Baldo Ramos: "Neste momento da miña vida poesía e plástica están moi unidas."


Baldo Ramos (Celanova, 1971) cultiva a súa vocación artística dende os 17 anos, cando comeza a escribir poesía. Ten publicado, entre outros, os libros: Palimpsesto (2009) e Cartografía do exilio (2014). Recibiu numerosos premios, entre outros, o Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, Fiz Vergara Vilariño, e foi accésit do Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara e do Premio de Poesía Miguel González Garcés.

Cartas dende o esquenzo (Galaxia, 2018) é o seu máis recente libro de poemas en galego.

Texto: Galaxia

Fotografía: Anxo Cabada

- Cal é o xerme de Cartas dende o esquenzo (Galaxia, 2018)?

Este libro nace do meu interese por experimentar sobre as limitacións que ten a linguaxe para comunicarnos cos demais. Todos, dun xeito ou doutro, temos vivido as consecuencias de convivir cun enfermo de alzhéimer. Como dicía Pasqual Maragall, esta doenza borra a memoria pero non borra os sentimentos. E ese sería o meu segundo interese á hora de escribir este libro: a indagación neses espazos que seguen ocupados polo amor profundo que sente un pai polos seus fillos e os seus fillos por un pai que padece esta doenza.

- Esquecer é un dos grandes medos do ser humano na súa vellez. Neste poemario o esquecemento leva tamén á perda da propia palabra ata o silencio total “unha voz baixo chave” (páx. 31)…

Efectivamente. Dese medo tamén bebe o libro. Dese temor de non poder conservar no tempo, co paso do tempo, os afectos. De ir perdendo a unión cos demais porque nos faltan as palabras que deberían ser un lugar de encontro. No libro pretendo que dialoguen dous mundos que falan desde un dobre monólogo que avanza en paralelo e que só interacciona cando é posible conservar o vínculo afectivo, é dicir, o tesouro de compartir unha memoria e o relato das experiencias vividas nun pasado percorrido coas persoas máis queridas.

- Neste poemario temos a parte superior da páxina con textos baixo a configuración estética máis convencional da lírica e na parte inferior temos “prosa poética”. Isto permite varias lecturas distintas do poemario. Configurouse desa forma dende os primeiros esbozos?

O libro pasou por varias fases de construción. Nun primeiro momento só escribín os poemas enunciados desde a voz do pai. Pero o resultado era excesivamente abafante, desalentador. Quería evitar o pesimismo e o confesionalismo. Por iso entendín anos despois da súa primeira redacción, que debía poñer en diálogo esa voz con outra que proporcionara optimismo, esperanza, ao relato do pai. Ao mesmo tempo, nese diálogo en paralelo do que che falaba antes, entendín que era onde se tiña que visualizar o encontro: nesa superposición, poucas veces tanxencial, de voces que loitan por ser espazos habitables, por ser refuxios para a aceptación da vellez e da amnesia.

- Cal pensa que é o aspecto ou elemento que mellor define o seu traballo poético?

Non penso que sexa eu o máis indicado para facer esa valoración, pero síntome moi identificado coa poesía que mira cara a dentro, que conta desde espazos ou enfoques que non pretenden unha interpretación unívoca, previsible, do poema. Comparto aquilo que practicou Eduardo Chillida con toda a súa obra: “O creador non pretende dar respostas senón facerse preguntas”. Para min o traballo poético é un campo de experimentación inesgotable e moi pracenteiro. O maior incentivo que eu teño para seguir escribindo.

- Vostede cultiva tamén as artes plásticas. Cal é a relación que para vostede existe entre estes eidos artísticos?

Neste momento da miña vida poesía e plástica están moi unidas, quizais porque nos últimos tempos teño experimentado máis no ámbito da poesía visual e me interesa esa mestizaxe, ese contaxio. Eu penso que a necesidade de ir dunha a outra explícase pola miña visión da poesía como algo material. E experimentando coa materialidade na poesía e coa abstracción na plástica, ao final chegas a eses puntos de contacto, a ese diálogo por osmose no que a pintura pode lerse como poesía e a poesía pode verse como pintura. A miña obra caligráfica exemplificaría estes vasos comunicantes, como tamén os meus últimos proxectos compartidos con Pepe Cáccamo no ámbito da poesía visual.

- Cal é a súa opinión sobre o estado actual da poesía en lingua galega?

Polo que respecta aos autores e obras que están vendo a luz, coido que estamos a vivir un momento plural e vizoso. Pero falta un maior dinamismo editorial que canalice esa creatividade e que a divulgue, que a dea a coñecer. Aquí e fóra. Hai iniciativas meritorias no ámbito da edición en Galicia (quizais máis ca nunca), pero non as suficientes como para que se visibilice, como penso que merece, todo o potencial da poesía galega contemporánea.

- Para rematar. Ten algún novo traballo en marcha do que poida adiantarnos algo?

Nos últimos tempos dedico moito máis tempo ao meu traballo plástico que ao literario. Pero si que teño algún libro futuro na cabeza do que, polo momento, só teño del un esbozo que naceu dunha colaboración que me pediu Manuela Palacios para a antoloxía Migrant Shores (County Clare, Ireland, 2017), na que se propiciaba un diálogo entre poetas galegos, marroquís e irlandeses respecto da experiencia migrante. Trátase dunha obra que tenta reconstruír a experiencia da emigración da miña familia en Norteamérica entre os anos 20 e 60 do século pasado. Un proxecto ambicioso que, de velo rematado, levarame varios anos ultimar.

#Entrevistas

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

enumerar motivos para debuxar unha balea

 

para crer nun espírito navegante que non temos

para delimitar o medo

para valernos dela na fuxida

para botar de menos unha viaxe

unha en concreto

para debuxar un bazar e disfrazala de elefante

porque teñen a forma das distancias

porque dentro dunha balea o ceo está limpo e non hai dor

para pintala sorrindo e poñerlle flores ou peixiños pequenos

para facer unha metáfora de todas as traxectorias

para que sexa a proa na reconquista da paisaxe

para representar o tamaño da tristeza

para pensar nas palabras coas que explicar o debuxo.

Eduardo Estévez, de baleas 

(Caldeirón, 2017)  

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com