Recensión: Berta Dávila, O derradeiro libro de Emma Olsen


Título: O derradeiro libro de Emma Olsen Autora: Berta Dávila Editorial: Galaxia ISBN: 9788498655070 Nº de páxinas: 124 páxs

Sinopse:

Emma Olsen afronta os seus derradeiros meses de vida afectada por unha enfermidade terminal e sabe que a morte non tardará en chegarlle. Mais Emma Olsen é escritora, e decide dedicar o tempo que lle queda a rematar unha novela que non é exactamente unha novela, senón unha crónica en primeira persoa dos anos máis importantes da súa vida, os do final da adolescencia. Escribe para revelarnos unha historia de segredos agochados moito tempo. E por iso regresa a Faith, a pequena cidade perdida do Medio Oeste norteamericano na que naceu, un lugar no que semella non acontecer nada interesante nunca, mais que garda, soterrado, un universo de mentiras e conflitos entre os seus poucos e singulares habitantes.

VII Premio de Narrativa Breve Repsol 2013 Premio da Asociación de Editores como Mellor Libro de Ficción 2013 Premio Guillermo de Baskerville que organiza o blog Libros Prohibidos, 2015

Creo que foi o comezo de todo. Polo menos de todo o que pode contarse, non porque queira calar nada, non é esa a miña intención agora, senón porque acontece ás veces que non pode explicarse exactamente como comeza unha historia, porque non se sabe que se está no principio de algo até que hai moito tempo que comezou, e fica tan lonxe a primeira semente que é imposible lembrala, recrear a súa forma: a semente tal como era xa non existe nin vai volver existir. (páxs. 15-16)

Este é o ton das primeiras páxinas, tras a "nota do editor", co que arranca este breve pero fermoso libro de Berta Dávila. Esta novela, que obtivo o VII Premio de Narrativa Breve Repsol 2013, foi unha recomendación constante dos lectores deste blogue e da propia Malores Villanueva no programa radiofónico Chamando á Terra do día 9 de setembro. Apoiado en tan boas opinións, enfronteime a este texto e non teño máis que boas palabras.

ás veces necesitabamos correr detrás ou diante de algo, crer un segundo que algo era urxente ou necesario, fose o que fose, para manternos con vida, correr para perseguir o futuro. (páx. 31)

A nosa protagonista é Emma Olsen, unha muller que volta ó seu Faith natal (ollo co nome) a poucos meses de rematar a súa vida debido a unha doenza terminal. Como escritora decide dedicar ese tempo a narrar unha derradeira historia que é a que nunca antes contara. Berta Dávila preséntanos un texto xa rematado, amosándoo como unha edición anotada do texto de Emma Olsen. Toda a novela, polo tanto, xorde da perspectiva única da escritora americana e todos os feitos son transmitidos como vivenzas.

temo que ninguén entenda verdadeiramente a necesidade do meu relato, que o consideren un delirio da que vai morrer e non quere. Talvez levarían razón nisto último. Hoxe mireime no espello e vin un cadáver movendo as mans. Non debería dicilo, porque é un comentario morboso, máis iso é o que vin. En boa medida estou aquí para evitar mover o meu cadáver en actos públicos de recoñecemento que, con certeza, serían celebrados na miña honra se algúns colegas coñecesen o avanzado da enfermidade. O espello bástame para contemplarme. (páx. 79)

A cidade de Faith, na que nunca pasa nada, é o escenario escollido pola autora. Nesta pequena vila as relacións persoais entre os habitantes amosan unha morea de contradicións, mentiras e problemas que se non fose por Emma enterraríanse con eles. Faith é un lugar de onde ninguén pode escapar e os poucos que o logran non atopan sentido á vida fora. Unha terra que Emma non pode esquecer.

A miña non é a terra das oportunidades, é a dos que se amorean uns cos outros para formar unha masa compacta de area que os faga fortes contra calquera cousa que se empeñe en sobresaír da montaña. (páx. 106)

O libro é un traballo de ciruxán. Pese a súa brevidade, a capacidade de síntese da autora fai que na novela non queden apenas ocos na trama. O anecdotario que se relata non segue un continuo temporal e as idas e voltas as distintas épocas da vida de Emma son un exemplo de dominio perfecto do texto e do tempo da historia. O relato pese a aparentar moitas veces inestable, está perfectamente afinado pola elegante prosa da autora.

En resumo, O derradeiro libro de Emma Olsen é unha novela a ter moi en conta entre a narrativa breve en galego. A aparente sinxeleza da historia agocha unha trama chea de conflitos éticos e morais que aderezados cunha prosa engaiolante e o formato autobiográfico intelixentemente anotado fan deste libro unha alfaia.

#Recensión

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com