I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Lionel Rexes: "Desexaba converter un encontro real nunha especie de simposio onde simpatizantes da causa republicana ou hóspedes ocasionais se relacionasen, se amasen, se enfrontasen… "

October 19, 2017

 

 

Lionel Rexes (París, 1971) é diplomado en Maxisterio pola Universidad Autónoma de Madrid, autor do estudo paremiolóxico "Ditos e refráns do Valadouro" (Seminario de Estudos do Valadouro, 2013), impulsor da bitácora literaria “Vasoiras de xibarda”  e organizador do encontro estival de escritores Ponte Literaria en 2015 e 2016. Como narrador obtivo os seguintes premios: "Abonda que lle chamen Porto", Lonxa Literaria 2011; "Luzada", Minicontos de Outono 2011; "A patria era unha aira", Relatos de Verán-Redelibros.es, 2012; "A hucha das mazás", accésit do Lonxa literaria 2015; "Monsieur Bocskai", acccésit do Premio Modesto R. Figueiredo 2015; e "A mortalla do demo", segundo premio do Certame Literario Concello de Ames. "A raíña das velutinas", premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey 2016, é o seu primeiro título en Xerais Narrativa.

 

Fotografía: Belga

Texto: Ficha do autor en Xerais

- Cal foi o xerme de A raíña das velutinas (Xerais, 2017)?

 

Convidáronme a participar nun encontro cun dos últimos guerrilleiros republicanos vivos -Francisco Martínez, “Quico”- e onde interviría tamén Fernanda Cedrón, neta do mítico fuxido mariñao Luís Trigo, “O Gardarríos”, un home que acabou por se converter nunha lenda no norte da Galiza e que morreu metrallado nunha emboscada da Garda Civil en 1948. 
O xeito de convocar os asistentes xa me resultou moi novelesco, pois os medios de comunicación non tiveron noticia algunha do encontro. O público “escollido” estaba a ser avisado de xeito individual nunha atmosfera de certa discreción.
O encontro tería lugar na Casa da Penela, un estabelecemento de turismo rural de Vilamor, Mondoñedo, espazo profusamente recreado na novela.

 

 Fachada de A casa da Penela (Mondoñedo). Fonte: casasrurales.net


Á parte das intervencións das persoas amentadas e doutras que coñeceron a represión de primeira man, tivo lugar un coloquio e varios desprazamentos pola contorna de Mondoñedo, co obxectivo de visitar vivendas e lugares vinculados á actividade guerrilleira.
Considero que foi no xantar onde unha faísca de misterio fixo detonar o artefacto literario. 
Eu sentara en fronte de Fernanda Cedrón, a quen xa coñecía con anterioridade, e decateime de que acontecía algo. Ela ergueuse, veu cara a min e díxome ao ouvido: Disque hai un garda civil entre nós; a ver se descobres quen é.
De certo habíao; e naquel instante pensei: o que hai aquí é unha novela.

 

- Que supuxo para Lionel Rexes gañar o XXIII Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey?


Supuxo a superación do relato curto; é un xénero ao que lle teño moito cariño e que me proporcionou seis premios anteriores, mais trátase dunha materia literaria inxustamente tratada á que se lle outorga un percorrido escaso. A publicación dos textos premiados é difícil ou irrelevante cando se produce.
Por iso, desde había uns meses, comezara a traballar en obras de formato longo. Cando rematei A raíña das velutinas, permanecía aberto o prazo para enviar textos ao Premio de Novela Lueiro Rey e mandeina para O Grove. Foi o único certame ao que presentei a novela; cando me comunicaron a concesión do premio, transcorreran apenas cinco meses desde o encontro na Casa da Penela.
O feito de ver publicada a obra, e aínda por riba nun selo con gran repercusión como é Xerais, supón unha satisfacción.

 

- A documentación é un aspecto importantísimo nesta novela. Como calificaría dito proceso?


Sempre digo que o mérito está nos sabios dos que me rodeei naquel encontro en Mondoñedo.
Claro que houbo unha busca de datos en diversos medios, mais a información en bruto xa a obtivera o día do encontro na Casa da Penela. 
Nos desprazamentos efectuados polo hínterland mindoniense, fun acompañado por Antonio Reigosa (cronista oficial da cidade de Mondoñedo) e por Fran Bouso (escritor, articulista, músico…); iamos no vehículo de Reigosa e conducía o seu fillo Antón. 
Cada vivenda, cada pequena construción e cada lugar posuían unha historia, unha narración que eu ía arquivando mentalmente, cando aínda non sabía que aquel día nacería unha novela. 
Encontrei unha boa axuda na rica bibliografía mindoniense, pois a cidade representa un manancial literario desde hai séculos.

 Algúns manuscritos, documentación e a novela en físico. Fotografía: Lionel Rexes

 

- Cal é a realidade xeográfica na que se inspirou para crear as localizacións que aparecen na novela?


Trátase dunha novela eminentemente mindoniense, que a nivel doméstico recrea a propia Casa da Penela e a nivel xeográfico desenvólvese nunha realidade que como narrador denomino a rexión dos Tres Vales. 
Eu sosteño que existe unha rexión inserida entre A Mariña, O Xistral e A Terra Chá, unha realidade homoxénea que se vén considerando –erroneamente ao meu parecer- parte do territorio mariñao; refírome á entidade socioxeográfica formada polo Val de Brea, o Val de Lourenzá e O Valadouro; n’A raíña das velutinas, esa rexión que na realidade carece de recoñecemento institucional, chámase Os Tres Vales.

 

- Nesta novela é sinxelo atopar vínculos coa nosa realidade máis próxima. Foi vontade do narrador ou xorde da propia forza do texto?


Non desexaba facer unha novela sobre a Guerra Civil nin sobre a guerrilla antifranquista, pois daquela o labor de documentación podería prolongarse durante anos. 
Desexaba converter un encontro real que durou unhas dez horas, nunha especie de simposio onde diferentes persoas –simpatizantes da causa republicana ou hóspedes ocasionais- se relacionasen, se amasen, se enfrontasen… e todo iso condicionado por dúas eventualidades: Uns personaxes que aparecen na novela cun cometido dubidoso e mais unha visita institucional –auténtica- que tería lugar en Mondoñedo aos poucos días da visita de “Quico”.
Máis que da forza da narración, xorde da intensidade vivida naquela xornada na Casa da Penela. Foi a realidade -coma sempre- a que insuflou azos literarios ao texto.

 

- Cal pensa que é o punto forte da novela? 


O enfrontamento, amigábel, entre dúas estratexias de loita, ou se se quere, de resistencia.
Dúas maneiras de combater o poder estabelecido que en realidade veñen sendo a mesma, porén, existen uns condicionantes que as arredan até as tornaren descoñecidas entre si: un escenario postbélico e oitenta anos de distancia.
Por outra banda, tratei de espir as miserias mentais de certos personaxes que podemos ser calquera de nós.

 

- Que influencias de entre as súas lecturas poderemos atopar no texto?


Espero que non soe pretensioso afirmar que a pegada do mestre García Márquez pode albiscarse, non só en A raíña das velutinas senón en calquera texto da miña autoría. 
Díxome o crítico literario Armando Requeixo que esta novela era un thriller telúrico sentimental, así que, algo do realismo máxico que Cunqueiro lanzou ao mundo para que cada sistema literario o moldease, puido deixar residuos nesta narración. 

 

- Ten algún traballo en marcha do que poida adiantarnos algo?


Rematei hai pouco un texto longo que, de novo, emprega a represión da posguerra como escenario evocado, malia desenvolver a súa acción, outra vez, na época actual.
Moro nun lugar onde é difícil considerar remoto o acontecido a partires de 1936. Só un exemplo: cando me achego á taberna de Correlos –o barrio de Alfoz onde vivo- estou a tomar café nun antigo calabozo de presas políticas.  
E por outra banda, estou a traballar nunha novela que parte dun feito real, das visitas dun coñecido autor da Escola Poética do Seminario de Mondoñedo a un prostíbulo rural. Recuperei a historia dunhas mulleres que vivían á marxe da sociedade e que habitaron un lugar que coñezo ben. 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com