I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Recensión: Antía Yáñez, Senlleiras

July 20, 2018

 

Título: Senlleiras

Autora: Antía Yáñez

Editorial: Galaxia

Colección: Literaria

ISBN:  9788491511908

Nº de páxinas: 356 páxs

Sinopse:

 

A novela das mulleres que rachan co silencio.

Unha influencer sobe unha foto ás redes sociais onde aparece unha man fantasma. Xusto unha semana máis tarde, a moza é atopada morta.

A partir deste fío técense as vidas de varias mulleres de diferentes séculos. Mulleres que tiveron que vivir as súas vidas supeditadas ás dos seus homes, baixo as estritas normas non escritas (ou si) que as sinalaban como inferiores. Mulleres que, cando intentaron recuperar o único que lles pertencía por dereito, a súa vida, viron como ata esta lles podía ser arrebatada.

Tempos que semellan totalmente diferentes, pero que non o son tanto. Mulleres senlleiras que merecen ser lembradas.

 

PREMIO DE NARRATIVA ILLA NOVA 2018

Tras o éxito de O misterio de Portomarín, Antía Yáñez volve cunha novela, Senlleiras, que foi a gañadora do II Premio Illa Nova concedido pola editorial Galaxia. Unha novela con carácter, reivindicativa, de peso e que, sen dúbida, ten voz propia.

 

Gústame falar deste libro como un proxecto persoal de arqueoloxía social no que autora afonda nas raíces do sistema patriarcal e a figura da muller no mesmo e que vai debullando unha historia chea de inxustizas. A súa perspectiva feminista faino imprescindible pola brillante análise das situacións cotiás que normalizou o sistema. Unha novela de mulleres que sofren cada día simplemente polo feito de selo.

 

Alana non entendía por que era malo ser muller. Tiña dúas pernas e dous brazos coma o resto de compañeiros da escola, todo homes. Era máis forte que Camilo, o esmirrado do muíño; contaba con mellor puntería que a meirande parte dos rapaces xogando á chave e, nas carreiras, remataba sempre de primeira. Non sabía que era o que lles daba máis rabia aos seus compañeiros: que unha nena fose máis intelixente ou que lles gañase correndo. Máis ben o segundo. (páx. 50)

 

Ó mesmo tempo a novela ten moito de xeracional, xa non so na elección dos ambientes e a configuración dos personaxes, senón nas súas referencias a nivel léxico e as preocupacións que reproduce. Este contido millennial é unha axuda imprescindible para xogar cos diferentes espazos e aspectos temporais. Grazas as referencias e os diferentes rexistros recoñecemos instantaneamente en que momento nos atopamos sen precisar de referencias temporais nos capítulos ou nos discursos. Tamén favorece unha lectura dinámica atoparnos con textos incrustados en correos electrónicos, whatsapps ou artigos.

 

Puta titulitis española, en serio. Non es nada se non tes o teu puto papeliño. (páx. 77)

 

Senlleiras tamén é unha novela de voces, que racha co silencio e aporta ás vítimas a posibilidade de contar a súa historia. Sen embargo, non peca en ningún momento de ser unha historia onde as voces se solapan ata ser un coro banal ou un exercicio literario ideolóxico-discursivo. Nesta novela tanto homes como mulleres son personaxes con voz e pensamento propios acompañados de un discurso, ás veces desagradablemente verosímil, acorde á súa visión da vida. Por ese motivo, a propia autora tampouco prescinde de dar voz ós suxeitos desta violencia física e simbólica que pensan nas mulleres en termos produtivos, como mercancías.

 

A Patri non está tan boa [...], que se lle vai facer. Pero para un apaño aínda dá. (páx. 45)

As mulleres sodes así todas, levádelo dentro. Por máis paus que vos dean para poñervos ao rego, segudies igual. Non podedes evitalo: é a vosa natureza. (páx.61)

Tamén era teimuda coma unha mula. Iso non era bo nunha muller, que diría o papá. (páx.130)

 

O narrador participa da crítica social mais déixanos a nós analizar esas situacións que ocorren na vida destas mulleres conectadas por diversos lazos. Amósanos tamén personaxes que moven á esperanza, critica o amor romántico como expresión máxima da toxicidade e ensínanos que o feminicidio só é a parte final dunha enorme lista de abusos. Especialmente relevante é o concepto de "situación", que se utiliza en sentenzas tan potentes como esta:

 

A meniña non sabía moi ben que significaba aquilo, pero a mamá non deixara de repetirlle que tiñan que estar moi agradecidas polo traballo que lles deran, a pesar “da súa situación”. Nunca ninguén lle dixera que situación era esa. (páx. 25)

 

Para rematar, coido que Senlleiras é máis que unha novela que racha co silencio ou que afonda nas vidas de mulleres para dar visibilidade a traxedia, non como feito puntual, senón como parte da vida diaria. É unha novela cun mensaxe reivindicativo e escrita dende o talento e a convicción de que noso é o poder de cambiar. Non quededes coas miñas palabras e lede a novela, mantede viva a mensaxe, reflexionade xunto cos personaxes e, por favor, nunca as esquezades. A Elas, ás senlleirAs.

 

 

 

 

 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com