I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Recensión: María Xosé Queizán, Rosalía e o poder sexual

October 16, 2017

 

Título: Rosalía e o poder sexual

Autora: María Xosé Queizán

Editorial: Xerais

Coleción: Ensaio

ISBN: 9788491212539

Nº de páxinas: 152 páxs

Sinopse:

 

Rosalía de Castro é unha das escritoras que mellor comprendeu e reflectiu na súa obra, tanto poética como narrativa, a sedución, entendendo esta como o poder sexual que os homes exercen sobre as mulleres. Quere isto dicir que a primeira escritora galega no século XIX, recoñecida e valorada na actualidade por todos, ten como leitmotiv da súa obra a sexualidade e o poder patriarcal. Antes de que se estudase e se lle dese nome ao patriarcado, esta galega xa foi pioneira, con orixinalidade e con audacia, nun tema vixente na actualidade, causante dun holocausto que non se frea. Nas novelas e ensaios rosalianos e en boa parte da súa poesía a muller é a principal protagonista, unha muller que padece os efectos do abuso do patriarcado, tanto no aspecto político como emocional, sendo, como sinala Kathleen March, “a opresión da muller o seu tema único”.

María Xosé Queizán reúne aquí sete ensaios de temática rosaliana, dende o introdutorio, que lle dá título, no que se estuda o carácter feminista de toda a obra rosaliana, pasando polos que abordan o amor e o suicidio na obra poética, até os dedicados á súa consideración a través da historia e á persecución que sufriu no seu tempo. Complétase o libro con media ducia de poemas e dous relatos nos que Queizán homenaxea a nosa primeira escritora.

Nos tempos que corren é preciso dar unha volta a todas as nosas lecturas. Cando se trata de Rosalía de Castro, a crítica en xeral sempre adoptou unha posición bastante ríxida e pouco revisionista. María Xosé Queizán nesta compilación de ensaios, que leva por título un deles, Rosalía e o poder sexual da unha volta a maioría dos estudos rosalianos e presenta unha análise da obra da figura máis simbólica da literatura galega dende o xénero.

 

Fronte á fidelidade das mulleres, das viúvas dos vivos, aparece a deslealdadade que fai a Rosalía perder a esperanza en Deus, na xustiza e nos homes. Xa non espera nada. (...) O único amor valedero e firme que aparece na poesía de Rosalía é o amor á nai e aos fillas. Cando vai perseguida, o que ansía é chegar xunto aos seus fillos. (páx. 26)

 

A autora propón unha análise que sen deixar de ser erudita non se perde en argumentación banais nin en engordar o texto. Cada palabra do texto é concreta e directa, a argumentación, sempre apoiada en conexións intertextuais, sinala todas as posicións e engade algunha máis. Os textos son de curta extensión, poderían ser bosquexos de artigos científicos máis amplos, pero expoñen de maneira moi eficaz todas as ideas que plantexan.

 

Considera a obra de Castro un proceso de <<subversión do discurso de autoridade>> contra a <<vontade dos señores de la tierra>>, que <<son homes, son os líderes da estrutura económica; por conseguinte, a referencia a <<mis iguales>> revela unha ironía subxacente porque a falante (Rosalía) afirma: <<pero no acato los mandatos de mis iguales y creo que su hechura es igual a mi hechura y que su carne es igual a mi carne>>. Se estes <<iguales>> fosen exactamente iso -iguais non superiores- non habería necesidade de desobedecer as súas ordes, porque ditas ordes non existirían. (páx. 45)

 

A vixente actualidade da discriminación e o maltrato que sofren as mulleres tanto literal como metafórica é, en opinión Queizán, unha óptica que xa indicaba Rosalía nos seus textos mediante elementos como a ironía e a sátira. Repasa para iso tanto a obra poética como os seus textos narrativos tanto en castelán como en galego.

 

Non se pode dicir máis sobre a submisión e dependencia das mulleres do patriarcado, do que fai Rosalía ao glosar os versos: <<San Antoniño, dádeme un home, anque me mate, anque me esfole!>>. É cruel, é real, é actual. Lúcida ironía a da escritora, a súa arma fundamental! Mentres as mulleres non o acepten, mentres non recoñezan a súa valoración do poder masculino, o seu desexo a ser desexadas, non o superarán, e seguiran sendo esfoladas e asasinadas. (páx. 14)

 

En resumo, Rosalía e o poder sexual é un conxunto de textos que presentan unha análise crítica, afinada e concreta da obra de Rosalía e que discute cunha boa argumentación a parte máis ríxida dos estudos rosalianos. O volume tamén se adereza cuns relatos e poemas de moita calidade e que funcionan como banda sonora destes eruditos e brillantes textos.

 

 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com