Recensión: Andrea Maceiras, O que sei do silencio


Título: O que sei do silencio

Autora: Andrea Maceiras

Editorial: Xerais

ISBN: 9788491214021

Nº de páxinas: 224 páxs

Sinopse:

«Chámome Delia e son unha covarde. Esta é a historia de como acosamos a Silke durante os meses que estudou no noso instituto. E de como todo se nos foi das mans. Das miñas mans inútiles. E das manipuladoras mans de Xulia, Lara e Daniela. Das mans indiferentes de Marcos. Das sucias e miserables mans de Vítor. Das indecisas mans do meu irmán Iago. Diso vai este blog que acabo de abrir. Dos meses que pasei en silencio. Do que aprendín naqueles días da crueldade e da covardía. Isto é o que sei do silencio.»

"O que sei do silencio" é o relato estremecedor de como Delia se converteu en acosadora pasiva dunha rapaza inocente de 3º da ESO. Historia inspirada libremente nun suceso real, afonda dende voces diversas na xénese, desenvolvemento e consecuencias dun caso de acoso escolar. Unha novela necesaria que achega azos a todas aquelas persoas que ignoran o silencio e se fan fortes a si mesmas e ás demais a través das palabras.

Finalista do Premio Raíña Lupa 2017

As historias de Andrea Maceiras sempre son ben recibidas no mercado literario tanto pola súa calidade como polas súas diferentes temáticas dentro do ámbito xuvenil. O que sei do silencio (Finalista do Premio Raíña Lupa 2017) é a súa nova proposta narrativa na que asistimos ó relato dun caso de acoso dende a perspectiva dunha acosadora pasiva.

O primeiro dos elementos interesantes nesta obra é a escolla deste punto de vista. Delia é unha acosadora que pese a ser "pasiva" nunca oculta a súa parte de culpa neste problema. A covardía é o seu pecado capital e a escrita non xorde como terapia propia, senón como colectiva e catártica. A obra presenta a necesidade de falar sobre este tipo de casos, pedir axuda e por riba de todo, a valorar o poder das palabras.

Esta novela narrase a través de numerosos posts de Delia nun blogue no que diversas persoas externas comentan e a súa participación tamén é motivo de comentario nos post seguintes. A introdución de contos nalgúns posts tamén axudan a analizar dende unha perspectiva literaria e metafórica os temas ós que se da visibilidade na novela. Interesante é, polo tanto, acudir a estes contos en varias ocasións.

A historia ten todos os ingredientes para ser un éxito para o lectorado xuvenil aínda que considero que sería tamén interesante aportar un pouco máis de traxedia á propia trama. Considero moi positivo que a historia afonde na psicoloxía dende unha perspectiva moi analítica e que presente discursos directos e profundos, mais non estarían de máis algunhas doses máis negativas nas repercusións futuras deste tema na novela. A mensaxe, de todos modos, é completamente necesaria e polo tanto non podo máis que subscribila.

A de Andrea Maceiras é unha desas historias que enganchan, que teñen conciencia do seu destinatario e que se escriben dende unha posición activa e sensible. Sen dúbida, unha obra moi necesaria.

#Recensión

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com