I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Santiago Bergantinhos: "O ciberpunk é filosofía posmoderna e construtivismo a cachón"

October 6, 2017

 

Santiago Bergantinhos é un ferrolán que vai dando voltas polo mundo dicindo ás computadoras o que teñen que facer. Publicou as novelas Het, Carmiña Burana, A reviravoltas coa Sabeliña e o libro de relatos El hombre y su lágrima. Actualmente prepara unha novela posmoderna de setecentas páxinas e dá voltas ao que podería ser a secuela-precuela de Aletheia Moritat, titulada Wettin Monogatari.

 

Fuente de ilustración: Los relatos de Patri

Texto: Urco Editora

1.    Cal considera que é o xerme de Aletheia Moritat?

 

O xerme de Aletheia Moritat supoño que serán as cousas que vou lendo de intelixencia artificial e filosofía da mente. Que conste que eu son un escéptico convencido neses temas e non participo de ningún fetichismo maquinista, así que non penso que vaia haber, desde logo non en breve, unha intelixencia artificial forte, o que vén sendo un HAL ou un Data. Logo está un relato meu que se titula Eles gritaron o meu nome, escrito en 2011, que aínda que podería ter algúns problemas de continuidade con esta novela poderíase considerar o moi afastado futuro do mundo onde vive o marshall Wettin.

 

 

 Capa de Aletheia Moritat de Santiago Bergantinhos (Fonte: Urco Editora)

 


2.    Definiría a súa obra como unha novela ciberpunk?

 

Supoño que si, que estaría dentro do grande paraugas do termo ciberpunk e todos os seus subxéneros. Non deixa de ser curioso, porque nunca foi un xénero que frecuentase demasiado, nin que me atraia moito.

 


3.    Que son a Narración, os hoi oligoi e hoi polloi? De onde saen estos termos?

 

A Narración é Internet, máis moi evolucionado, e que ten fagocitado practicamente toda manifestación cultural. Wettin explícao nun par de parágrafos moi ben: é a Humanidade contándose a si mesma. Todo o mundo pode contribuír e participar. Tamén é, en última instancia, unha especie de “vontade popular ou soberana”, e unha decisión xudicial pode ser anulada apelando ao conxunto da Narración. Era algo que tiñan os romanos: pedías no foro axuda á plebe e se eles te apoiaban os maxistrados pola conta que lles tiña mudaban a decisión do tribunal.
Os hoi polloi e os hoi oligoi son termos gregos que significan “os moitos” e “os poucos”, similares a plebe ou proletariado, e aristocracia. Na novela aparece citada varias veces a distribución de Pareto, o 20-80, de feito que se incide nun dos temas da novela, se todo é real ou non. Tal como di Wettin, os hoi polloi, o 80% da poboación, non teñen outra cousa que facer en todo o día que andar a intervir na Narración, estar a laretar sen descanso. É un dos grandes debates do mundo actualmente: a creación, por mor da automatización e os sistemas expertos, dunha clase ociosa á forza e sen patrimonio que a sosteña, de aí que tanto se oia falar da renda mínima, e tamén se fala da Sociedade 20/80. Apareceu iso mesmo na serie The Expanse, hai pouco: non hai traballo para todo o mundo e algúns prefiren levar unha vida dura nos outros planetas que ficar na Terra a comer a sopa boba que lles dá o Estado.

4.    Que é exactamente a personaxe de Aletheia?

 

É o disparador de toda a novela e o que ameaza toda a orde social do mundo no que vive Wettin. É algo que non debería existir, mais que existe, unha “caixa negra” en termos informáticos aínda que non apareza ese termo por escrito. E claro, iso mete medo porque non saben que é, e non poden saber como funciona por dentro. Se as IAs son algo máis que programas que seguen ordes complexas, e poden ter os seus propios intereses, todo no que cren os personaxes da novela non vale. Non podo dicir máis sen caer en spoiler.

 

5.    Harshvardhan Wettin ten algún outro personaxe da literatura ou do audiovisual como inspiración?

 

O marshall Wettin é un dos vixilantes da Narración, e vai vestido exactamente como Sam Spade interpretado por Humphrey Bogart en O falcón maltés. Tal como el mesmo lembra, tempo antes ía vestido dun xeito que calquera recoñecería como o Neo de Matrix, pois hai xente que literalmente vai disfrazada, aínda que neses tempos é algo normal. Aparte diso, non, só quixen crear un personaxe por un lado friamente cerebral, mais cun transfundo de sabedoría oriental, que sempre encaixou moi ben con algunhas elucubracións ciberpunk.


6.    Cre que nun futuro o mundo estará poboado masivamente por IAs?

 

Xa está. Polo de agora chamámolos “sistemas expertos”, e aínda que algunha xente non o saiba moitos dos “bots” cos que fala para resolver dúbidas técnicas son iso, un programa. Obviamente están moi lonxe do Kitt, mais por algo se comeza. De aí a que poidan ter conciencia, (sexa iso o que for, que tampouco temos moita idea), ou que poidamos facer upload da nosa mente (sexa iso o que for, novamente) á nube e xogar uns videoxogos caralludos, pois iso xa se verá e non parece que de momento poida pasar de ser iso, ciencia ficción.


7.    Cal é a razón de introducir na obra tanto pensamento filosófico? Moitas veces os acontecementos fréanse en favor da reflexión.

 

A meirande parte do que chamamos ciencia-ficción é (pseudociencia)-ficción ou ben filosofía-ficción, sen que no primeiro caso porque algo estea baseado en fume como a semántica xeral ou a hipótese Gaia non poida dar boas obras de ficción. Os debates éticos, a definición de que é humano ou non, se podemos considerar a un extraterrestre intelixente ou a un can evolucionado un semellante e darlles os nosos mesmos dereitos, son problemas éticos e filosóficos de sempre, así como a enxeñería social da que tratan as distopías, e a definición de que é a liberdade ou se esta é posíbel xa non digamos. O ciberpunk en particular é filosofía posmoderna e construtivismo a cachón, que curiosamente coincide con algunhas filosofías ou relixións orientais nalgunhas das súas intuicións. Cando Wettin se pregunta se unha máquina ou programa podería participar da natureza do Buda non é invento meu, é algo que xa están a debater nesa relixión. Os yousheng tamén existen xa: é o nome do programa chinés de mellora xenética, e que quere dicir “euxenesia”.


8.    Na novela hai un montón de referencias tanto explícitas como agochadas a obras da ciencia ficción clásica…

 

Si, son Ovos de Pascua para quen os saiba ver, algunhas referencias están explícitas como “novemilear”, que mesmo se explica, e aparece unha das máis coñecidas frases da ciencia ficción, de Dune: “Non construirás unha máquina a semellanza da mente humana”, e logo hai outras máis crípticas que aínda que non se vexan non inflúen na comprensión do que vai acontecendo na novela. Hai unha moi clara a Multivac e o relato A última pregunta, de Asimov, e outra a Teño boca mais non podo berrar, de Ellison, e tamén hai un momento no que hai unha referencia agochada ao “val inquietante” de Masahiro Mori.

Supoño que, ademais de que foi moi divertido metelo na novela e ser fanservice para os afeccionados, que sempre se senten moi ben cando teñen oportunidade de ver recompensados os seus coñecementos do xénero, tamén quero facer que a mesma ciencia ficción se recoñeza como algo que non só fala do futuro, mais tamén do noso pasado e serve para comprendelo en tanto que xénero literario e aporte cultural: a Star Trek orixinal é como é pola época na que se fixo e reflectía os problemas sociais do seu tempo, e é ben curioso ver como algúns dos máis coñecidos escritores de hai décadas plasmaban exactamente as relacións familiares e de xénero no futuro como se nunca fosen evolucionar.

 

Wettin e Aletheia ante a citada frase de Dune escrita en loj. (Ilustración: Mario Stalin Rodríguez)


9.    Na edición do libro indícasenos que está traballando noutra obra que trata este mesmo mundo, Wettin Monogatari. Tratarase dunha precuela, secuela ou unha historia alternativa no mesmo mundo?

 

Teño dúas ideas para continuar nese mundo, o de Despois da Caída, e facer quizá iso que agora está tan de moda e que sempre se fixo aínda que non tivese nome, o worldbuilding: Wettin Monogatari e Hurlant Moritat. Non sei cal farei primeiro, mais non me vou obsesionar de máis en manter a continuidade se me interesa rompela. Nunha delas xa sei como explicar que os personaxes poidan facer cousas que na primeira novela se dixo que non se podían facer.

 


10.   Para pechar. Como definiría a situación da ciencia ficción dentro da literatura galega?
 

Pois supoño que ben, bastante é poder publicar e darse algo a coñecer e poder falar con outros autores, e o de facernos millonarios e ter groupies xa veremos se o conseguimos máis adiante. A xente de Urco e de Contos Estraños son uns mozos que chegaron con ganas para aproveitar o que hai só dúas décadas era case imposíbel, pois a técnica xa o permite, e con esas facilidades, risco e traballo moi duro, conseguiron moito en moi pouco tempo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com