Recensión: Antonio M. Fraga, O bestiario científico de Anxos Nogueirosa


Título: O bestiario científico de Anxos Nogueirosa Autor: Antonio M. Fraga

Ilustrador: Víctor Rivas Editorial: Urco Editora ISBN: 9788494875533 Nº de páxinas: 253 páxs.

Sinopse:

1933. Aos seus trece anos, Suso é obrigado a pasar o verán nas colonias do Sanatorio Marítimo de Oza por mor da súa mala saúde. No traxecto en tren cara ao seu destino estival, chega ás súas mans un caderno cun misterioso título na cuberta: Liber bestiarium scientificus. Cando Suso decide mergullarse nas súas páxinas, lonxe está de saber que ese intre marcará un verán cheo de aventuras na compaña de Tila, unha rapaza das colonias coa que acabará forxando unha bonita amizade.

I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.

Antonio M. Fraga alzouse co I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil con O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, unha desas novelas que remontan a calquera lector a súa infancia pola capacidade evocadora da narrativa e esas reminiscencias da tradición oral e do conto popular. Esta é probablemente a mellor obra das que escribiu ata o momento, na que coido que atopa ese estilo propio e único que deberá caracterizar o resto da súa obra.

Esta é unha desas historias que é imposible deixar a un lado. O efecto de inmersión nesta historia lógrase polo talento narrativo e pola introdución de personaxes carismáticos con historias que contar e con moito que crecer durante a historia. Os pasaxes do bestiario da propia científica Anxos Nogueirosa introducen non so datos sobre as "especies" descubertas, senón as historias que se atopan baixo esas experiencias. Un traballo de campo que non só resulta moitísimo máis interesante para o lector que unhas descricións e láminas, senón que pon en valor o traballo científico desta muller singular.

Neste libro existe tamén moita crítica a cultura patriarcal e a visión da tradición como algo indiscutible e inamovible. A meirande parte das mulleres desta obra impoñen o seu talante e intelixencia ante os problemas que atopan no camiño e iso permite valorar a súa posición na historia como é debido. O legado histórico e o silencio que existe hoxe en día fronte a el, tamén é unha preocupación do autor e vese incluído dentro das críticas que se fan a sociedade do momento ou mesmo microepisodios satíricos dentro da historia.

Grazas o bo tratamento da linguaxe, a creación de personaxes interesantes e funcionais e o interesante da historia, Antonio M. Fraga escribe un libro que sen dúbida é complicado de igualar. Agardemos que nas seguintes historias manteña este nivel de calidade tan alto.

#Recensión

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com