Recensión: Knut Hamsun, Fame

Título: Fame
Título orixinal: Sult Autor: Knut Hamsun
Tradutor: Moisés Barcia (dende o inglés) Editorial: Rinoceronte Editora ISBN: 9788417388133 Nº de páxinas: 206 páxs
Sinopse:
O protagonista de Fame está quedando coma un fiúncho debido á miseria, á falta de traballo estable e á situación difícil que atravesa Christiania no século XIX.
Por medio dun monólogo interior, o personaxe introdúcenos na irracionalidade da mente humana dunha maneira intrigante e, ás veces, humorística.
TRADUCIÓN DENDE O INGLÉS DE MOISÉS BARCIA
Fame de Knut Hamsum é unha desas novelas que terían que estar sempre nas listas de imprescindibles. Grazas a tradución de Moisés Barcia, os lectores gozamos dun dos clásicos modernos máis interesantes con respecto a súa premisa e a súa calidade narrativa.
Este é un libro que sen dúbida incomoda ó lector. As páxinas de Fame son un convite por parte de Hamsun a un mundo de completa miseria onde o protagonista tenta sobrevivir pese a todas as adversidades. Na miña opinión é unha historia que ten moito de orgánica pola sensación constante de necesidade que transmite. Vemos o mundo a través dos ollos dun personaxe totalmente irracional e castigado pola necesidade, que reacciona en función dos impulsos máis orgánicos.
En resumo, Fame é unha obra que non se pode ler dende a distancia. Sen dúbida é unha alfaia literaria tanto polo interesante do seu contido, como polo talento narrativo do autor, que transmite a través das palabras un sentimento desacougante de necesidade imperiosa de aferrarse a vida.