Marta Lado Insua: "Traballar na nosa lingua non só nos distingue senón que nos fai máis verdade


Marta Lado Insua é licenciada en Arte Dramático pola Esad de Galicia e comezou a súa formación como actriz no teatro universitario, baixo a direción de Pepa Barreiro, e na compañía profesional Lope de Vigo. O seu proceso de formación é constante, polo que participa en diversos cursos de interpretación, doblaxe, mimo e gramática corporal, clown e guión. En 2016 recibe o premio á Mellor Actriz no XXI Festival de Cinespaña de Toulouse, Francia, polo seu papel protagonista na película Sicixia, de Ignacio Vilar.

Formou parte do elenco en montaxes como Tartufo do CDG, baixo a direción de Carles Alfaro; Ubú Rei e Servidor de dos amos, de Talía Teatro; un espectáculo propio de narración oral ou unha xira por Reino Unido, coa obra En el campamento, dirixida por Andrew Badwell. Traballou en series de televisión como Serramoura, de Voz Audiovisual, o El Faro, serie de la Forta, aínda que entre as súas experiencias constan distintas participacións como actriz e monologuista en programas para a Televisión de Galicia: Con Amor e compañía, A Casa da Conexa ou Quen Toca. Entre outros traballos como guionista, escribe e dirixe a curta Señora, producido pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Texto: Marta Lado Insúa (Edición e traducción de David González)

Fotografía: Emilio Rodríguez

- Cando decidiches ser actriz? Lembras a primeira vez que actuaches? Como foi?

A primeira vez, que fun digamos "protagonista", foi en 2º curso de E.X.B. A profe fixo unha especie de casting no que os compañeiros elixían ós intérpretes da obra, que eran dous: un camareiro e un señor. A min déronme o de "señor" e cambiámolo a "señora". Eu non estaba moi conforme porque os diálogos da obra, que era en castelán, dicían: "-Camarero, camarero. -¿Qué desea el caballero?". E claro cambiámolo por: "¿Qué desea la señora?". Non era o mesmo. Advertín da perda da rima, pero deu igual, os compañeiros estaban conformes e a profe tamén. Pensándoo agora foi o meu primeiro acto protesta pola falta de papeis femininos na ficción; unha loita na que continuamos a día de hoxe. É curioso que, hai pouco, presentamos na Comisión de Igualdade da Asociación de actores e actrices unha curta reivindicativa que escribín e que tamén se chama coma aquel personaxe, “Señora”.

Curta "Señora" escrita por Marta Lado Insua. (Fonte: Youtube)

Dende moi pequena sabía que me gustaba interpretar, participaba no colexio, na representación da Semana Santa de Fisterra... pero non era quen de atreverme a presentar o tema na miña casa, e menos como profesión. Nin sequera era moi consciente de que o falaba en alto ata que miña nai empezou a animarme para que me apuntara nalgún grupo de teatro na Universidade. De feito colleume moi por sorpresa cando me propuxeron entrar nun deles porque unha amiga, sen eu sabelo, lles dixo que estaría interesada. Decidín dedicarme a isto en exclusividade e estudar arte dramático cando comprobei que non era feliz facendo outra cousa.

Fotografía do primeiro papel e participación de Marta Lado Insua nun espectáculo teatral. (Imaxe cedida pola entrevistada)

- En teatro temos actualmente a oportunidade de vela co espectáculo O servidor de dous amos e tamén con Ubú rey, ambas con Talía Teatro. Como é traballar con esta compañía?

Pois sobre todo é divertido. É unha compañía de actores e actrices con moita experiencia pero que son xente nova, inqueda e con moito sentido do humor, polo que o ambiente que se crea é de moi bo rollo. Dende o primeiro momento tomeino como unha oportunidade, xa que non é fácil, ou non mo parece a min, entrar nunha compañía consolidada en Galicia, e aprender tanto da experiencia coma do funcionamento. É un privilexio ademais porque Talía ten moita actividade ó longo do ano, tanto polas obras como polas escolas, e pola importancia que lle dá Artur, como xefe, pero igual os compañeiros, á profesionalidade e dignificación do oficio.

Trailer de Ubú rei de Talía Teatro (Fonte: Youtube)

- Tamén puidemos vela en Tartufo do Centro Dramático Galego. Como valora o resultado do espectáculo e o seu propio papel nel?

Valorar o resultado dun espectáculo no que estás involucrado fáiseme máis ca complicado. Os actores e actrices sempre falamos dos procesos e do que aprendemos. Cousas que seguramente non interesan a case ninguén, pero son certas. Moitas veces témonos lamentado de non poder vernos como público, pero a opción que vexo, que sería o vídeo, resúltame menos atractiva ca o misterio.

Trailer de Tartufo en versión do CDG. (Fonte: Youtube)

Desfrutei moito de todo o traballo. Carles Alfaro primaba a análise do texto e busca dos subtextos, que é o do que máis me apaixona, e a composición dos personaxes. Sorprendeume, pola idea preconcibida que levaba da obra, que non procuraba artificios para conseguir a risa, senón máis ben explorar as relacións entre os personaxes en cada circunstancia. Así que eu só tiña que xogar, case toda a obra coa espléndida Dorinda que fixo Rebeca Montero, e deixarme levar polos olliños transparentes do Valerio de Xoán Fórneas e pola forza de César Cambeiro.

- Cando coñeceu que participaría en Sicixia (2016)? Pode falarnos da súa personaxe?

Pois xa na rodaxe de Vilamor, Ignacio Vilar e Tamara Canosa estaban comezando a artellar o argumento dunha nova peli na que as actrices estiveran involucradas desde o comezo participando no proceso de escritura. Despois do primeiro ensaio dunha das escenas que íamos rodar falaron entre eles e decidiron falar comigo para propoñermo. Desde aí pasou moito tempo e cada un demos moitas voltas ata chegar a Sicixia, pero o comezo foi ese.

Trailer de Sicixia (2017) dirixida por Ignacio Vilar. (Fonte: Youtube)

- Con esta película recibiu o galardón á Mellor Actriz no Festival Cinespaña de Tolouse…

Foi unha sorpresa total. Cando foi o festival non tiña nin idea de que podía pasar coa peli, ¡eu nin sequera a vira aínda! Non puiden ir porque estaba traballando no teatro. Era o primeiro contacto que íamos ter co público e xogando fora. Gardaba a esperanza de que puidesen darnos o galardón nalgunha categoría, polos comentarios que me trasladaban os compañeiros do que ían percibindo do público, pero sabendo as actrices que estaban nunca pensei que puidera ser a miña. De feito, cando me chamou o Presidente do festival para comunicarmo díxenlle que non entendía nada, e el, que seica é moi bromista, desculpouse polo seu “non moi bo español”. Doume moita pena non ir pero foi moi fermoso despois cando puiden ir a París para a estrea, a acollida que nos deron “Espagnolas en París” e como se interesaban polo premio e polo meu traballo.

- Xa traballara con Ignacio Vilar en Vilamor (2012)…

Foi unha experiencia completamente distinta. En Vilamor eramos un montón de actores novos que fixemos pandilla e vivímolo case como un campamento. Fixemos un pouco comuna dentro e fora do set de rodaxe. Era un equipo grande e, salvo os protagonistas, tiñamos menos tempo de relación co director. En Sicixia eramos unha expedición. Un equipo pequeno, con cámara ó ombreiro e a subir e baixar montes todos xuntos. Foron moitas máis horas de conversas, acordos e desacordos nunha experiencia moi intensa.

Trailer de Vilamor (2012) dirixida por Ignacio Vilar. (Fonte: Youtube)

- Entre os teus intereses tamén está a parte inicial do proceso creativo, o guión. Ten algunha peza propia gardada nalgún caixón?

Gardadas teño sobre todo pequenas curtas resultado de prácticas da escola de guión. Pezas que se me ocorren e perfilo pero desboto, ideas... Case calquera anécdota ou problema que percibo os vexo en “modo guión”. Ás veces resúltame un medio máis fácil para expresar a miña visión das cousas, sobre todo cando son temas que me producen carraxe e que se os expresara en narrativa non sabería prescindir de insultos. O que teño riba do escritorio é unha peza persoal que avanza comigo moi amodo, e sospeito que aínda seguirá así un tempo, agardando os momentos en que medro eu para medrar ela.

- Como valoraría o momento actual do teatro e o cine en galego?

No teatro penso que sempre houbo máis conciencia de que non pode non haber teatro en galego. Quizais porque por tradición o relacionamos máis coa cultura, quizais porque pode ser menos imposible prescindir da xente dos negocios para levar adiante un proxecto. Pero o cine non pode subsistir sen industria e a industria só apoia aquilo onde ve negocio. Por sorte parece que empezamos a darnos conta de que nun sector tan ateigado de oferta calquera elemento diferencial pode ser unha vantaxe, e o galego é unha diferencia. Traballar na nosa lingua non só nos distingue senón que nos fai máis verdadeiros, e eu penso que o público aprecia o verdadeiro.

- Para rematar. Ten algún proxecto en mente ou en curso do que poida adiantarnos algo?

Pois desde que estiven no Fiot de Carballo o pasado outono quedoume o “verme” dos contos ás voltas. Teño moito respecto polas contadoras e contadores e por iso sempre o repenso moito antes de aceptar subirme ó escenario, pero tampouco me gusta quedar coas ganas de nada se teño oportunidade.


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com