tempo moi satisfactorio porque me permitiu reconstruír, dalgún xeito, un mundo que na realidade non está tan afastado de nós. Existe unha colección diplomática que recolle os textos conservados do mosteiro de San Pedro de Ramirás e que constituíu, de seu, unha axuda inestimable. Outras fontes documentais que revelaban as claves dunha época ou a biografía da co-protagonista da novela, Hildegarda von Bingen, non supuxeron unha especial dificultade para conseguir o seu acceso.

 

 Mosteiro de San Pedro de Ramirás. (Fonte: Culturagalega.org)

 

- A novela é tamén unha mestura de distintos xéneros e rexistros. Como é posible traballar con materiais tan distintos e non crear unha novela desestruturada?

 

En efecto, a novela hibridiza, á mantenta, xéneros diferentes e rexistros distintos e por ela circulan moitas historias subterráneas apenas esbozadas. Quixen construír algo así pois comparto a idea de que esta é unha das posibilidades que abre novas perspectivas para o xénero da novela nestes tempos que entendo como mestizo, plural e integrador.

 

 Capa de O espello do mundo de Ramón Nicolás. (Fonte: Xerais)


 
- Que referentes literarios de entre as súas lecturas, podemos atopar na novela?


Hai bastantes anos que o exercicio da crítica literaria me posibilitou que pasasen centos de libros polas miñas mans, e case todos de literatura galega. Non é difícil sospeitar, e para min é unha fortuna que así fose, que moitos deles deixaron unha pegada que agroma dalgún xeito, non sei se perceptiblemente ou non, neste libro. Teño para min que as voces creadoras deben ser lectoras, e se son compulsivas pois mellor. Con todo, respecto da pregunta que me formulas, imposible concretar ningún.

 

- Esta novela tamén permite coñecer a figura de mulleres importantes como Hildegarda von Bingen que a historia contada por homes quixo agochar…

 

Hildegarda von Bingen chegou a este libro porque así mo suxeriu Ona Guiomar, unha personaxe na que dalgún xeito compendio os valores, as dúbidas e as contradiccións, se as houbo, de todas as prioresas que pasaron polo mosteiro. Quixen imaxinar unha Ona Guiomar cargada polas responsabilidades inherentes ao seu cargo, mais tamén aberta aos saberes da súa época e quen mellor que Hildegarda von Bingen, unha figura realmente fascinante e senlleira, para establecer un diálogo que permite intercambiar experiencias, opinións e visións do mundo.  

 Miniatura de Hildegarda von Bingen e unha comunidade de monxas. (Fonte: Wikipedia)

 

- Gústame ver a Martiño coma un personaxe que homenaxea a todas esas voces anónimas que, sen ánimo de lucro, crean unha historia de Galicia para os galegos.


Grazas por esa percepción. Martiño configúrase como o elo necesario e contemporáneo que precisaba unha historia que quería contar e que estaba ancorada no pasado. O seu perfil vai máis alá do de historiador comprometido co seu país e co seu territorio máis íntimo, é o dun traballador que constrúe a memoria de nós desde o presente. 

 

-  Agardaba a boa acollida que tivo a novela sendo a súa estrea na narrativa?

 

A acollida foi excepcional e superou as expectativas máis felices que depositara nela. Que case un ano medio despois da súa saída responda estas preguntas sobre a novela creo que así o confirma. 

 

- Ten algún traballo en mente como narrador para un futuro próximo?


 Algunha cousa hai, en efecto, pero todo vai amodo.

 

 

 

 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Please reload

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

A miña beleza sinala co dedo,

espella os meus cristais,

ofende.

 

A miña beleza que intimida, 

que enerva sen falar,

que acovarda.

 

A miña beleza que prognostica,

que me eclipsa,

que me traizoa,

 

A que me vende barata,

a que amortiza os meus fallos,

que se me adianta.

 

A que levanta suspicacias,

a que disuade de min, 

que desvirtúa.
[...]

..

Yolanda Castaño, en Profundidade de campo (Espiral maior, 2007)