I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

David Álvarez: "Pippi Långstrump xa é parte da alma sueca"

November 14, 2017

Fotografía: Cedida polo entrevistado / La Voz de Galicia

 

David Álvarez Martínez (A Estrada, 1972) é profesor de lingua alemá na EOi de Santiago de Compostela. Cursou Filoloxía Xermánica na Universidade de Santiago de Compostela e tivo o seu primeiro contacto coa lingua sueca nunha estadía de Erasmus. Formouse na lingua de maneira autodidacta pero conta con certificacións da escola Jesús Maestro de Madrid e tamén un curso intensivo no país no verán de 2006. Residiu unha tempada no país e iso permitiulle perfeccionar o seu dominio da lingua. O que comezou como un proxecto persoal levoulle a publicar a tradución de Pippi Långstrump de Astrid Lindgren coa editorial Kalandraka (2017)


- Como xorde a oportunidade de traducir a obra de Pippi Långstrump?


É unha coincidencia feliz entre un proxecto e idea persoal que xurdiu hai varios anos e a aposta da editorial Kalandraka por levar a cabo a edición da mesma. Eu levaba barallando a idea desde hai tempo e foi despois da miña estancia máis longa en Suecia, que me decidín a preparar o texto e ofrecerllo á editora.

 

 

 

- O seu primeiro contacto coa súa historia foi mediante o texto literario ou a serie de televisión?


Creo que ao contrario do que aconteceu noutros países do norte de Europa, a maioría dos nenos en España souberon da existencia de Pippi por medio da serie de televisión. Aínda que as aventuras de Pippi se publicaron nos anos 40 no orixinal sueco, era unha personaxe demasiado subversiva como para ser unha publicación ben vista e para gañar a fama que si tivo no seu país orixinal ou en Alemaña. De feito, en varias linguas europeas só houbo versións moi adozadas e censuradas ou non as houbo en absoluto ata moitos anos despois. Ese foi o caso tamén de España a onde os textos chegaron moitos anos despois. Eu coñecín a personaxe por medio da televisión sendo un neno e aos textos xa accedín como adulto directamente no orixinal. 

 

 Fotograma da famosa adaptación televisiva da historia de Astrid Lindgren.


- Está prevista a traducción únicamente do primeiro volume ou da serie completa?


Polo momento publícase o primeiro libro que leva o título do personaxe principal Os outros dous volumes seguintes dependen de decisións editoriais e aínda non hai nada firme. 


- Por que decidiu estudar sueco? Ten similitudes co alemán?


O sueco é unha lingua xermánica da rama nórdica. As miñas motivacións debéronse ao meu grande interese polo estudo de linguas e especialmente das xermánicas e ao interese pola cultura sueca. Aínda que non son linguas intelixibles entre sí, comparten moito vocabulario debido á súa orixe común. O sueco ademais recibiu moitos préstamos do baixo alemán durante a Idade Media. 


-  Que dilemas se lle presentan a un traductor ó pasar do sueco ó galego?


As dificultades que se presentan á hora de traducir un texto literario entre dúas linguas son universais. Trátase en definitiva de transmitir o sentido dun texto orixinal a outra lingua coas implicacións que iso acarrexa.  Primeiramente son de orde lingüística e en diferentes planos: léxico, estilístico, etc. pero tamén culturais e sociolóxicas, en canto as asociacións que unha cultura evoca a través da linguaxe raramente son equivalentes noutra lingua. No caso de Pippi tamén hai unha distancia temporal importante, xa que é un texto dos anos 40. Outro aspecto que crea sempre algúns problemas é pasar dunha lingua totalmente normalizada a outra que aínda non o está de todo como é o caso do galego. 


- A súa estadía en Estocolmo permitiulle ter contacto cultural co país. Cal é a súa impresión sobre o sistema literario sueco? 


A relación coa literatura en Suecia penso que é ben diferente da que temos aquí. Por un lado, a rede de bibliotecas está moi ben surtida e teñen políticas dinamizadoras moi atractivas, tanto para adultos como para nenos. Chama a atención en especial a produción propia en literatura infantil e xuvenil cunha longa lista de nomes populares tanto na creación literaria como na ilustración: Barbro Lindgren, Jan Lööf, Pija Lindenbaum, Lena Andersson ou Sven Nordquist, por citar algúns.

 

 O boom da literatura nórdica tivo a súa orixe na novela negra. (Fotografía: Sweetsweden)


Por outra banda, o mercado literario dáme a impresión de estar moi dominado pola cultura ‘mainstream’ do bestseller, especialmente do anglosaxón, aínda que a novela negra patria e escandinava en xeral gozan desde hai uns anos de moita aceptación: Henning Mankell, Håkan Nesser, Camilla Läckberg, Åsa Larsson, Stieg Larsson co fenómeno ‘Millennium’ agora continuado por David Lagercrantz, ou o noruegués Jo Nesbø dan boa conta diso. Sen embargo, os fondos dispoñibles nas librarías, incluso da capital, parécenme algo pobres en canto a literatura universal, literatura dramática ou poesía. Selma Lagerlöf, August Strindberg e outros clásicos sempre están aí pero para procuras máis estensas é mellor acudir ás librarías de segunda man. De todas maneiras, a cultura da lectura e a relación da poboación co libro cultívase con políticas activas, por exemplo mediante a emisión de programas culturais especializados na radio e na televisión. 

 

- Cal é a perspectiva que ten o cidadán sueco de Pippi Långstrump? Pensan que é un personaxe dirixido únicamente ao público infantil?


Primeiramente si, pero Pippi Mediaslongas xa é un símbolo e unha marca sueca de tal magnitude, que despois de varias xeracións, chegou xa a todas as idades de diversas maneiras. Ao ser un libro dos anos 40, non queda xa prácticamente ningunha xeración que non tivese contacto coas historias de Pippi. É parte do acervo cultural sueco e sempre motivou discusións e debates de índole sociolóxica, educativa e política que transcenderon o público infantil. A súa influencia e as referencias ao personaxe están presentes tamén na literatura para adultos.

A propia Lisbeth Salander da saga ‘Millennium’ debe unha parte da súa inspiración a Pippi coma muller rebelde e fóra do sistema e o autor manifestou que imaxinou como sería Pippi de adulta na sociedade actual para perfilar o personaxe da hacker Lisbeth. No libro hai varias referencias a Pippi Mediaslongas, como por exemplo o nome na porta do seu apartamento: ‘V. Kulla’, referencia directa á casa de Pippi ‘Villa Villekulla’ (Vilapenela na versión galega) ou que a cor natural do seu cabelo sexa vermello.
Creo en definitiva que Pippi xa é parte da alma sueca e que os pais e avós participan na súa transmisión ás xeracións máis novas.

 

- Pippi é un exemplo perfecto do que supón rebelarse e cuestionar a realidade. Pensas que eses son os valores que se deben transmitir á mocidade?


A propia autora dicía que non tiña ningunha intención didáctica nin moito menos moralizante, se non que a súa idea era máis ben entreter. Eu defendo que se deben transmitir valores de liberdade e de espíritu crítico, así como o da autonomía femenina da que Pippi é símbolo indiscutible, máis alá de debater se é un exemplo a seguir en todas as súas manifestacións, porque a controversia sería evidente. Para min un dos valores máis importantes da personaxe é o seu carácter creativo, o uso da fantasía e as súa capacidade fabuladora para crear un mundo xusto e libre e do lado dos débiles. Iso si que me parece envexable e desexable. 

 

- Valora traducir outras obras de Astrid Lindgren ou outros autores inéditos en galego? 


Si, por suposto, aínda que o éxito deses proxectos depende en gran parte de apostas editoriais máis que de decisións unilaterais.

 

 

- Ten algún traballo de tradución en mente do que nos poida adiantar algo? 


Teño ideas e proxectos diversos a medio e longo prazo. O ritmo de tradución é necesariamente lento, sobre todo porque teño outra ocupación principal. Un dos traballos máis avanzados é a tradución dunha peza teatral que é un clásico da literatura alemá pero non tan estendido fóra do ámbito xermánico, aínda que si amplamente representada por todo o mundo. Trátase de “O espertar da primavera” (Frühlings Erwachen, publicada en 1891) de Frank Wedekind. É un texto marabilloso e virtuoso que rebosa modernidade a pesar de ter máis de 120 anos. Os protagonistas son adolescentes que nun marco educativo represor procuran descubrir os segredos da vida, da sexualidade e da liberdade. 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com