top of page

Recensión: Domingo Villar, O último barco


Título: O último barco Autor: Domingo Villar Editorial: Galaxia

Colección: Literaria (383) ISBN: 9788491513049 Nº de páxinas: 800 páxs

 

Sinopse:

A filla do doutor Andrade vive nunha casa pintada de azul, nun lugar onde as praias de ondas mansas contrastan co bulir da outra beira. Alí, as mariscadoras pescudan na area, os mariñeiros botan os aparellos á auga e os que van traballar á cidade agardan no peirao a chegada do barco que cruza cada media hora a ría de Vigo. Unha mañá de outono, mentres a costa galega se recupera dos estragos dun temporal, o inspector Caldas recibe a visita dun home alarmado pola ausencia da súa filla, que non se presentou a un xantar coa familia na fin de semana nin acudiu o luns a impartir a súa clase de cerámica na Escola de Artes e Oficios. E, aínda que nada pareza alterado na casa nin na vida de Mónica Andrade, Leo Caldas axiña ha comprobar que na vida, coma no mar, a máis apracible das superficies pode agochar un fondo escuro de correntes devastadoras.

 

Tras moitos anos de espera Domingo Villar está de volta cunha nova historia de Leo Caldas, o inspector vigués que se converteu nun fenómeno editorial no sistema literario galego e internacional. Teño que recoñecer que agardaba unha boa historia polo talento do autor, mais tamén era posible atopar uns personaxes desvirtualizados tras moitos anos sen consumir as súas historias. Alégrome de que a miña posición inicial fose errónea.

O último barco é unha novela perfectamente trazada de principio a fin. O autor consegue que unha novela de 800 páxinas se devore en moi pouco tempo polo aditivo da trama e pola axilidade dos seus diálogos. Domingo Villar manipula ó lector totalmente facendo que este resolva o caso erroneamente cada capítulo, presentándolle distintos sospeitosos con probas bastante verosímiles. A isto hai que engadir o feito que nin sequera temos a seguridade de que exista un asasinato ata moi avanzada a historia.

Lembraba con moito agarimo as figuras de Leo Caldas e Estévez e neste libro confírmase que os personaxes manteñen a súa configuración. Sen dúbida botei en falta eses episodios humorísticos tan característicos de Estévez, mais considero que a súa esencia é a mesma. Leo Caldas confírmase como o inspector máis importante da literatura galega e enriquece moitísimo a súa trama persoal grazas ós episodios máis sentimentais da historia e a relación co seu pai. Importante é tamén mencionar a Alba, tan presente na novela e nas pantasmas do inspector que elévase a caracterización de personaxe.

En resumo, Domingo Villar volve cun título á altura do que os seus lectores agardaban. Unha novela moi entretida, de gran traballo documental e de sobresaínte trama que sitúa de novo a cidade de Vigo no mapa literario internacional. Non sei a que agardades para facervos co voso exemplar.

#Recensión

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page