I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Ana Cabaleiro: "Hai que identificar a ferida e vivir dentro dela para despois poder transmitila"

December 1, 2017

Ana Cabaleiro (Saídres, Silleda, 1974) é licenciada en Xornalismo, profesión que exerce intermitentemente desde hai dúas décadas. Cursou, ademais, o Master en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura da USC, no que investigou e publicou sobre contracultura e ciberactivismo artístico. Tamén ten traballado no eido da discapacidade intelectual e no da cooperación ao desenvolvemento. Como autora, formouse en obradoiros e cursos de escrita, sempre na procura de voces femininas coas que abeirar as mareas da vida. Froito desta experiencias nace a compilación de relatos Sapos e Sereas, a súa primeira obra publicada. Como muller con raíces no rural, aínda conserva unha lagoa con máis dun millón de sapos e dúa ducias de ras cantoras.

 

Fotografía: Mónica Patxot

Texto: Ficha da autora na web de Galaxia

- Cal é o xerme de Sapos e Sereas (Galaxia, 2017)?


Sapos e Sereas nace dunha dupla necesidade. Dunha banda precisaba explicar o noso mundo actual desde a miña perspectiva de muller que percibe unha serie de desigualdades aínda moi arraigadas na sociedade, e doutra quería saír ao mundo literario con relatos, por ser esta unha forma de narrar que sempre tivo un gran influxo sobre min. Creo que esa foi a intención inicial. Pero o certo é que agora que o libro xa está na rúa son capaz de identificar outras causas, como a necesidade de berrar que temos todas e todos contra o que non nos gusta, e de facelo dun xeito que non pasase desapercibido. Porque se de algo son consciente, supoño que debido á miña profesión, é que estamos saturadas de estímulos e que berrar non é suficiente, hai que traballar moito para que os nosos berros se escoiten.

 Capa de Sapos e Sereas de Ana Saidres.

 


- Dar visibilidade á desigualdade entre homes e mulleres mediante o relato é un feito que merece comentario. Cales pensa que son as chaves para literaturizar un dos cancros da nosa sociedade?


Hai que identificar a ferida e vivir dentro dela para despois poder transmitila a través da forma que cada quen escolla. Eu sempre reivindico a arte en todas as súas disciplinas como unha canle de comunicación e de reflexión. Está demostrado que o que percibimos a través da emoción ten maior impacto para nós, e niso a arte ten un papel fundamental. No meu caso concreto eu o único que fixen foi ilustrar, a través de pequenas pílulas, situacións que nos poden pasar a calquera: unha rotura de parella, un amor agobiante e mal xestionado, unha noite de farra nun pub, unha historia familiar baseada na ambición. A vida mesma. E nin me fixo falta subliñar as situacións de desigualdade de xénero, calquera que lea os relatos xa as ve a simple vista. Non hai segredo, a nosa sociedade é inxusta e a desigualdade de xénero forma parte desa inxustiza. Eu vivo dentro desa ferida, só polo feito de ser muller, non puiden elixir. Pero elixo contalo, elixo traballar a partires da inxustiza, a partires da ferida, coa esperanza de que algún día esa ferida forme parte do pasado. 


- No libro, na miña opinión existen unha serie de relatos exemplares pois presentan situacións de inxustiza invisibilizadas pola sociedade e outros relatos, como por exemplo o que dá título á obra, son moito máis simbólicos. Está de acordo coa afirmación?


Todos os relatos xogan coa simboloxía que atopamos nos contos infantís, porque penso que aí é onde nace todo, porque a través dos contos da nosa infancia aprendemos a soñar. Que soñamos e como soñamos cando somos pequenas e pequenos é unha cuestión de vital importancia, porque todo ese universo trasládase despois ao mundo adulto. Non hai máis ca ver quince minutos de publicidade na tele e mirar como están enfocados a maioría dos anuncios. Por iso escollín elementos e personaxes moi identificables no imaxinario colectivo: os Reis Magos, o Lobo Feroz, Groucho Marx, o amor romántico e os seus símbolos, e o mito das Seras. Todos son elementos simbólicos e metafóricos en si mesmos, e eu a partires diso xogo coas súas sombras, retorzo o estereotipo que representan, e intento crear ficcións totalmente reais, recoñecibles e contemporáneas.


- Escribiu os relatos por separado en distintas etapas ou concibiu na súa mente este mollo de relatos sempre como unha obra unitaria?


Sempre conto que o primeiro dos relatos o escribín fai 13 anos cando vivía en Brighton e que foi un texto sobre o que traballei obsesivamente en distintos momentos da miña vida ata que rematou formando parte de Sapos e Sereas. Para min foi moi importante que abrise o libro porque, a nivel persoal, é testemuña do camiño que tiven que percorrer para atopar a miña propia voz como escritora e de todo o que fun mudando nese tempo. Os demais son máis recentes, escritos todos nun período de ano e medio, cando xa tiña claro que tipo de obra quería escribir. E despois está o epílogo, que xurdiu como un broche pensado especificamente para un proxecto xa pechado.

Primeiro apunte manuscrito de Sapos e Sereas tomado na praia de Monte Louro (Agosto, 2015).

(Fotografía cedida pola autora)

 

 

- Na súa concepción da escrita, crítica social e obra literaria teñen que ir sempre xuntas?


Eu prefiro falar de escribir para provocar unha reflexión. Hai obras literarias marabillosas que non sei se se poderían encaixar na crítica social, pero que sen embargo nos removen algo dentro cando as lemos, e que dalgunha maneira pasan a formar de nós. Todas temos un libro, polo menos un, que marcou un antes e un despois na nosa vida. Penso que niso está a grandeza da literatura e supoño que todas as persoas que escribimos soñamos con escribir algún día un libro dese tipo. 

O traxecto Compostela-Pontevedra en tren é un dos espazos de traballo máis habituais para a autora.

(Fotografía cedida pola autora)


- Que ten o relato como fórmula narrativa que tanto lle gusta?


Para min o relato é unha forma de narrar moi difícil pero perfecta para contar historias inmensas en moi pouco espazo físico. Un amigo, e voulle roubar a definición, dixo que “é como facer orfebrería en miniatura”. Vaia por diante que non soporto que se supoña que un libro de relatos é a antesala dunha novela, como se saír primeiro cun libro de relatos fose unha especie de ensaio para facer algo máis grande e máis serio, e ese “máis grande e máis serio” enténdese que debe ser unha novela. Eu reivindico o relato como unha forma narrativa con entidade de seu. Penso, ademais, que na nosa historia literaria temos libros de relatos que marcaron auténticos fitos. Citaría como exemplos ‘Merlín e familia’ de Álvaro Cunqueiro (1955), ‘O crepúsculo e as formigas’ de Xosé Luís Méndez Ferrín (1961), ‘Polaroid’ de Suso de Toro (1986), ou ‘Made in Galiza’ de Sechu Sende (2007). Para min ningún destes libros desmerece en nada ás grandes novelas da nosa literatura. 


- Cales son os títulos que pensa que influíron un pouco ó seu estilo? Cal é a súa lectura actual?


Leo moi compulsivamente e supoño que, dalgún xeito, todo o lido me vai conformando. O que máis leo é ficción, seguida de biografía e ensaio. Tamén leo poesía, nos últimos anos só en galego, e en moita menor medida, teatro. Se teño que citar só unhas poucas obras de referencia diría que ‘Cara ao faro’ de Virginia Woolf  e ‘Polaroid’ de Suso de Toro foron dous libros que tiveron un impacto brutal cando era adolescente e que me marcaron pola forma de narrar. Nesa liña, tamén teño que citar ‘Nada’ de Carmen Laforet, ‘Olvidado Rey Gudú’ de Ana María Matute, ‘Las lunas de Júpiter’ de Alice Munro, e ‘Periferia’ de Iolanda Zúñiga. Estes seis están no top dos meus imprescindibles e volvo a eles con certa regularidade, polo universo tan particular que cada un deles é capaz de transmitir e tamén por como están escritos, porque para min o estilo narrativo é fundamental.  
Neste momento, como estou traballando nun novo proxecto, non teño moitas lecturas enriba da mesiña. A miña cota de ficción diaria estouna cubrindo coa novela ‘NW London’ de Zadie Smith, aos poucos recréome cun libro marabilloso titulado ‘Paula Rego por Paula Rego’ de Anabela Mota Ribeiro, no que a autora e xornalista recolle en varias entrevistas a vida e a visión da arte desta artista lusa asentada en Londres, e por necesidades de documentación ando ás voltas con ‘La furia de las imágenes. Notas sobre la postfotografía’ de Joan Fontcuberta.

 

- Vostede criouse como escritora en obradoiros literarios. Moitos participantes e autores discuten a súa utilidade e outros son defensores dos beneficios dos mesmos. Cal é a súa opinión sobre este tema?


Como a escrita non se axusta a ningún tipo de programa formativo, porque é algo totalmente persoal e subxectivo, é moi difícil sacar nada en claro deste tipo de debates. A min os obradoiros literarios axudáronme a tomar a escrita en serio, a centrarme e sacar un proxecto adiante. A través dos obradoiros coñecín escritores e escritoras do sistema literario galego moi xenerosas, que compartiron as súas experiencias cos grupos nos que eu participaba. Pero debo aclarar que, curiosamente, os obradoiros que máis me axudaron estaban impartidos por unha profesora que non ten nada publicado. O que si teño claro é que eu sempre recoñecerei o papel que tiveron na miña formación, aínda que podo entender que a outras persoas non lle funcionen no mesmo sentido que a min e polo tanto terán outra percepción.

 

- Agardaba este éxito case unánime en crítica e lectores na súa estrea?


En absoluto. Cando o libro xa estaba para saír á rúa, dunha banda tiña a esperanza e o desexo de que gustase e, doutra, o medo a que pasase totalmente desapercibido. Máis que non gustar o que verdadeiramente temía é que a crítica nin o lese. Por iso lle estou tan agradecida a todas as persoas que escribides nos medios dixitais, en papel, ou reseñan en programas de radio e televisión, non só pola boa acollida, senón tamén por toda a atención que Sapos e Sereas recibiu nos últimos meses. O que tampouco esperaba e que os lectores e as lectoras se dirixiran a min, sobre todo polas redes, para contarme que lles pareceu o libro e explicarme o que lles suscita ou cal é o seu relato preferido. É moi gratificante. E estou inmensamente agradecida. 


- Para rematar. Ten algún traballo en marcha do que nos poida adiantar algo?


Eu sempre teño traballos en marcha, outra cousa é en que rematan, no caso de que rematen en algo. Teño cadernos e cadernos cheos de anotacións, de comezos de relatos, de primeiras páxinas de novelas, carpetas en ordenadores con máis do mesmo, recortes de xornais e de revistas metidas en carpetiñas rotuladas coa palabra “documentación”. Así que mellor será que non fale ata que volva pechar unha carpeta coa palabra “definitivo”. Espero non tardar moito. 


 

Para producir e publicar recensións, iniciativas culturais e entrevistas de calidade sen recorrer a publicidade, este blogue ten como  financiamento único unha campaña de doazóns mensuais en Patreon. Podes participar nela dende un euro ó mes e, grazas a iso, contribuirás a manter este espazo e a publicación frecuente de contido.


https://www.patreon.com/palabradegatsby
 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com