I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Arancha Nogueira: "Non hai nada máis perigoso para o mundo, para a arte, que o estatismo ou o conformismo"

June 20, 2018

Arancha Nogueira naceu na cidade de Ourense en setembro do 1989. Licenciada en Xornalismo e cun mestrado en Literatura comparada e Crítica Cultural, a súa vida transcorreu entre Madrid, Porto, Belfast e, por suposto, Ourense, a cidade das luces e as tebras, torturadora da poeta até o tempo presente e, porén, inspiradora de moitos dos seus versos. Durante este tempo, foi publicada en diversas antoloxías como Diario de Escalofríos, en 2008, ou Cuaderno de Legados, en 2010, así como en revistas literarias como a Revista Incendios, en 2011, o Fanzine As Lurpias (Día da Matria) en 2014, ou o Boletín Galego de Literatura en 2017.

Andar descalza, gañador do certame Francisco Añón de Poesía en 2013, é o seu primeiro poemario publicado.

No 2016 gaña o primeiro premio do certame de poesía da Universidade de Vigo con (A)fogar, publicándose nunha antoloxía coeditada por Xerais.

 

No 2017 gaña o primeiro premio de poesía do Concello de Ames, cunha antoloxía aínda pendente de publicar, o primeiro premio literario Mazarelos da USC e o segundo premio de poesía Xuventude Crea, da Xunta de Galicia, e participa no encontro de artistas Cultura que Une, entre Galiza e o norte de Portugal, cuxo fin é a edición dun libro de creación colectiva. No 2018, publica o poemario o único lugar onde ficar inmóbil coa editora luso-brasileira Urutau e limiar de Verónica Martínez Delgado.

Actualmente, reside en Santiago de Compostela e leva a cabo a súa tese de doutoramento baixo a dirección de Manuela Palacios González. Tamén forma parte da plataforma de crítica literaria feminista A Sega.

 

Texto: Bio da utora na AELG (editado)

Imaxe: Cedida pola autora

- Para comezar cunha idea potente. Qué supón a poesía para Arancha Nogueira?

 

A poesía supón moito, case todo, a nivel persoal e social. Desde nena, escribir foi para min un xeito de expresión nun mundo que moitas veces non nos permite expresarnos, ou o xulga, ou o censura. Escribir contra o silencio. Máis adiante, esa expresión converteuse en comunicación: xa non unilateral, senón nunha capacidade de dialogar, de conversar, con aquelas que te len. Penso que é unha capacidade marabillosa da literatura a de fornecer lazos alí onde non os había antes grazas a unha historia, un poema, un textiño, que chega a un alguén, e reconforta, trae memorias, esperta algo, crea identificacións. 

 

 Recital de poesía coa participación de Arancha Nogueira (Fonte: Youtube)


Mais alén desa parte máxica e interpersoal, esas identificacións son tamén azos para a acción (dicía Gabriel Celaya "unha arma cargada de futuro", e eu acredito niso). A poesía é para min un espazo de protesta, de sensibilización, de denuncia, de loita. E precisamente por esa capacidade de diálogo, un espazo de encontro e de irmandade para esa loita.

 

- Cal é o xerme de O único lugar onde ficar inmóbil (Urutau, 2018)?

 

A verdade é que o seu xerme foi unha desilusión tremenda con practicamente todo: comecei a escribir os poemas que agora conforman o único lugar onde ficar inmóbil nun momento duro na miña vida, e continuei escribindo sobre iso a medida que pasaba o tempo, a pesar de atoparme mellor, xa que estes últimos anos, a nivel social, foron tamén un enorme foco de desilusión. Se ben comezou como unha decepción profunda por unha perda emocional, pronto esta se universalizou (se podo definilo así) como unha decepción xeral, con respecto ao que acontece ao noso redor, a como avanza o mundo, a este capitalismo e patriarcado salvaxes que nos oprimen, nos silencian, nos deprimen, nos angustian. E que están en todas partes, irredentos.

Cuberta do poemario editado pola editora brasileira Urutau

 

- Neste poemario vese a desilusión coa sociedade e a necesaria implantación dunha perspectiva feminista de cara a un cambio…

 

Abofé. Mais tamén se reflicte o feminismo como continua aprendizaxe, coas súas contradiccións (necesarias, ás veces ignoradas), que para min representan en si mesma a loita feminista. Non é un poemario que avogue por unha solución única nin por un mundo ideal mudado polo feminismo. É un poemario de dúbida, de medo, de hastío; tamén de loita, mais dunha loita que ás veces cansa, que arremete contra a voz poética, que non sempre é victoriosa. Que tampouco cesa. Que non quere caer en oposicións binarias. Ese é o feminismo de o único lugar onde ficar inmóbil.

 

- A meirande parte das novas grandes voces da poesía a nivel mundial son femininas. Pensa vostede que esa necesaria perspectiva feminista enriquece moitísmo máis a obra lírica?

 

Como feminista non podería dicir outra cousa! Pero tampouco me referiría á perspectiva feminisma como enriquecedora só da obra lírica, senón da concepción do mundo, e como tal, de toda obra que pretenda ser o que comentei na primeira pregunta: acción, protesta, loita. Penso que o feminismo é a arma necesaria para toda mudanza, imprescindíbel, e no espazo no que non hai hai mudanza, morre a creatividade. Nada máis perigoso para o mundo, para a arte, que o estatismo, o conformismo, o "sempre foi así". Polo tanto, como non podería enriquecer unha obra artística, do xénero que for?

 

- Nesta obra tamén é imprescindible salientar que o eu poético e o seu imaxinario esta moi marcado polo compoñente xeracional. Foi para vostede complicado o choque cunha realidade onde nada é “inmóbil”?

 

Desde logo. Cito moito a Bauman cando me preguntan sobre estas cousas, pero é que creo que esa súa definición de sociedade líquida non podería ser máis acaída. Evidentemente, o poemario non se basea só nunha experiencia autobiográfica, senón nalgo que tamén eu caracterizaría como xeracional: esa sensación de "estafa" xeralizada, de individualismo galopante, de falla de empatía, dunha dor que é imposíbel compartir con ninguén... Precisamente a voz poética se atopa illada, con dificultades para establecer vencellos coas súas iguais, incómoda nese constante usar e tirar, o cal é algo que penso que experimentamos moitas. 

 

- A poesía neste libro preséntase como un movemento de rebelión, un espazo de liberdade ou un lugar propio onde buscar o confort…

 

Ou como todo! É a ferramenta necesaria para dar voz a un suxeito poético invisibilizado pola súa contorna; é tamén o lugar onde verter todas esas contradiccións das que falaba sen xuízos; é o espazo onde ficar inmóbil na voráxine da mudanza constante: é, ante todo, casa, cando até a propia casa cae sobre si mesma.

 

 Entrevista a Arancha Nogueira en Auria TV (Fonte: Youtube)

 

- Como valoraría o estado actual da poesía en lingua galega?

 

Persoalmente, creo que a pesar de tratarse dun sistema literario minoritario e periférico, a situación da poesía galega é marabillosa. A producción é grande, estanse a facer moitas cousas que eu calificaría como vangarda poética e que me interesan moitísimo e ademais penso que as novas poetas mulleres galegas teñen unha calidade excepcional. Vivimos tamén nun momento no que estas novas poetas se entrecruzan con aquelas que levan escribindo desde mediados do século pasado, mulleres que admiro e respecto moitísimo, e esa intersección paréceme tamén moi interesante. Mágoa que moitas desas persoas que están a día de hoxe producindo moito e moi interesante non cheguen aos circuítos das grandes editoras, que publican basicamente os mesmos nomes e que silencian a unha parte da poesía galega actual que eu considero moi válida. Porén, tamén me interesan as estratexias de representación que se empregan alén do circuíto editorial, que á fin é un negocio: desde o mundo do fanzine á autoedición, a aposta por editoras pequenas (como é o meu caso), a poesía oral, a performance... 

 

- Para rematar. Ten algún proxecto do que poida adiantarnos algo?  

 

A segunda edición de o único lugar onde ficar inmóbil acaba de saír, e polo tanto temos en mente varias presentacións pola xeografía galega (por agora, podo confirmar Ourense, no Moucho o 22 de xuño, e Vigo, no Uf o 7 de xullo). Alén diso, estou preparando textos para unha antoloxía e teño en mente algunhas cousiñas para un vindeiro libro, bastante relacionadas con esta sensación de desacougo da que vimos falando. Aínda non podo contar moito máis!

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com