"Un espectáculo que berra por un espazo propio para a muller" (A movida, 3/05/2018)

Onte tivemos a oportunidade de gozar en Vigo dunha representación teatral baseada no texto ensaístico ‘Una habitación propia’ de Virginia Woolf da man de Clara Sanchis. A obra chegou a Vigo como unha aposta arriscada por levar a escena un dos textos máis “aparentemente sinxelos” da teoría feminista e remata amosando que nas súas bases hai moito de teatral.


Texto: David González

Fotografías: www.culturama.es


Teño que recoñecer que tiven pesadelos coa posible representación deste texto. A conferencia de Virginia Woolf non é un texto moi sinxelo de tratar pola escuridade que a literariedade verte sobre unha mensaxe que non é tan obvia como se pensa. É dicir, e para entendérmonos, que este texto é sinxelo ten tanto de falsa crenza como que Hamlet recita o seu famosísimo monólogo cunha caveira na man ou que Frankenstein é o nome da criatura da novela de Mary Shelley. Con todo isto, eu temía que o texto eliminase ese contido polémico dende o punto de vista do xénero, esas mensaxes que non están tan claras ou eses dobres sentidos que existen nun texto tan gabado como criticado dende a teoría feminista.


A proposta de Clara Sanchis é inesperadamente conservadora e amosa o froito dun estudo profundo do texto, do que escolle os elementos máis interesantes para expor nesta pequena conferencia. O experimento logra dar máis a sensación da propia conferencia de Woolf que dun monólogo dramático de máis dunha hora de duración. Pese a todo penso que aínda que o comezo o puritanismo respectase ó máximo, de cara ó final vaise simplificando máis o texto e perde un pouco ese atractivo literario. Coido que esa decisión depende máis da intención de achegar con maior efecto a reflexión ó espectador pero é tamén é certo que tamén se ven as “costuras”.


Clara Sanchis está fantástica en escena. Nótase que é un traballo baseado na paixón da propia intérprete polo traballo da autora británica e que hai moito máis de persoal e de crenza na utilidade do mesmo que de afán lucrativo. É necesario sinalar que introduce na escena un piano co que interpreta pequenas pezas musicais coas que pretende plasmar os seus sentimentos en melodías. Penso que se usa con acerto en moitas ocasións, máis noutras resposta a unha transición marcada entre “escenas” que fai que a sensación de diálogo desapareza e recuperemos a sensación das limitacións que ofrece a lectura dun texto fronte ó teatral.


A composición do escenario resume a idea do necesario dun lugar propio para a muller. Un espazo privado dende o que poder construír e poder gañar a vida por ela mesma. Un espazo de liberdade creativa e tamén de autorecoñecemento como entidade completamente autónoma. Penso que a rixidez deste escenario baleiro amosa a inexistencia de referentes femininos cos que encher este “cuarto” e tamén a necesidade de esa soidade que permite crear un discurso inspirado na propia individualidade para transmitir ó colectivo.


Neste espectáculo non se busca unha catarse colectiva, igual que tampouco no texto de Woolf. Acerta Clara Sanchis reproducindo no discurso o estilo no que remata a conferencia da británica e engrandece un pouco máis a potencia da mensaxe. Os espectadores asisten a un constante bombardeo de reflexións ocultas no literario e que na meirande parte do espectáculo a actriz non glosa. Unha homenaxe teatral á altura dun dos textos máis icónicos e polémicos do feminismo.


(Este texto publicouse na revista online A Movida o 3 de maio de 2018)


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com