I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Iria Pedreira: "Caracteres non só sobreviviu un axitado periplo ata chegar a nós, senón que polo camiño nunca deixou de ser lida, copiada, imitada e traducida"

January 24, 2018

Iria Pedreira Sanjurjo naceu o 6 de Xaneiro de 1991 en Ordes, aínda que reside no concello veciño de Frades. É graduada en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela (2009-2013) e fixo un Master en Textos de la Antigüedad Clásica y su Pervivencia pola Universidad de Salamanca (2013- 2014). Actualmente é doutoranda dentro do Programa de Doutoramento en Textos da Antigüedade Clásica e a súa Pervivencia (coordinado conxuntamente polas Universidades de Salamanca, Valladolid e Santiago de Compostela) da Universidade de Santiago de Compostela. O seu proxecto de tese versa sobre a influencia dos clásicos grecolatinos (os mitos grecorromanos inmortalizados nas historias das literaturas grega e latina nos seus distintos xéneros...) na literatura dramática galega contemporánea. A tradución ao galego da obra Caracteres de Teofrasto dentro da colección Vétera de Rinoceronte Editora é o seu primeiro traballo como tradutora.

 

Fotografía e texto cedidos pola autora. 

-   Cando comezou o seu interese polo latín e o grego clásico?


Dende moi cativa tiven un desmedido interese pola cultura clásica e as civilizacións antigas en xeral. Fascinábanme a súa estética, a súa historia e os seus grandes personaxes (tanto os reais coma os mitolóxicos). E nunha xeración coma a miña, tan mediatizada pola cultura de masas, o feito de que todo este caudal cultural pasase pola peneira do cine, a literatura ou os cómics foi decisivo para que se incrementase a miña afección. Logo, cando cheguei ao bacharelato e tiven a ocasión de achegarme a dúas das linguas máis importantes do mundo antigo e as súas literaturas, non o pensei dúas veces. E o extraordinario labor docente do meu mestre de grego e a miña mestra de latín durante aqueles dous cursos de bacharelato fixo o resto. Aí foi cando decidín converter a miña afección no meu medio de vida e entrei nesa carreira tan inxustamente deostada no mundo actual, Filoloxía Clásica. 


-   Qué supuxo para vostede ter a oportunidade de traducir Caracteres ó galego?


Como ben refires xa na túa pregunta foi unha gran oportunidade, totalmente inesperada e que me chegou ao pouco tempo de finalizar os meus estudos de mestrado, grazas á mediación da miña mestra Teresa Amado. Ela era e segue sendo a directora da miña tese de doutoramento e no inicio da miña actividade investigadora faloume da iniciativa de Rinoceronte Editora, que estaba recuperando a súa colección Vétera de clásicos en galego. Ela púxome en contacto co director desta colección, Raúl Gómez Pato, e propuxéronme traducir os Caracteres de Teofrasto ao galego, unha das obras de máis sona do Período Helenístico. Non dubidei en aceptar o encargo e recibino con moitísima ilusión, mais tamén sendo consciente da enorme responsabilidade que implicaba, posto que nunca antes fixera un traballo semellante, nunca antes fixera unha tradución literaria que fora ser publicada. Ademais, esta ía ser a primeira tradución de Teofrasto á nosa lingua e iso engadía aínda máis presión, o cal non deixa de ser emocionante aínda que dea un pouco de vertixe.

 

 Imaxe do resultado final da tradución de Caracteres de Teofrasto. (Fotografía cedida pola autora)


-  Cómo foi o proceso de tradución deste libro?


Bastante complexo, tendo en conta a miña inexperiencia previa e a propia dificultade do texto de Teofrasto que, aínda que é breve e polo xeral sinxelo, presenta as súas lagoas e complicacións. O proceso de tradución dos textos antigos adoita ser lento ao tratarmos con linguas de corpus e require unha análise meticulosa e moi precisa de cada verba e ata do máis insignificante conector textual, polo que cómpre achegarse aos mesmos con moita paciencia e humildade. Por suposto, Teofrasto non foi unha excepción a esta regra, mais tendo un bo coñecemento da lingua grega, manexando as mellores edicións da súa obra e axudándote dos recursos e materiais axeitados, o resultado sempre será satisfactorio.


-  A edición está ben acompañada por un limiar e as notas tamén da súa autoría. Considérao un complemento necesario para adentrarnos nesta obra?


Indubidablemente. Ao meu modo de ver, a publicación dos textos clásicos debe cumprir tamén cunha función divulgadora das literaturas e as culturas nas que se insiren, pois a literatura non é un fenómeno illado nin espido das circunstancias que motivaron o seu xurdimento, e é o principal (cando non o único) testemuño que temos doutras épocas e doutros xeitos de sentir e pensar. Rinoceronte Editora coida moitísimo ese aspecto, todas as obras publicadas na colección Vétera veñen precedidas duns magníficos estudos preliminares, concisos pero á vez moi completos. E, no caso concreto de Teofrasto, facíase sumamente necesario tratar o seu pensamento como filósofo e discípulo de Aristóteles, o seu afán de coñecer que o levou a interesarse e escribir sobre os máis diversos temas, a súa enorme influencia posterior na literatura occidental grazas a Caracteres, a enigmática orixe desta obra tan singular e sen parangón noutras literaturas...  Só así os lectores e as lectoras poden comprender a envergadura e a relevancia do que están a piques de ler.


-   Caracteres foi unha obra moi aguda para a súa época…


Efectivamente, e sorprende ver que non perdeu nin un ápice da súa vixencia, aínda sen sabermos moi ben porqué precisamente este opúsculo superou a proba do tempo. Ao longo da historia, a transmisión dos textos antigos revelouse como unha viaxe azarosa que levou por diante obras de autores importantísimos no canon da literatura universal e, en cambio, Caracteres non só sobreviviu a este axitado periplo ata chegar a nós, senón que polo camiño nunca deixou de ser lida, copiada, imitada e traducida. A obra tivo unha gran repercusión nos séculos posteriores sen que ningún dos intermediarios chegase a saber exactamente o que era nin cal fora o propósito real de Teofrasto no momento da súa composición. Mais a súa singularidade, o misterio que envolve a súa transmisión e, sobre todo, a prosa tan vivaz e intelixente que sorprendentemente achamos nos seus trinta brevísimos capítulos contribuíron seguramente a que tivera unha boa acollida na posteridade. Iso e que seguramente non cambiamos nada, seguimos tendo as mesmas taras, defectos e eivas morais que tiñan os individuos que nos describe Teofrasto.


-  Sorprendentemente para o imaxinario popular sobre os textos clásico, esta obra tamén moi amena…


Certo, e unha das grandes virtudes do texto de Teofrasto é a súa sinxeleza formal, que permite unha identificación plena co seu discurso. Non é infrecuente ver na literatura antiga unha certa pompa ou unha solemnidade coas que gran parte do lectorado actual non semella moi disposto a conectar. Mais Teofrasto e os seus Caracteres tamén rachan con ese tópico e preséntannos a outra cara do mundo antigo, a outra Grecia, a cotiá, a das clases populares e a dos pequenos vicios e faltas que aínda hoxe sinalamos co dedo e nos provocan indignación ou, noutros casos, risa. É unha lectura moi agradecida e á que se pode acceder doadamente aínda sen ter moitos coñecementos literarios, históricos e/ou filosóficos.

 

 Imaxes da presentación do libro en Ordes. (fotografías cedidas pola autora)


- Con qué definición de esta obra está máis de acordo: “obra didáctico-moral", “tratado sobre retorica” ou “sátira aguda sobre a sociedade grega”.


Con todas e con ningunha, se mo permites. Como xa avancei nalgunha pregunta previa, Caracteres é toda unha incógnita en si mesma. Ninguén no seo dos estudos clásicos foi quen de explicar con total certeza se este opúsculo foi concibido por Teofrasto como un todo plenamente autónomo ou se, pola contra, formaba parte doutra obra como unha sorte de epílogo ou anexo aclarativo. Baralláronse moitas hipóteses, algunhas delas coinciden coas definicións que propós na túa pregunta e efectivamente Caracteres ten un pouco de todo iso. Mais todo o que poidamos formular sobre esta cuestión é pura especulación. Non hai indicios suficientes nin moito menos probas sólidas que nos permitan saber que era Caracteres antes de que algúns dos seus primeiros editores, probablemente de Época Bizantina, visen neste texto unha peza literaria cunha mensaxe ética e moralizante e rematasen de darlle ese mesmo aspecto cun proemio e pequenos engadidos explicativos a cada capítulo que son claramente espurios e posteriores a Teofrasto.


-  Para rematar. Ten algún traballo próximo do que poida adiantarnos algo?


Agora mesmo estou inmersa no meu traballo de investigación, que acapara a práctica totalidade do meu tempo e das miñas enerxías. Porén, a colección Vétera de Rinoceronte Editora segue medrando con novos títulos e eu seguirei formando parte do equipo de tradutoras e tradutores cun proxecto aínda por definir que seguramente será tan gratificante como o foi Caracteres. Queda moito por facer, hai moitas obras (da Antigüidade Clásica e posteriores) que aínda a día de hoxe non podemos gozar en galego e debemos continuar dotando ao noso sistema literario dun bo repertorio de literatura traducida. Seguimos no camiño.
 

 

 

 

 

Para producir e publicar recensións, iniciativas culturais e entrevistas de calidade sen recorrer a publicidade, este blogue ten como único financiamento unha campaña de doazóns mensuais en Patreon. Podes participar nela dende un euro ó mes e, grazas a iso, contribuirás a manter este espazo e a publicación frecuente de contido.

 

https://www.patreon.com/palabradegatsby

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com