Manuel Gago: "Quería escribir unha historia que cambiara o paso, que falase dos guerrilleiros d


Manuel Gago Mariño (Palmeira, 1976) é vilego, da Pobra do Caramiñal. Xornalista e divulgador, dirixe o portal culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega e é profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Edita o blog Capítulo Cero desde 2003 e desenvolve numerosas iniciativas de difusión arqueolóxica e cultural por todo o país. Entre as súas últimas publicacións atópanse "Herdeiros pola forza. Poder patrimonio e sociedade en Galicia", e as ficcións "Vento e Chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia" (Xerais, 2013), "O anxo negro" (Xerais, 2016) e "O exército de fume" (Xerais, 2018).

Texto: Bio do autor na web de Xerais.

Fotografía: Sole Felloza

- Para comezar cunha idea potente. Como profesor, divulgador e xornalista é evidente que hai unha vinculación da súa personalidade cara a escrita. Tamén foi así dende sempre coa ficción literaria?

Si, xa desde moi novo, escribindo, como devorador de libros e como parte do meu traballo como xornalista cultural. Durante bastantes anos canalicei boa parte da miña escrita para determinado tipo de formatos de comunicación académicos, xornalísticos ou de escrita dixital coma o blog Capítulo Cero. Xa que logo, textos máis breves, para unha comunicación máis rápida e directa cos lectores. Foi a partir de 2012 cando decidín comezar a explorar o ámbito literario. Tiven unha baixa prolongada no tempo que me permitiu pasar uns meses de vida doméstica nos que puiden estar concentrado na creación.

De aí naceu Vento e Chuvia, unha colección de relatos mitolóxicos ambientados na Idade do Ferro, pero tamén a disciplina e o ánimo de comezar a desenvolver narrativas escritas de máis longo alento. Ten que ver, na miña percepción, cos cambios da vida, tamén físicos. Cando te vas aproximando os corenta, un día descobres que estás nunha encrucillada entre o vivido, o aprendido e aínda tes, en teoría, unha certa distancia de futuro. Xa es plenamente consciente de moitos dos teus límites, tanto vitais como intelectuais, pero ao mesmo tempo o teu pasado pasou de ser un recordo instrumental e pouco útil a converterse, el mesmo, nunha especie de relato que fas de ti mesmo. O que se vén chamando madurez, vaia. E para contar o que sentía preciso contar, para organizar o que me pasaba pola miña cabeza, a literatura revelouse coma o mellor formato. Sempre tiven unha mentalidade transmedia: cando intúo que algo debe ser contado nun soporte e dun xeito específico, non dubido en aprender esa linguaxe.

E hai outra cousa: escribo as novelas que me gustaría ler. Coido que moita da literatura parte da idea de ausencia. Alguén que percibe que no mundo falta unha idea, e pasas tempo dándolle forma a esa idea para que estea no mundo.

- Cal é o xerme de O exército de fume (Xerais, 2018)?

Non adoito ter unha especie de big-bang creativo. Hai moitos xermes que acaban por fermentar xuntos, ás veces a partir de catalizadores absurdos. En O exército de fume converxeron varias historias que serían longas de contar, pero podería mencionar brevemente algúns vértices. Por unha banda, unha convalecencia miña con varios soldados británicos feridos en Afganistán. O goberno británico tiña un programa para ir reintegrando a aqueles homes á sociedade. Despois de pasar a primeira fase en hospitais militares, aqueles rapaces, con membros amputados, transferíanse a un hospital civil, onde eu os coñecín. Faláronme da guerra. Pasaban as noites chorando e berrando, atrapados no recordo da experiencia traumática que os deixara sen unha perna ou un brazo. Condenados, coma nun pórtico románico, a revivir o inferno unha e outra vez. Aquilo orientoume emocionalmente cara a guerra.

Booktrailer de O exército de fume de Manuel Gago

O segundo vértice era unha lembranza moi anterior. Eu son do Barbanza, de familia de mariñeiros. Alí os alemáns e a II Guerra Mundial estaban ben presentes no recordo, mesmo imbrincados coa miña familia, como un secreto que se garda a voces. E, como dicía antes, todo recordo é en realidade xa un relato que nos quere dicir algo sobre nós mesmos. De maior conectei este mundo do que escoitara cos grandes (e pequenos) feitos do conflito bélico. E o terceiro vértice ten que ver coa miña afección ao subxénero das películas de espionaxe e sabotaxe da II Guerra Mundial, esas películas sobre as resistencias aos nazis. Adoro ese cine no que grupos heteroxéneos de xente, con diferentes motivacións, son capaces de facer algo impresionante.

- As dúas novelas publicadas ata o de agora son de ficción histórica. Séntese cómodo nesta tendencia ou tamén ten pensado traballar noutros eidos?

Pásame unha cousa ben curiosa. No ámbito profesional da divulgación histórica, traballo sobre todo coa prehistoria e co mundo medieval. Pero nas miñas ficcións presto atención a outras épocas. Hai amigos que se descolocan moito con iso, porque non saben que levo anos lendo e traballando en silencio sobre esas outras épocas, coma o século XVI no caso de O Anxo Negro ou 1942 no caso de O exército de fume. En realidade, resúltame máis cómodo facer ficción de base histórica en épocas coas que non traballo habitualmente en termos de divulgación científica. De todos os xeitos, estou convencido que a ficción histórica é un pretexto para narrar outras cuestións que son transversais, xa de carácter máis literario. De feito, eu sempre advirto que unha novela é ficción, e polo tanto non é Historia nin debe aspirar a selo. En O exército de fume, por exemplo, o material está constituído por historia, por lenda e por ficción, que son tres cousas ben distintas entre si, e dase a paradoxa de que hai moita documentación fiel para detalles moi pequenos, pero despois o esquema xeral dos feitos non se axusta ás realidades históricas porque as eleccións son literarias. O bo que ten comezar a escribir na madurez é que tes bastante claro cal é o teu programa literario, cara onde queres ir na túa obra. Comezamos con este xeito; aínda hai que traballar bastante nel. Logo iremos a outros.

- As dúas novelas teñen en común, entre outras cousas, a súa localización en Galicia…

Si, pero é unha Galicia que, nos dous casos, está conectada con outras partes do mundo. Curiosamente, nas dúas novelas, as Illas Británicas teñen unha presenza importante. Aquí hai unha obsesión miña, que é o feito de loitar contra a idea de que estamos situados nunha periferia.

- O exército de fume constitúe tamén unha homenaxe a aquelas persoas sen nome propio nos libros de historia que participaron dunha da situacións máis complicadas da da historia do país.

Cando comisariei a exposición “Galicia 100” do Consello da Cultura Galega, que escolmaba cen obxectos para contar a cultura e a historia do país, empeñeime en facer eu sempre a visita guiada dos xoves á exposición en Compostela. E moitas veces sumábanse persoas de certa idade que percibía un pouco descolocadas na dinámica dunha visita guiada a unha exposición. Cando chegabamos diante do mosquetón de Foucellas, o lendario guerrilleiro Benigno Andrade, quedaban alí parados. Ás veces choraban discretamente, nunha esquina, mentres seguiamos coa visita. Eran fillos de labregos e labregas que protexeran o guerrilleiro no interior da provincia da Coruña, vellas que o coñeceran de nenas e, por algún motivo, se enteraron de que o mosquetón estaba exposto en Compostela (en realidade, está sempre no Museo Militar da Coruña, pero ou non o sabían ou non querían sabelo). Quedaban alí mirando para o mosquetón, sen dicir nada. Poucas veces fun quen de sacarlles unhas palabras, comprender mellor as motivacións de por que viñan alí, aínda que ás veces me agasallaban con historias fascinantes e cheas de admiración por el. Para eles, Foucellas era unha especie de heroe, pero un heroe oculto, un mártir que nunca pasou, con ese sentido, ao imaxinario colectivo galego, que foi deixado atrás. Aquel era un relato dun perdedor e como perdedores, ao seu xeito, sentíanse eles. Impresionoume moito aquelo: aqueles heroes de voz baixa, abandonados no transcurso da historia a pesar de que houbo pouca xente que se sacrificara coma eles.

Lourenzo Fernández Prieto explica o mosquetón de Foucellas para a exposición Galicia 100 (Consello da Cultura Galega)

Pregunteime por que algo tan heroico e de tanto impacto emocional como a guerrilla, a resistencia galega, case non está nin presente na cultura galega actual, agás en pequenos grupos moi especializados en temas de memoria republicana. E sabes por que? Porque perderon. Alí onde os partisanos de Francia, Noruega, Creta, os Balcáns ou Italia gañaron, os nosos perderon. Que o noso silencio actual sobre eles teña que ver con esa perda, coas toneladas de propaganda posterior, é algo que me remexe por dentro. Son figuras esquencidas de algún xeito porque quedaron sen herdeiros. Non encaixan con comodidade nos relatos nos que desde o presente contamos o noso pasado. É imposible renunciar a ese material literario construído a partir de silencios e elusións. Así que quixen escribir unha historia da resistencia galega na que xogase un papel fundamental, no momento do seu auxe. Por algún motivo, case todo o que se escribiu, ficcionalmente, sobre a guerrilla ten que ver coa súa derrota, pero esa xente foi quen de combater durante anos e poñer contra a parede, moitas veces, a un Estado, con medios moi limitados, na esperanza de conseguir a liberdade. Vou descubrindo o medo que moitas veces temos os galegos á imaxinación. A imaxinación non é libre. Está atrapada nas paredes dos nosos conflitos e prexuízos. Quería escribir unha historia que cambiara o paso, que falase da resistencia galega doutro xeito: sen eludir os luscofuscos, porque os heroes do século XXI son imperfectos e cheos de contradicións. Pero iso é do que quería falar. De heroes, homes e mulleres que tomaron unha elección, a máis difícil de todas as que se podían tomar nesa época. E a miña homenaxe para eles non era reconstruír con precisión episodios concretos: a miña homenaxe é imaxinalos literariamente, ir máis alá, poñelos nun contexto que, a priori, algúns me dixeron que era “imposible”, porque ese tipo de accións podía facelas o maquis francés, dos Balcáns, cretense ou noruego pero non o galego. Nesta ficción, como nas propias lendas, hai unha de realidade, como a colaboración entre a guerrilla do país e a espionaxe aliada e mesmo o SOE, o servizo de operacións especiais británico, así como outros detalles máis agachados e calados. Pero o que quero é ir máis alá, deixar voar sen medo a imaxinación, crebar unha barreira do que cremos imposible. Na miña experiencia falando con todo tipo de xentes ao longo de todo este país, teño atopado estes heroes perdidos e silenciosos. Heroes que case non existen na historia e desde logo no noso imaxinario. Neste país a idea de heroe individual está penalizada. Hai moitas explicacións para isto e levaría tempo debullalas. Pero teñen moito que ver con quen somos no presente. Por iso digo que a Historia, como ambientación literaria, é moitas veces tan só un pretexto.

- Unha mestra, un guerrilleiro de zona e un pintor son os personaxes que, sen aparente relación, constituirán esta historia. Hai algunha razón concreta da elección destes personaxes?

Si, ten que ver coa idea dunha rede de espionaxe e de acción. Estas redes eran tremendamente heteroxéneas. De feito, para seren eficaces, debían implicar a xente de moitos ámbitos xeográficos e sociais distintos. E, moitas veces, un podía estar contribuíndo á resistencia ou á espionaxe sen ter unha idea clara das dimensións da rede. De feito, era mellor non ter esa idea. A diversidade de personaxes permíteme tamén achegarme á idea do pasado persoal. Cada unha das tres personaxes principais: Celia a mestra, Urbano Lugrís o pintor e o guerrilleiro Ramallo, teñen un pasado que de algún xeito atrapa parte do seu presente. A novela investiga como ese pasado ás veces pode aflorar de xeitos distintos e influír nas decisións.

- Para rematar, ten algún traballo en marcha do que poida adiantarnos algo?

Teño, teño varios, pero non me gusta adiantar os proxectos en proceso porque é o mellor xeito de non dalos rematado.

É como as teses de doutoramento: o que levas peor cando fas a tese é cando os teus compañeiros ou os profesores te preguntan por ela. Pois coa literatura igual.

O meu xeito de traballo non vai tanto ás veces polas ideas como polos tons. Preciso atopar a voz desde a que contar unha historia. Na miña cabeza bulen sempre ducias de historias, que acoden recorrentemente como eses soños que se repiten, os de voar ou de camiñar sen parar... Hai un día no que tento escribir varias páxinas ao redor da idea que está máis presente. É como se precisara saber en que clave se debe tocar esa historia. Se o consigo, a novela aínda vai repousar na cabeza máis tempo, e vouna pensando mentres fago tarefas mecánicas no campo: desbrozar, augar, Ata que chega un momento no que estou preparado.

Así que nestes momentos estou nesas fases. Hai historias que xa están moi avanzadas e outras que van agromando e que se cadre aínda tarde dez anos en comezar a escribir. Non teño presa. Pero tampouco pausa.

#Entrevistas

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com