Recensión: Eduard Velasco, Os días felices de Benvido Seixas

Título: Os días felices de Benvido Seixas Autor: Eduard Velasco Editorial: Xerais ISBN: 9788491210160 Nº de páxinas: 184 páxs
Sinopse:
Bienvenido queda sen tabaco e acaba nun centro sociocultural contrario aos seus intereses de clase. Un home coma el nunca entraría nun sitio coma ese, pero tampouco acabaría pasando a noite con Mariña, a camareira activista que lle serviu a primeira copa de moitas. Desenfreados pola paixón, durante un ano viaxarán por Galicia (das Rías Baixas ao Courel), explorarán os límites dos corpos e as fronteiras das súas conviccións e xogarán coas identidades ata transformárense en persoas insospeitadas nas súas vidas anteriores, para incomprensión e hilaridade do seu círculo máis próximo. Pero quen non estaría disposto a traizoar a memoria familiar para seguir a chamada do desexo? "Os días felices de Benvido Seixas" é unha novela retranqueira, irónica, divertidísima, que enreda cos tópicos da cultura galega para facer un brinde a favor do humor.
Teño que recoñecer que non son un lector interesado na literatura de carácter cómico mais non foi fácil soltar esta divertida novela. Eduard Velasco, quen ata o momento non tiña obra narrativa publicada, é o autor de Os días felices de Benvido Seixas, unha novela irónica e chea de humor cunha critica ácida ó clasismo da sociedade.
Bienvenido e Mariña logran facilmente a simpatía dos lectores porque resultan caricaturas moi sinxelas de dúas persoas que son produto de dous contextos ben distintos. A súa relación é totalmente ilóxica e so funciona pola ilusión que Benvido crea sobre ela, na que exerce un papel case teatral.
Os días felices de Benvido Seixas non é unha novela complicada nin esixe moito ó lector. É unha historia que non peca de innecesariamente artificiosa, que non pasará a historia da literatura, mais cumpre o seu evidente obxectivo, servir de entretemento a un lector que seguramente gozará dela no que queda das súas vacacións de verán.