I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Ana Cabaleiro: "As ramonas é como unha acumulación de tensións, tanto físicas como psicolóxicas"

February 26, 2019

Ana Cabaleiro (Saídres, Silleda, 1974) é licenciada en Xornalismo, profesión que exerce intermitentemente desde hai dúas décadas. Cursou, ademais, o Master en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura da USC, no que investigou e publicou sobre contracultura e ciberactivismo artístico. Tamén ten traballado no eido da discapacidade intelectual e no da cooperación ao desenvolvemento. Como autora, formouse en obradoiros e cursos de escrita, sempre na procura de voces femininas coas que abeirar as mareas da vida. Froito desta experiencias nace a compilación de relatos Sapos e Sereas, a súa primeira obra publicada. Como muller con raíces no rural, aínda conserva unha lagoa con máis dun millón de sapos e dúa ducias de ras cantoras.

Texto: Ficha da autora na web da editorial.

Fotografía: Alba Sotelo

- Como xorde o texto As ramonas? Cal é o xerme?


Eu quería contar a historia dunha muller de aldea que loita por triunfar a nivel internacional. Ese foi o primeiro fío do que comecei a tirar. A partires deste fío foron aparecendo outros: os roles comúns da muller na sociedade actual, a tensión entre o urbano e o rural, a importancia das vías de comunicación nun país como o noso -pola dispersión xeográfica e cunha orografía tan singular-, o peso que teñen na nosa vida os desprazamentos e os vehículos, a precariedade laboral... A verdade é que As ramonas é como unha acumulación de tensións, tanto físicas como psicolóxicas.

 

 


- Que significou para vostede este Premio García Barros? Por que decidiu presentar este texto?


Xa teño contado publicamente que o meu primeiro traballo como xornalista foi na Estrada e que durante algúns anos cubrín informativamente o Premio García Barros. Por iso para min, a nivel persoal non hai mellor, nin máis prezado, recoñecemento que o García Barros. A nivel literario, que a miña primeira novela saia avalada por un xurado conformado por persoas moi cualificadas do sistema literario galego, é un espaldarazo impresionante. Penso que o García Barros é o premio da miña vida. 


- Vostede é a terceira muller na historia que gaña este premio. Pensa que no futuro isto será unha anécdota e que teremos moitas máis gañadoras no futuro?


Oxalá! Nada me gustaría máis. Doe un pouco ter que ser noticia por ser ‘muller gañadora dun premio’, mais é algo que non se pode obviar. As mulleres escritoras non foron apenas premiadas no García Barros e iso hai que poñelo enriba da mesa, pero as mulleres escritoras o que queremos é que se fale de nós en relación á calidade literaria do que escribimos, non en relación a “ser mulleres escritoras”.   


- Moitos dos lectores do seu libro definen o mesmo como <<unha ficción sobre a propia vida>>, concorda?


Iso era xusto o que quería, narrar a vida do común, a que ocorre en lugares comúns, protagonizada por persoas comúns, identificables con calquera de nós. Gustoume moito facelo, porque a pesares de que adoro fabular e crear situacións insólitas como nos relatos de ‘Sapos e Sereas’, tamén atopo un atractivo singular en deixar constancia do tempo actual, tal como é, e narralo dun xeito literario e suxestivo que atrape á persoa que le.

 
- O que está claro é que é unha novela de mulleres, é dicir, na que a muller e a súa situación político-social ten un papel protagonista…


Eu non sei se se pode dicir que é unha novela de mulleres, igual si, mais tampouco sei moi ben o que é unha novela de homes. Se temos en conta que as mulleres da novela teñen un papel protagonista e os homes da novela son como os secundarios desas mulleres, que aparecen só en relación a elas, entón si podemos dicir que é unha novela de mulleres. O certo é que son personaxes que teñen problemas reais, o que para min non é unha reivindicación ideolóxica, senón o reflexo de parte dos problemas que a muller ten na sociedade actual. Non son mulleres exemplares, son mulleres de carne e óso que soñan, e odian, e toman decisións cuestionables, e loitan, e perden, e teñen unha cantidade de defectos máis ou menos como os que temos calquera de nós.


- O mundo rural en decadencia é tamén un tema importantísimo…


É moi curioso que case todos os lectores e lectoras ven na novela un mundo rural en decadencia, supoño que pola simboloxía da vía do tren case en desuso e das estacións abandonadas. Mais eu proveño dunha zona rural que non só non está despoboada, senón que está moi viva e dinámica. Na novela non se incide nin no abandono nin na decadencia, de feito na familia da protagonista hai mulleres que viven tranquilamente no rural, outras marcharon a zonas urbanas, e outras ao estranxeiro, danse casos de todo tipo, porén a lectura que se fai maioritariamente é de decadencia e abandono. Penso que ten moito que ver co imaxinario popular que se impuxo nos últimos anos sobre o rural, que se identifica con despoboamento e abandono. Certo é que o rural abandonado existe pero tamén o contrario, queda moito rural habitado e activo. O que está mudando é o modo de vida, que xa non está necesariamente conectado coa produción agrogandeira, que goza dos avances tecnolóxicos actuais, ou dos modos de vida marcados polo capitalismo e a globalización. Non en van, no rural de ‘As ramonas’ non aparece nin unha vaca, e nel conviven a tradición, a idea de comunidade, a mobilidade persoal, e a análise estética da contorna a través da mirada artística da protagonista. 

 

Fotografías de Saidres e da estación O Castro. (Cedidas pola autora)


- En Lecturafilia sinalaban que a novela ten moito de road movie tamén, aspecto no que coincido na valoración da obra. É voluntario reflexar este compoñente tan claramente na historia?


Todos os capítulos corresponden cun traxecto en coche, e a todos intentei darlle un ritmo de lectura dinámico, de movemento, como de ir viaxando da par da protagonista, que implícase unha certa velocidade. Nese sentido, a estrutura formal foi moi traballada, dun xeito moi consciente, cunha intención clara. Doutra banda, o feito de que todo ocorra dentro de diferentes coches xorde dunha reflexión persoal a respecto da dependencia que as persoas temos dos coches, e como esa dependencia se acentúa nas persoas que viven no rural, isto é, se vives no rural e non tes coche non podes levar unha vida normalizada. Esta idea é a que subxace en toda a historia que se narra na novela.


- Un libro de relatos e agora unha novela. Para cando un libro de poemas ou unha obra teatral? Ten algún proxecto en mente do que poida adiantar algo?


Pois igual si, eu creo que non, pero non acerto nunca. Fai dous anos dixen que nin en broma ía escribir unha novela no que todo ocorrese no interior dun coche e está claro que fallei. Agora quería acometer proxectos máis relacionados co xornalismo e coa investigación, como a biografía ou a recollida de historias de vida, pero igual me torzo cara o poemario ou cara ao texto dramático, eu xa non aventuro nada. Do que si estou segura é de que no 2019 non vou ser quen de publicar nada novo.

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com