Tamara Andrés: "A poesía é moito máis ca unha actividade, é un xeito de vida"


Tamara Andrés (Combarro, 1992) posiciónase sempre na palabra e a súa medida. Escribe, traduce, ensina, investiga e conta. A comezos de 2015 publicou o libro A mentalista, unha particular homenaxe a René Madritte. Nese mesco ano gañou o Premio de Poesía O Facho con Nenaespirqes. Posteriormente, textos seus foron premiados con diversos galardóns e publicados en obras colectivas, como en Winee-Rpses (Le Tour 1987) ou na antoloxía No seu despregar (Apiario).

Texto: Ficha da autora en Galaxia

Fotografía: Cedida pola autora.

- Cando comezou a relación tan íntima entre Tamara Andrés e creación poética?

Supoño que ben cedo. Sei que escribía aos oito anos porque con esa idade gañei un premio de poesía local; de aí a constancia documental. Na miña opinión, a poesía é moito máis ca unha actividade, é un xeito de vida. Moitos foron os factores que me impulsaron a adoptar ese prisma desde moi temprano. Tamén lle teño moito que agradecer a unha gran nómina de docentes e mediadores nese senso. Foron non poucos os que me amosaron a marabillarme coa palabra e con todas as súas implicacións desde cativa. Primeiro foi a sorpresa e a lectura intensa; logo, a creación.

- Despois de publicar poemas en varias revistas e publicacións colectivas chega o seu primeiro libro. Como xorde a oportunidade de publicar un libro de poemas?

En realidade, Corpo de Antiochia é o segundo poemario individual que publico. Antes foi Nenæspiraes, gañador do Concurso de Poesía O Facho na súa edición 2015, que se distribiuíu a través dunha edición non venal. Malia ese feito, considero que esa primeira publicación tivo unha importancia crucial. A súa circulación foi limitada, pero proporcionou unha gran cantidade de encontros, de sorpresas, de oportunidades. Corpo de Antiochia chega agora grazas a moita confianza. Hai mans, moitas delas anónimas, que me foron abrindo portas ata chegar á mesma porta da editorial. Francisco Castro foi un axente importantísimo nese camiño. Participou dese tecido de confianza e apoio e brindoume persoalmente a grande oportunidade de publicar con Galaxia.

Capa de Nenæspiraes, gañador do Concurso de Poesía O Facho 2015, publicado por Medulia Editorial.

- Cal é o xerme de Corpo de Antiochia (Galaxia, 2017)?

Non hai un xerme único. Ao comezo, a intención era escribir algo que tivese de fondo o mar, pero tiña claro que quería fuxir do formato elexíaco. Nacín e vivo en Combarro, pobo intrinsecamente mariñeiro, e houbo un momento no que me dei de conta de que o mar estaba ausente de todos os meus textos. Sentín entón que estaba en débeda co meu propio contexto. Despois conxugáronse na escrita moitos máis elementos e intencións: escribir sobre a beleza para opoñerse a unha realidade que a quere negar, denunciar esa mesma realidade, falar dese lugar amado ao que resultou decepcionante volver porque, ao meu ver, foi negado pola atrocidade do presente... Corpo de Antiochia xorde de todo isto e da vontade de expresarme como ser reflexivo.

Imaxe promocional de Corpo de Antiochia de Tamara Andrés. (Imaxe cedida pola autora)

- Que é para vostede a poesía? Foi para vostede un concepto que mudou ó longo dos anos?

Volve aquí ese modo de vida do que falaba ao comezo. No meu caso, efectivamente, foi un concepto dinámico. Ao principio significaba xogo, azar, marabilla. Logo, na adolescencia, serviu de canle para comprenderme a min e ao meu entorno, un xeito de intentar procurar destino e respostas. Agora considero que estou nunha nova etapa: a poesía como unha forma de resistencia á brutalidade do mundo, unha forma de beleza, de diálogo e de reflexión, un espazo de liberdade onde atopar o nome e a profundidade das cousas. Malia todo, o xogo e unha parte de azar mantéñense constantes.

- Cales son os ecos poéticos de entre as súas lecturas que poderemos atopar neste libro?

Os textos deste libro parten de moitos espazos que habitei durante os últimos meses nos que a poesía estivo presente de moitos xeitos distintos (recitais, conversas, presentacións de libros, filmes...). Algúns textos foron impulsados por reflexións, poemas ou conversas que formaron parte deses espazos. O acto de escribir un poema, como xa se sabe, é ben solitario, mais, neste caso, non foi así o proceso para chegar a el. Hai moitos pilares con nome propio debaixo de cada texto. Por suposto, as lecturas propiamente ditas tamén están aí, ao igual que as traducións realizadas ata a publicación do libro, que tamén forman parte da miña bagaxe lingüística e literaria. Cando un traduce traballa dun xeito moi especial a palabra, e iso inflúe a posteriori na propia creación.

- Como foi participar na antoloxía poética No seu despregar (Apiario, 2016)? Hai que ter en consideración que nela participan moitos dos autores con máis presente e futuro da poesía galega…

Antía e Dores son dúas desas mans das que falabamos antes. Atoparme antologada nesa publicación foi sorprendente e motivador. Resultou fermoso compartir o camiño con poetas moi admirados xa antes da publicación, así como tamén descubrir voces marabillosas que non escoitara antes. En palabras das propias editoras, foi unha grande oportunidade para despregar o mantel e compartir froito e paixón desde o respecto máis fondo. Alén de todo iso, Apiario é unha editorial excepcional, sorprendente, innovadora. Foi unha honra poder formar parte de algo feito con tanto mimo.

Fotografía da antoloxía poética No seu despregar (Apiario, 2016). Fonte: praza.gal

- Que opinión lle merece a situación actual da poesía galega?

O panorama poético actual é poliédrico e non podo aventurarme a achegar unha única opinión sobre o seu conxunto. De todos xeitos, se nos referimos á poesía galega que aparece na propia antoloxía No seu despregar (Apiario, 2016) ou 13. Antoloxía da poesía galega próxima (Chan da Pólvora, 2017), creo que non descubro nada novo se digo que o futuro se promete apaixonante. As voces que camiñan aí ou nesa liña son innovadoras, empregan unha linguaxe marcadamente individual e beben dun amplo abano de disciplinas. A renovación é real. A poesía galega tamén se adapta ao tempo.

A publicación de 13. Antoloxía da poesía galega próxima (Chan da Pólvora, 2017) xunto con No seu despregar (Apiario, 2016) sinalan o rumbo que levará a poesía galega no futuro.

- Cal pensa que é a razón pola que o consumo de poesía na xuventude aumentou tanto?

Os adolescentes de hoxe dispoñen de moitas ferramentas e posibilidades para desenvolver a súa individualidade desde moi cedo. Hai moitos rapaces con sede de cultura, de creación, con mentes dispostas e preparadas para a reflexión. Nese sentido, moitos deles buscan o xénero poético para nutrirse e expresarse. Cómpre ter en conta que a poesía pode atoparse na actualidade en moitos espazos diferentes.

- No seu blogue persoal Temps oubliès, tamén temos pequenos textos seus e enlaces para acceder a moitos dos seus traballos…

A rede pode ser un grande espazo de visibilización para os creadores. Nese senso, dispor dun espazo propio ten moitas vantaxes. De todos xeitos, e malia o que nos poida pesar, agora as redes sociais antepóñense a moitos espazos coma as páxinas webs ou os blogues. Son plataformas máis inmediatas e actualizalas é moito máis sinxelo. Con todo, non acaban de ser espazos de lectura propiamente dita; de aí o mantemento do blogue.

- Ten algún traballo en mente do que poida adiantarnos algo?

Hai moitos proxectos na mente, pero o traballo e as esixencias do día a día tamén ocupan tempo. Falando do estritamente literario, hai un par de novelas no caixón que levan tempo aí, pero necesitan repouso e moita dedicación. Eses son dous proxectos que me ilusionan moito a longo prazo. No caixón tamén hai un poemario ao que lle teño moito agarimo, pero agora mesmo quero gozar desta publicación. Todo ao seu tempo.

#Entrevistas

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com