Presentación: Iria Misa, Segredos no Solpor. (Sabaris 13/04/18)


Onte foi un día especial para Iria Misa xa que presentamos ás 20:00 no Casino de Sabarís o seu novo libro Segredos no Solpor (Xerais, 2018). Tiven o pracer de acompañar a autora e a Manuel Bragado nunha presentación cunha grande asistencia de público e que penso foi moi dinámica para os asistentes.

Fotografías: Celia Torres

O primeiro en intervir foi Manolo Bragado que destacou a calidade da autora como narradora tanto nas dúas obras publicadas como nunha próxima publicación. Tamén aproveitou para introducir a Iria nesa nova narrativa na que as autoras son un elemento importantísimo e tamén na denominada "xeración da esperanza". Con respecto ó libro incidiu na importancia da memoria familiar e de todos os segredos que nela se agochan por razóns que hoxe non se deberían considerar lóxicas. Tamén destacou que no libro tócanse temas moi importantes como a violencia de xénero, o amor tóxico ou o maltrato.

A miña intervención consistiu en narrar brevemente a curiosa historia pola que coñecín este libro na miña participación no xurado do premio Jules Verne de literatura xuvenil do ano 2016 e no que o primeiro libro da autora, Xa non estou aquí (Xerais, 2016) resultou gañador do certame. Aínda que me comeron un pouco os nervios do debut, a miña intención foi anotar as virtudes deste libro e da autora, que son moitas. Todas as publicacións de Iria Misa presentan temas de importancia para a nosa sociedade e que observamos dende a perspectiva da adolescencia mediante un poder narrativo destacable para a súa aínda breve carreira como autora. O libro presenta débedas de Iria cos seus referentes no ámbito do cinema e é algo que no primeiro capítulo, por exemplo, están moi claros. Nel tamén se traza unha xeografía moi detallada da zona do "Bico", que persoalmente non coñecía pero da que puiden recoñecer aspectos do libro na miña viaxe ata alí. En resumo, en Iria Misa temos unha narradora sólida, que sacrifica a pomposidade de estilo cunha narrativa moi áxil e directa e que crea libros que é imposible non ler "do tirón"

Na súa quenda, logo de agradecementos e gabanzas ós seus compañeiros na mesa, Iria Misa tivo a vontade de contar que todos os seus libros beben un pouco da súa maneira de concibir o mundo, das súas preocupacións e dos adolescentes cos que convive diariamente como docente. Destacou que a sociedade na que vivimos ten moito que cambiar xa que con facilidade vense situacións que amosan que a estrutura patriarcal sigue moi vixente. Comentou a súa preocupación polas relacións abusivas, o mito do "amor romántico" e a violencia sistemática que se produce tanto de maneira pública como no eido do privado. Aproveitou para ler pasaxes deste libro que ilustran perfectamente todas as temáticas que se tocan nel dende a perspectiva da protagonista.

Esta vez dende a escrita, e máis relaxado, reitero a miña gratitude a autora pola súa amabilidade, amizade e as palabras agarimosas que sempre ten para min e o meu traballo. Tamén a Xerais e en especial a Manuel Bragado e a Celia Torres por abrirme as portas da editora con esa participación no xurado do premio Jules Verne 2016 e polo pulo, azos, amabilidade e agarimo que sempre amosaron polo meu traballo neste modesto blogue de crítica literaria e cultural.

#PresentaciónseEventos

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com