I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

María Roja: "O teatro é para min o xeito no que mellor sei comunicar con alguén"

November 23, 2017

María Roja é titulada superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia e licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Vinculada ao grupo de teatro afeccionado Quartoescuro ao longo da súa etapa universitaria, traballa posteriormente como actriz profesional nas compañías Matarile, Contraproducións, Zancalino, Mago Teto, Palimoco, Galitoon, Demolicións Ferreira & Cía, Contarte, Animar-t, Fulano, Mengano e Citano, TrasPediante, Inversa Teatro e Aporía Escénica. No campo audiovisual, participou en distintas curtametraxes, facendo o seu debut cinematográfico baixo a dirección de Ignacio Vilar. Posteriormente incorpórase ao reparto das series de televisión Hospital Real e Dalia, a modista. No ámbito da performance, vén traballando pezas en solitario ou en colaboración con outrxs artistas. Formou parte do Equipo Artístico e de Redacción de Núa, Revista de Artes Escénicas. É cofundadora da compañía de teatro Aporía Escénica, así coma dos colectivos áIntemperie e Blanco&Roja máis do fato bicéfalo Ohn, proxectos estes últimos situados no campo da arte de acción. Recibiu o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria polo seu traballo en O Tolleito de Inishmaan. Actualmente compaxina o labor investigador no programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da UVigo co seu traballo creativo nos eidos das artes escénicas e visuais.

 

Texto e fotografía: www.mariaroja.com

- Para comezar cunha idea potente. Que é o teatro para María Roja?

 

Unha vez lin que a arte non existe, só xs artistas. Partindo da miña coincidencia con esta consideración, creo que o teatro pode ser case calquera cousa, segundo a comenencia de quen o pense. Para min, para os meus intereses como creadora e tamén como público, o teatro é só unha escusa para o encontro. Unha cita entre corpos, no que esa dobre presenza é capaz de arrefriar a mediación, e na que é posible accionar para que nun agora e aquí concretos algo suceda. Á fin, teatro é para min o xeito no que mellor sei comunicar con alguén.

 

- Este ano está a ser un ano de éxito para vostede, polo menos nos escenarios, pero resulta case incrible a cantidade de proxectos que manexa simultaneamente. Como fai para adicarlle o mesmo tempo e calidade a todos estes traballos?.

 

Durmir pouco, esborranchar repetidamente a miña axenda e meterlle moitos quilómetros ao coche. Ficar queda é algo que me pon de mal humor, así que, dentro das posibilidades, trato de estar en tódolos proxectos polos que devezo. Poderiamos dicir que teño adestrada certa destreza malabar para o tema da ubicuidade laboral. Aínda así, hai que responsabilizarse para estar ao nivel en tódolos traballos.

 

- Como foi gañar o premio á mellor actriz secundaria no Tolleito de Inishmaan? A obra triunfou por todo o alto.

 

Foi... unha sorpresa. Ás veces os vicios aos que lle adicas a vida, a pesar da precariedade, das dúbidas e de mil lerias complexas, chegan con alegrías de parte daquelxs que súan contigo a diario, cun algo de alento necesario. O tolleito de Inishmaan conseguiu cinco premios María Casares, un triunfo, si. Pero o maior dos premios xa estaba dado: a calor do público en cada función que traíamos ás costas. Podería ser unha frase feita, pero neste caso non o é.

 

 María Roja recolle o premio María Casares. (Fotografía: Quintana)

 

- Que supón para vostede participar en Martes de Carnaval? Tivo algún contacto previo como actriz con algún dos textos de Valle?

 

A verdade é que a Valle só me achegara previamente como unha lectora bastante irregular. Así que, a este respecto, participar nesta montaxe supuxo, antes ca nada, unha redescuberta do propio autor, case a modo de autoagasallo tardío. Por outra banda, entrar a formar parte da compañía do CDG traduciuse para min, nun exercicio de responsabilidade. Era a primeira vez que se lle daría fala galega a este texto (dun compromiso político-social que rematou co seu autor na cárcere, algo que non podiamos obviar), era tamén a miña primeira vez no teatro público cunha problemática contextual moi concreta, a miña estrea ás ordes dunha directora cun traballo moi salientable, o tempo de montaxe era moi escaso, ... falamos de ter que levar a cabo unha encarga seria e difícil. Curiosamente, á par, podo falar tamén dun exercicio de alegría, polas mesmas razóns.

 

- Esta produción rompe un pouco con todo o “inmobilismo” que sempre se vinculou coas representacións de Valle. Foi unha aposta arriscada e supoño que terían un pouco de medo ante a reacción do público.

 

A verdade é que só podo falar por min, pero non creo que tivésemos medo. Si estabamos á expectativa, pero tampouco creo que isto sexa nada fóra do normal. Unha traballa desde a honestidade coas súas inquedanzas creativas, non suxeita ao imaxinario alleo. A partir de aí, nunca se sabe o que pode ocorrer.

 

 Fotograma dunha representación de Martes de Carnaval. (Fonte: centro dramático galego)

 

 

- Supoño que para vostede foi unha proposta moi de agradecer, polo seu afán de creación de novas estéticas e o seu traballo co performativo de xeito específico.

 

O que é de agradecer é a confianza de Marta Pazos no seu elenco. Non entendo o traballo de actriz desde a obediencia, desde o imitar o que outra persoa propón. Aquí a liberdade creativa, a procura de referencias, o debullar conceptual, o propoñer escénico constante... foi unha esixencia. Case poderiamos falar dunha creación en colaboración. Máis aló disto, en referencia ao que comentas sobre os meus propios intereses, non advirto pouso performativo en Martes de Carnaval, máis si coidado e saber no propio envoltorio formal da peza, no que os elementos plásticos e visuais superan a condición de aderezo para ser capaces de acompañar a narración e os corpos, máis de suxerir e de significar por si mesmos.

 Elenco completo de Martes de Carnaval. (Fotografía: centro dramático galego)

 

 

- Como foi interpretar a varios personaxes nesta e en concreto a Sini?

 

Difícil. Interpretar sete personaxes diferentes ao longo de dúas pezas durante máis de dúas horas, esixe estar en escena todo o tempo, incluso mentres realizas malabarismos a contrarreloxo entre patas discutindo co vestiario e o atrezzo. Certo é que tamén leva consigo un aquel de xogo, e isto é divertido. E ademais curte, nun oficio no que sempre se está medrando. Non foi doado meterse na pel da filla do capitán. Tan afastada de min e con tantas particularidades que se escapaban de tópicos, por un lado, e cun xeito de falar tan literario e unha linguaxe tan afastada da actualidade, por outro. Ao tratar de descubrila con franqueza, lendo polo miúdo as palabras que lle daban voz, e interactuando co resto de personaxes cos que se ía cruzando, apareceu unha rapaza moi nova, cun corpo mancado polo maltrato, abaneado pola soidade forzada e alentado polo instinto de supervivencia. A Sini deitaba dor, rabia, decisión, ambición, valentía... e amor para quen fose merecedor del. Preocupábame ser capaz de facer ver nela unha explosión do acumulado crible. Interpretar a esta “femia dabuten” foi un reto, e un agasallo.

 

- Con cal das súas personaxes de éxito este ano, Sini e Helen, estivo máis a gusto María Roja?

 

Coas dúas, moito. Podería non ser así, pero éo. De Helen, Martin McDonagh só nos deixa ver un anaquiño, como parte da fauna humana da illa de Inishmaan, e como parte do corazón do tolleito que conquista a historia. Porén, A Sini ten un papel protagonista na súa peza, e amosa unha complexidade de aconteceres internos parellos ao evolucionar dunha trama da que, nunha parte moi importante, é acicate. Neste sentido, vestir a pel da Sini quizais facía bater con máis forza os nervios previos á saída ao escenario.

 

- Para rematar. Poderías adiantarnos algo dalgún próximo traballo tanto individual como nalgún espectáculo cun colectivo?

 

De acordo, pero só un chisco... O proxecto que me ocupa neste momento é a creación de Pasaescalabra, unha peza performativa que reflexiona sobre a violencia de xénero, co colectivo de arte de acción Blanco&Roja, da que son metade xunto con Alba Blanco.

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Quén preservará todos os contornos da conciencia.

Quén ha de revelar o meu nome descoñecido,

o meu impúdico nome que codifica e devora.

Quén pode prescribir tantos equívocos moldes

por encima desta fiestra construída polo corpo.

Quén haberá que incorpore esta razón esta memoria

cara un ciclo impertérrito de tebras e de luz?  [...]

..

Yolanda Castaño, en Delicia (Espiral Maior,1998)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com