Lito Vila Baleato: "Se son quen de conseguir algo tan complicado como proporcionar ao lector un


Lito Vila Baleato naceu en Alemaña en 1978, país onde é profesor de ensino secundario despois de medrar e estudar en Compostela. Publicou seis lecturas graduadas para escolares e público xuvenil que aprende castelán, ademais de diferentes series de libros de texto para educación secundaria. É fillo de emigrantes e membro do que el mesmo du en chamar "a xeración da burbulla", como presente no seu blog do xornal de Santiago de compostela El Correo Gallego, onde escribe e comenta dende a súa perspectiva na diáspora xermana. Campus Morte é a súa primeira novela en lingua galega e unha das finalistas do XV Premio Frei Martín Sarmiento.

Fotografía: Cedida polo autor

Texto: Bio na web de Galaxia + pequenas modificacións

- Cal é o xerme de Campus Morte?

A idea inicial de Campus morte ten a súa primeira orixe no meu propio ano como estudante Erasmus en Alemaña. Xa daquela pensei que a morte dunha rapaza de intercambio no campus compostelán podería ser o alicerce dunha boa historia. O resto da trama foi xurdindo pouco a pouco e foi variando durante o propio proceso da escrita, incorporando situación, e incluso personaxes, que eu, como calquera universitario que estudou na USC, viviu e coñeceu na Compostela dos noventa e na primeira década do milenio.

- Aínda que vive e traballa no extranxeiro, a historia desenvólvese na cidade de Santiago, onde vostede estudou. Esta novela é unha débeda coa terra ou un exercicio de morriña?

Se alguén ten unha débeda, creo que esa é a nosa terra ou, mellor dito, os responsables dunha crise económica que, de novo, obrigou a toda unha xeración a emigrar e, polo tanto, a sentir esa morriña tan intrínseca nos galegos.

Eu pertenzo ao grupo de universitarios que fixo a maleta por vontade propia, con moitas gañas de coñecer e aprender, pero coa completa convicción de que o meu futuro estaría en Galicia.

Penso que vivir no estranxeiro (sempre que sexa de xeito voluntario) é unha experiencia moi recomendable e que nos proporciona outra perspectiva do noso, aumentando a nosa obxectividade e actitude crítica.

Aínda que considero outras localizacións moi atractivas, desfrutei viaxando coa escrita a eses lugares nos que, lamentablemente, non podo estar físicamente a diario. Santiago de Compostela segue a parecerme, aínda asulagada de turistas, a mellor cidade para vivir de todas as que coñezo.

- Supoño que tamén este Iago Miranda é un pouco un alterego do autor…

Non é a primeira vez que me fan esta pregunta. Se ben é certo que temos perfís con características comúns e incluso o meu protagonista leva o nome do meu fillo e o apelido do meu pai (a quen está adicada a novela), o certo é que Iago Miranda e Lito Vila Baleato son dous entes totalmente distintos e con características moi diferentes. De feito, se el traballa na universidade en Hannover e non na de Paderborn (onde eu din clases durante máis de tres anos) é precisamente por marcar de xeito expreso esa distancia e evitar a identificación.

Tanto no protagonista como en outros personaxes de “Campus morte” pódense encontrar retazos persoais, así como chiscadelas a familiares e amigos, pero todas as figuras relevantes da novela son ficcionais.

Agás a aparición do cadáver dun home de mediana idade moi preto do lugar onde se descobre o corpo de Katrin Brinkmann (nova que lin na prensa local e que decidín introducir espontáneamente durante o proceso da escrita), o resto da trama non ten base real en absoluto.

- É vostede consumidor habitual de novela negra?

Son moi lector de novelas de diferentes estilos, a ser posible, alternando galego, castelán e alemán nas miñas lecturas. Posiblemente a novela negra si sexa o meu xénero favorito, así que aproveitarei a ocasión para romper unha lanza no seu favor frente aos que insisten en colgarlle a etiqueta de xénero cativo ou asociala de seu a unha menor calidade literaria.

Supoño que coma todo o mundo, teño momentos nos que me apetece ler algo máis denso, pero tamén me presta (e moito!) meterlle o dente a novelas que conseguen ese dificilísimo obxectivo de enganchar e entreter o lector dende unha aparente lixeireza que, en realidade, pode ser moi complexa.

- Sorprendeulle o ben que o público e crítica recibiu o libro?

Estou sorprendido e sobre todo moi agradecido. Conseguir unha segunda edición no mercado galego en pouco máis dun mes sendo un completo descoñecido resulta incrible; pero acadar unha terceira edición en tres meses debe rozar o milagre. Son consciente de que todo isto é posible grazas a Francisco Castro como editor e director de Galaxia, que creu e apostou persoalmente dende o principio por este proxecto.

É difícil describir a satisfacción de dar un paseo por Compostela e atopar “Campus morte” nos escaparates de prácticamente todos as librarías, o que indica a espectacular acollida que a novela tivo en Santiago. É de agredecer ademáis o apoio recibido por libreiros amigos como os irmáns Couceiro, libraría onde fixemos a presentación, Nathalie Budiño de “Os mundos de Carlota” ou Noemí Varela da “Librería San Pablo”.

María Couceiro recomenda Campus Morte. (Fonte: Youtube)

Ler o que sobre Campus morte escribiron figuras tan importantes das nosas letras e que admiro tanto como Diego Ameixeiras, Ramón Nicolás ou Pedro Feijoo éncheme de orgullo. As palabras de compañeiros como Arantza Portabales ou Anna R. Figueiredo e críticas tan positivas como a de Pilar Ponte son agasallos que teñen o seu mellor complemento na gran cantidade de comentarios e fotos de lectores que recibín nestes meses dende lugares tan dispares como Oxford, Londres, Nova York, París ou China.

Dos moitos comentarios que me fixeron os lectores, posiblemente os que máis que me prestan son os de aqueles que confesan que Campus morte é a primeira lectura que fan en galego dende hai moitos anos, algún incluso dende a súa etapa escolar. Ler algo así supón realmente unha gran satisfacción.

- Cal era a súa intención con esta novela?

A miña principal e humilde intención con Campus morte é a de entreter, achegándolle ao lector unha trama de fácil lectura, incluso para lectores pouco habituais, coa pretensión de xerar a curiosidade que o alente a continuar coa historia. A módica extensión da novela e a brevidade dos capítulos non é algo casual. Tamén procurei reflexar un uso do galego alonxado de artificialidades, mantendo o estilo propio dun xénero e dun contexto tan “de rúa”.

Na novela tamén están máis ou menos soterradas diferentes críticas a temas de actualidade social, pero se con “Campus morte” son quen de conseguir algo tan complicado como proporcionar ao lector un anaco entretido, xa me dou por máis que satisfeito.

- Ten algún proxecto en marcha do que poida adiantarnos algo?

Eu empecei a publicar hai case dez anos no mundo editorial didáctico en Alemaña e na actualidade teño varios frentes abertos neste eido. Nos próximos meses sairán do prelo varias lecturas para estudiantes alemáns que aprenden castelán como lingua estranxeira; pero teño moitas ganas de darlle continuidade ás andanzas de Iago Miranda.

Na miña cabeza bailan un par de ideas que poderían ser alicerce para unha nova trama e podo imaxinar que lle seguirei a dar protagonismo a Compostela e ao meu barrio de San Pedro.

Finalmente, gustaríame aproveitar para agradecerte esta entrevista, así como os azos de todos os amigos e lectores que me animan a continuar escribindo. Vontade e traballo non han de faltar para que o soño dunha segunda novela en galego sexa algún día realidade.

#Entrevistas

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com