I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Cecilia F. Santomé: "Tendemos a interpretar o amor segundo os códigos románticos que fan del –ou da persoa que o ofrece- un elemento redentor"

June 5, 2019

 

Cecilia F. Santomé (San Simón, Vilalba, 1984). Licenciada en Filoloxía Francesa e doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela, axiña atopou no terreo do marketing dixital unha vía para transformar a súa paixón polas linguas e a comunicación nun modo de vida. Como tradutora, localizadora e redactora, traballou en empresas de distintos sectores, especializándose na planificación e execución de estratexias de contidos para a Internet. Despois de vivir durante uns anos en París, Liverpool e Londres, en 2015 regresou a Galicia cun proxecto debaixo do brazo: fundar xunto con Cristina Fernández Coolt, unha revista de tendencias 100 % dixital e en galego. Hoxe extinta, colabora esporadicamente con outras publicacións. En 2017, recibiu o Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte de Portugal polo seu relato "34, Rue Saint Jacques". Quérote. Eu tampouco é a súa primeira novela, unha historia engaiolante cun inconfundible pouso cosmopolita.

 

 

Texto: Ficha da autora na web de Xerais.

Imaxe: Cedida pola autora.

-  Cal é o xerme de Quérote. Eu tampouco?


Sen selo dende o punto de vista formal, esta novela ten algo de estudo sociolóxico. Sinto unha especial fascinación pola observación da conduta humana, sobre todo cando esta se desvía da ortodoxia, do que entendemos como socialmente aceptable ou bo. Non para xustificala ou lexitimala, senón para entendela. Quérote. Eu tampouco é un retrato dunha sociedade moi concreta, a inglesa, e, dentro dela, dunha parella na trintena que vive unha situación de conflito íntimo, social e laboral. Frank é un completo outsider, Grace é unha artista que abandona a bohemia pola conformidade doméstica. Cada un polo seu lado, van á deriva na súa entrada na vida adulta. Xoguei a ofrecerlles un mecanismo de salvación... e logo retiréillelo. Quería retratar a zona de grises na que ambos se desenvolven, sen heroes/heroínas nin rufiáns de libro. 

 

 

- A escolla do título é tamén interesante polo directo da mensaxe que nel se agocha…


Serge Gainsbourg e Jane Birkin viñéronme moi ben á hora de sintetizar esa tensión emocional que marca o pulso da novela. O seu Je t’aime... moi non plus é sensualidade, erotismo en estado puro, pero, se o escoitamos con atención, dámonos conta de que hai tamén un pouso de amargura. Tomado del, o título da novela constitúe unha especie de oxímoro, unha contradición que serve para expresar a distancia que existe en realidade entre Frank e Grace, amantes comprometidos cunha relación que fai augas por un dos seus lados. Un deles está a boicoteala, e virá o día no que a tecnoloxía –e non o subconsciente, como na canción- o traizoarán e sacará á luz a verdade.  

 

 

- Por que elixiu a cidade de Londres como espazo para esta historia?


Londres é un microcosmos, unha especie de cidade-estado moderna á marxe do resto de Inglaterra. E para a xente que chega a ela, sexa dende outro punto do país ou dende o estranxeiro, ten un certo halo de terra prometida, de lugar onde todo é posible. Mais tamén ten a súa cara oculta, a da deshumanización inherente á calquera megalópole. As súas propias dimensións son unha ameaza para as relacións. Nese marco e con ese caldo de cultivo, interesábame desenvolver unha historia rabiosamente contemporánea, que reflectise aspectos como a soidade na era das conexións instantáneas, a transición á idade adulta coa precariedade económica e emocional como espada de Damocles, a descomposición das relacións familiares tradicionais. Como ves, son cuestións case universais, pero a sociedade londinense –que eu coñezo de primeira man- ofrecíame a posibilidade de abordalas a un tempo e levalas ao seu paroxismo. Londres é un personaxe máis en Quérote. Eu tampouco. E a idiosincrasia inglesa dáme moito xogo nesta novela. Estou convencida de que determinadas escenas especialmente dramáticas perderían forza e mesmo coherencia, credibilidade se tivese elixido outras referencias espaciais e temporais. 

 

- No libro sinálase que o amor non é a solución a todos os problemas aínda que se utilice moitas veces como o único sólido ó que aferrarse …


É que tendemos a interpretar o amor segundo os códigos románticos que fan del –ou da persoa que o ofrece- un elemento redentor. Mais nin é absolutamente desinteresado nin todopoderoso, algo que, como ben dis, queda patente nesta novela. Os contos de príncipes azuis e princesas que suspiran por seren rescatadas, a idea da salvación a través do amor son unha construción social. A forza de cambio e de transformación está dentro de nós, non precisamos delegar o seu exercicio noutra persoa. Diso darase conta Grace un chisco tarde. Mentres tanto, a relación de dependencia extrema –emocional, económica- que se establece entre ela e Frank servirá de base da burbulla protectora que habitan durante boa parte da historia. Pero nesa atmosfera hai cada vez menos osíxeno, e de ser un espazo de seguridade pasará a se converter nun lugar inhabitable... 

 

- Esta é a súa primeira novela publicada. Que feedback e consellos está a recibir dos seus primeiros lectores?


Tanto as presentacións como as redes sociais me están permitindo coñecer de primeira man a opinión da xente que xa tivo ocasión de ler Quérote. Eu tampouco. Ese contacto directo é unha experiencia indescritible, riquísima. A historia de Grace e de Frank, de Petula e de tantos outros personaxes secundarios cobra vida a través de todas esas olladas, que os fan seus e os modelan á súa maneira no seu maxín. A lectura é parte da maxia da escritura. Durante case dous anos, esta novela fora a miña criatura e só un número moi restrinxido de persoas tivera acceso a ela. Agora que está publicada e perdín o control sobre ela, estouna descubrindo de novo. É marabilloso comentala con lectoras e lectores que desexan compartir comigo a imaxe mental que crearon de determinadas situacións, que se sentiron dalgún xeito interpelados pola trama, que ven na novela un retrato xeracional. 

 

- Como definiría o seu proceso creativo?


A miúdo, atópome con varios temas que me seducen no momento de comezar a escribir. Esa é a fase caótica, dubitativa. Hai un bosquexo dunha trama A, outra B, mesmo poida que unha C... e véxome obrigada a poñelas en cadanseu prato da balanza para decidir cal é máis redonda, cal se atopa nun estado menos volátil. Cal ten xa un certo corpo. Tomo notas constantemente, tanto en cadernos de papel como na aplicación de notas do meu móbil, porque me horroriza deixar esvaecer unha idea. Trátase de voces, nomes, expresións: elementos de algo aínda por definir. Algunhas volven, medran, compiten entre si... e gañan. Logo é tempo da fase metódica: en canto defino as liñas argumentais da historia, trazo personaxes, un breve esquema cos acontecementos principais, o desenlace. É un proceso case visual para min, preciso representar a novela na miña cabeza, ver a articulación de cada escena. Poderíase dicir que os meus textos funcionan como sucesións de planos. E se algún non funciona, non o elimino. Volvo sobre el, analízoo, tento contemplalo dende outro ángulo, con outra linguaxe ata que dou coa clave adecuada. Recoñézome esixente.  

 

Cales son as súas influencias literarias e lecturas de cabeceira?

 

As miñas influencias están moi ligadas ás miñas lecturas, que comparto a miúdo no meu perfil en Instagram (@ce_fsantome) e no meu blog literario (https://estenoneunblogdelibros.wordpress.com). Pola miña formación académica, coñezo ben a tradición literaria francesa e francófona en xeral. Pero tamén me fascina a narrativa anglosaxona e, sobre todo, a escola norteamericana. Tan pulcra, tan traballada, tan esforzada. Sen ser unhas das miñas novelas actuais favoritas, Sweetbitter, de Stephanie Danler, paréceme, por exemplo, un exercicio estilístico fabuloso. Sinto predilección por autores e autoras como Anthony Burgess, George Orwell, Irène Némirovsky, Charlotte Perkins Gilman ou Nancy Mitford, que nada teñen que ver entre si. Hoxe destacaría a Leïla Slimani, a Hanya Yanagihara, a Kim Thúy... e a varias ducias máis. Delas interésame esa narrativa súa do íntimo, do doméstico, do desarraigo, das identidades esgazadas. A miña escrita tamén se apoia nas vidas pequenas, esas que nunca ocupan grandes titulares, anódinas, grises. Quero ver que se agocha debaixo da súa superficie. E niso concordo con aquela Anna Gavalda de fai case dúas décadas e o seu Ensemble. C’est tout. Sen pretendelo –agora que o penso- a miña Grace ten algo da protagonista deste, Camille. Un tributo involuntario. 

 

 

O meu estilo ten un pouso lírico, unha cadencia que teño percibido, ademais de na propia Thúy, en Michèle Desbordes. Hai unha certa musicalidade marcada pola selección léxica e a sintaxe que contribúe a aproximar o texto ao dominio do emocional. Non escribo poesía, pero boto man deses ecos poéticos con frecuencia.  

 

- Para rematar. Ten algún proxecto literario en marcha do que poida adiantarnos algo?


Fai uns meses, rematei de escribir a miña segunda novela, un texto breve cun certo toque costumista que pouco ten que ver con Quérote. Eu tampouco a nivel estilístico e temático. Nela hai toques de cosmopolitismo, aínda que dende outra óptica, e un contexto menos actual. E ata aquí podo contar... Estou en fase de lectura, revisión e corrección do manuscrito, e iso levará o seu tempo. 
Paralelamente, tamén vai tomando forma un libro de relatos breves sobre o que volvo entre proxecto e proxecto. Pronto comezarei unha nova novela. 

 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Ese instante que no se olvida
Tan vacío devuelto por las sombras
Tan vacío rechazado por los relojes
Ese pobre instante adoptado por mi ternura
Desnudo desnudo de sangre de alas
Sin ojos para recordar angustias de antaño
Sin labios para recoger el zumo de las violencias
perdidas en el canto de los helados campanarios.

Ampáralo niña ciega de alma
Ponle tus cabellos escarchados por el fuego
Abrázalo pequeña estatua de terror.
Señálale el mundo convulsionado a tus pies
A tus pies donde mueren las golondrinas
Tiritantes de pavor frente al futuro
Dile que los suspiros del mar
Humedecen las únicas palabras
Por las que vale vivir. 

[...]

Alejandra Pizarnik,  A la espera de la oscuridad. (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com