I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Noelia Gómez: "O poema é como unha parte do corpo e ao mesmo tempo é o alimento que o nutre"

February 7, 2019

 

Noelia Gómez (Rianxo, 1995) é graduada en Xornalismo e ten un mestrado en Estudos Comparativos de Literatura, Arte e Pensamento pola Universitat Pompeu Fabra. En 2015 gañou o Torneo de Poesía Recitada Ferve a Lingua. Forma parte da antoloxía poética No seu despregar (2016). Publicou en libros colectivos como 7 Relatos curtos contra a violencia de xénero (2015), Cultura que Une. Ribeira Sacra-Douro (2018); e en revistas como Madrygal ou Dorna. O xiro obtivo, en 2018, o V Premio de Poesía Gonzalo López Abente.

 

 

 

 

 

 

Texto: Ficha da autora na web de Xerais

Fotografía: Carlos Rei

- Como definiría Noelia Gómez a súa poética? Cales son as chaves? Cales son os seus intereses literarios?

 

É difícil definirse a unha mesma, digo a unha mesma porque para min a miña poética e o meu eu conflúen. O poema é como unha parte do corpo e ao mesmo tempo é o alimento que o nutre. Entendo a poesía como ese lugar no que a imaxe, a palabra, o pensamento e o son se dan a man. É un entender a creación desde a vertente emocional e racional. O poema como ese lugar no que alcanzamos a éxtase. No poético interésanme elementos que están presente en O xiro, como son o corpo, a casa, o familiar, o frío, o corte, o que está en movemento. A colectividade. O colectivo é un concepto fundamental no poemario. Un falar desde a pluralidade, porque somos pluralidade. E ligado a ese nós encontramos a cuestión de xénero. Ser a voz delas. 

 

 

- O xiro gañou o premio López Abente nun xurado onde estaban poetas da calidade de Eli Ríos ou Emma Pedreira. Imaxino que o recoñecemento a súa obra por parte dun xurado como este tivo que ser dobremente satisfactorio.

 

Lembro perfectamente o momento no que recibín aquela chamada telefónica. Ese momento tan vibrante e pletórico. Recibir unha chamada na que te comunican que o teu primeiro poemario acaba de gañar un premio como o Gonzalo López Abente e será publicado por unha casa tan grande como é Xerais, é un golpe de calor. Pero ademais, escoitar do outro lado as voces das inmensas Eli Ríos e Emma Pedreira, é como un estoupar. Foi moi emocionante. Estou moi feliz de que foran elas o xurado do premio. As primeiras en xirar.

 

 Noelia Gómez recolle o Premio Gonzalo López Abente. Fotografía: Ana García

 

- Este poemario, na miña opinión, fala moito dos espazos, tanto físicos coma abstractos, non so dende unha ollada feminista senon artística…

 

Interésame moito o espazo na creación poética. O poema é espazo e tempo. Adoro entrar nun texto e sentir que estou entrando nun cuarto. En O xiro o espazo está presente en todo momento. Contorno, a primeira parte do poemario, é espazo. Estamos no lugar, na casa de orixe, na casa de aldea, e nas vivencias vencelladas a ese espazo. No Eixe seguimos habitando espazos, e no Desprazamento estamos noutro espazo totalmente diferente. Estamos na cidade, no urbano, no material. Pero como cuestionas, non só se fala de espazos físicos ou abstractos, senón tamén artísticos. Poderiamos dicir que se fai referencia ao espazo da escrita. A escrita como algo tanxible e ao mesmo tempo con esa calidade de invisible que tanto a caracteriza. En O xiro está o espazo grego, atopamos esculturas en movemento como a Ménade. Ademais, dalgún xeito, o espazo persoal e o espazo colectivo conflúen neste movemento xiratorio. E por outra banda, hai unha reivindicación do espazo das mulleres. Do noso espazo no mundo, na escrita, cada día.

 
- A busca da identidade propia tamén é unha cuestión importante do libro. Considera que a busca da identidade é un mecanismo de atopar a posición da nosa xeración no mundo?

 

A identidade é algo que sempre está en proceso construtivo. Nunca deixamos de pensarnos/procurarnos no termo. En O xiro hai unha busca da identidade entendida como aquilo que axuda a renacer, a atoparse a unha mesma no lugar no que, por elección ou non, está. Penso que vivimos nunha totalidade na que a identidade sempre é cuestionada, e na que, dalgún xeito, téntase impoñernos un “sodes”, un “somos”, un “es”. Polo tanto, é o ente o que se revela contra esa imposición e pretender procurar, como se estivese remexendo no fondo das augas, a identidade que aspira alcanzar. Ese eu, colectivo e á vez individual, pretende erguer o edificio cos seus propios materiais, coas súas propias mans. 

 

- Antes publicara na antoloxía colectiva No seu despregar (Apiario, 2016) que reune a moitas das máis interesantes novas voces da poesía galega. Imaxino que tivo que ser moi importante para vostede formar parte deste proxecto.

 

Ver editados textos propios nunha antoloxía que recolle as novas voces da poesía galega é un sentimento que conmove profundamente. Formar parte da antoloxía No seu despregar foi como un abrirse, ir presentándose coa timidez e o risco que arrastra a novidade. Pero fíxeno tan feliz. Ademais estamos falando dunha antoloxía na que están nomes moi ben asentados no sistema cultural galego. E non quero deixar de subliñar, doutro lado, que a maioría desas dezaoito voces son de mulleres. 

 

 
- Como valoraría a poesía actual tanto en lingua galega como en outras linguas? Podería facer algunha recomendación para os nosos lectores.

 

A poesía en lingua galega está vivindo un bo momento. Cada vez hai máis novas voces agromando e son todas interesantes. Penso que a poesía galega ten unha sonoridade moi propia, un algo que o escoitas e deixa a pel de galiña. Supoño que cada lingua ten unha resonancia que perfora, pero ocórreme que cando lle recito a amigas e amigos que non son galegas nin galegos poesía en galego quédanse abraiados co punzante eco da palabra. Podería recomendar moitas autoras e autores, pero para non irme polas ramas gustaríame destacar ás persoas e obras que cito en O xiro. Contorno ábrese con Antía Otero, cun verso de O cuarto das abellas (Xerais, 2016); Eixe con María do Cebreiro, cunha cita de O deserto (Apiario, 2015) e con Celebración (Apiario, 2014), de Gonzalo Hermo. Por último, Desprazamento ábrese con Eva Veiga, cun verso de A distancia do tambor (Espiral Maior, 2014). Cada un deses libros e autoras son máis que recomendables. 

 

 

 

-Para pechar. Ten algún proxecto en marcha ou en mente do que poida adiantar algo?

 

Polo de agora non. Aínda estou coa resaca emocional de O xiro, que o pechei en maio pouco antes de mandalo ao Gonzalo López Abente. Pero todo chegará. 

 

 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com