Recensión: Fran Alonso, Street Poems


Título: Street Poems Autor: Fran Alonso Editorial: Xerais

Colección: Sopa de libros ISBN: 9788491213673 Nº de páxinas: 112 páxs

Sinopse:

Fran Alonso volve sorprender desde a poesía infantil e xuvenil, cunha ollada interdisciplinar, fundindo a frescura e a forza dos versos coa improvisación rebelde da "street art". Este é un libro de poemas inconformistas, críticos, gamberros e combativos; disparos de graffiti que poderían ser escritos nos muros e rapeados con pintura nas paredes, seguindo a estela da arte na rúa, un libro que procura espazos de confluencia entre as artes plásticas e a poesía. Os poemas de "Street Poems", volven mostrarnos un autor atrevido, capaz de actualizar e sacudir o lectorado de poesía infantil e xuvenil.

Volve un dos grandes referentes en poesía infantil da nosa literatura cun libro tan peculiar como "gamberro" no que os xogos entre poesía e artes plásticas abundan e sinalan unha nova dirección posible para o futuro da poesía. Un libro moi dinámico que propón moitos tipos de lectura e intercambia formatos a vontade do autor.

En Street Poems as composicións pictórico-poéticas teñen moito de working progress e de traballo en cadea. Fran Alonso presenta a obra dos artistas da street art como inacabada, ou máis ben ampliable, e a poesía como un elemento de liberdade, que se escorre entre os dedos e que é inconformista. "Un globo" que ten vontade propia e que busca voar lonxe dos límites. A arte como liberdade absoluta.

Coido que os rapaces atoparán neste libro, que a priori poderá parecer extravagante, unha forma de achegarse a poesía dende outras manifestacións artísticas propias da súa xeración. Con isto teño por intención que este non é un poemario ilustrado, senón que este libro constrúese mediante a combinación de elementos plásticos e literarios. Os propios lectores poderán ampliar este "xogo artístico" de forma ilimitada introducindo novos elementos. A poesía de Fran Alonso convida a iso.

Creo interesante sinalar que todas as obras teñen sinalados os seus dereitos de autoría e referencias a onde poder atopalas. Para moitos estes "actos vandálicos" dos grafiteiros non son expresións artísticas e penso que acreditar os creadores axuda moito a que os lectores máis novos valoren o contido artístico do seu traballo. Tamén esa xeolocalización permite tecer un mapa literario-urbano de cada unha das cidades que teñen representación neste libro.

En resumo, Fran Alonso volve cun libro de poemas que busca achegarse ó público infantil mediante a busca de novos referentes e linguaxes poéticas que fagan do consumo da poesía un xogo, unha experiencia dinámica e, como non, un globo.

#Recensión

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

enumerar motivos para debuxar unha balea

 

para crer nun espírito navegante que non temos

para delimitar o medo

para valernos dela na fuxida

para botar de menos unha viaxe

unha en concreto

para debuxar un bazar e disfrazala de elefante

porque teñen a forma das distancias

porque dentro dunha balea o ceo está limpo e non hai dor

para pintala sorrindo e poñerlle flores ou peixiños pequenos

para facer unha metáfora de todas as traxectorias

para que sexa a proa na reconquista da paisaxe

para representar o tamaño da tristeza

para pensar nas palabras coas que explicar o debuxo.

Eduardo Estévez, de baleas 

(Caldeirón, 2017)  

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com