I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Clara Vidal: "Ante un texto, non quero un puré; quero ser un axente activo que mastigue a comida para facela a papa que me gusta"

February 1, 2020

Clara Vidal. Naceu antes de vir ao mundo a causa dun dobre amalló umbilical. Seica foi na cidade de A Coruña no 92, mais non se lembra. Aprendeu a ler con tres anos e escribe poemas desde os seis.Adoita «falar en verso» e escorregar fragmentos literarios ou letras de cancións nas conversas cotiás. A meirande parte das veces, a xente non se decata. Graduouse en Filoloxía no ano 2014 e no 2015 acadou un mestrado en Estudos Artísticos, Literarios e da Cultura e unha especialidade simultánea en Literatura Comparada, Teoría Literaria e Retórica. Os tres títulos afianzaron a súa perseveranza testuda e meticulosa no mundo das humanidades. Ademais, interesada noutras vertentes de coñecemento, estudou diversos cursos multidisciplinares, atinxindo conciencia en moitos outros campos que reafirmaron o seu carácter curioso e innatamente repugnantiño.A autora sabe moi pouca cousa de moitos asuntos; é dicir, non sabe nada. Cuestiónase sempre os motivos de todo porque cre que o único xeito de vida susténtase na aprendizaxe incesante. Afirma que os libros son unha das vigas máis esenciais das casas. Sen literatura que sosteña, non fica nada.Adora o mar bravo e rescatar versos onde a xente non escoita que en realidade xa existen.Poderíase dicir que é rescatadora de versos, antes ca poeta: os poetas sempre son nenos ou anciáns; o resto, afeccionan.

Algúns dos seus poemas poden consultarse en http://claravidalpoemas.wordpress.com e tamén está aberta a súa canle de YouTube con videopoemas.

 

Texto: Bio da autora na web da Editora Urutau

Imaxe: https://claravidalpoemas.wordpress.com/clara-vidal/

 

- Comezamos forte. Que significa a poesía para vostede?

 

Eu comecei a escribir poesía aos 6 anos e esta acompañoume sempre. Medrando e madurando a miña crítica literaria, reparo en que pouca xente prefire a poesía ou o ensaio porque son xéneros que esixen máis que a narrativa ou o drama. Para min, pola contra, resulta claramente unha preferencia. Ante un texto, non quero un puré; quero ser un axente activo que mastigue a comida para facela a papa que me gusta. Quero formar parte. Na miña opinión, a poesía significa poder facer parte de algo ao que es convidado polo autor ou autora dun xeito moito, moitísimo máis drástico que na narrativa. Cos libros viaxas, si; mais coa poesía, impregnas por completo: dás todo. Tes que encher moitos máis baleiros.

 

- Cales son os seus textos poéticos de referencia? Cales considera que son especialmente indicados para ler en consonancia con estes tempos que vivimos?

 

Se me poño a nomear textos poéticos, esquecería demasiados. Si existe, obviamente, algún texto que me marcou especialmente e algunhas poetas que tamén o fixeron. Hai uns días, falaba cun amigo sobre un texto de Linguaxes dixitais, o da páxina 10, grazas ao cal este amigo meu conseguiu non comer pan duro, porque lle expliquei un sinxelo truco para amolecelo. Pois ben, considero que, inconscientemente, introducín parte do poema «Mandorla» do libro Mandorla de José Ángel Valente. Probabelmente este sexa o texto que máis me marcou na miña vida. Neste poemiña emprego o verbo «entrar» en pronominal, como fai tamén Valente. Non o escribín pensándoo, mais léndoo unha vez escrito, vexo que ten que ser unha alusión clara a un poema que tanto me obsesionou, como é «Mandorla». Neste mesmo poema, como comentaba, tamén introduzo a ciencia: «O pan tórnase duro / porque [...]». Pois, novamente sen intención de facelo cando o escribín, vexo agora na distancia unha guía neste eido xa traballadísimo na mestura da literatura e da ciencia, como o é Estíbaliz Espinosa Río. Podería ler calquera texto meu e atopar mil referentes e referencias máis. Do mesmo xeito que podería ir á miña biblioteca e contestarlle á súa pregunta que Pizarnik é esencial, que Olga Novo é esencial, que Celso Emilio Ferreiro é esencial, que máis horas ao día para poder ler son esenciais...

 

 Linguaxes Dixitais (Urutau,2018) de Clara Vidal.

Podedes facervos cun exemplar asinado aquí ou na web da editora.

 

 

A respecto da outra pregunta que me fai, a verdade é que non o sei. Un colega poeta díxome unha vez que eu escribía como as poetas dos 80, só que nos anos 2010..., xa 2020! Isto reflicte que me importa ben pouco os referentes de acordo ao tempo. E non digo isto porque considere que non hai na actualidade moitas e moitos poetas escribindo cousas interesantísimas sobre o que acontece a día de hoxe ou que nos axudan a asimilar o que acontece nos nosos días. Para nada. Creo que si, que de feito hai autoras moi implicadas en reflectir isto (como María Reimóndez, por poñer un exemplo); igual que creo que a historia se repite e podes ver reflectida a situación actual en poetas de hai séculos. Ou ler algo desfasadísimo nun texto actual. Moi en contra das tendencias, eu non me guío polos tempos; talvez, debería, mais non o fago. Cada un ten que asimilar a realidade actual a partir dos textos que máis lle axuden a pensar na realidade actual.

 

Insisto, para min ler é formar parte dunha acción, non ser pasivo: ten que mover algo en ti. Eu ás veces leo algo, alzo a vista, miro o que hai ao meu redor e río. Relaciono na miña cabeza e río. Vexo similitudes e río. Vexo cambios e río. Non sei... é complexo, mais apostar só polo actual sería rexeitar toda a historia literaria (todas as historias literarias de todas as culturas) ou dicir que estas non nos ofrecen xa nada para a actualidade. Non podo participar niso.

 

- Na súa web podemos atopar moitos dos seus textos en formatos poéticos tradicionais, mais tamén noutros como os videopoemas. Pensa que non hai lindes na creación poética?

 

Penso que hai lindes, mais que a poesía sempre o tivo difícil e cada vez o ten máis. Polo tanto, se queres interesarlle a alguén, tes que adaptarte necesariamente aos tempos que corren e, sobre todo, ás novas formas de consumir poesía. Non nos podemos limitar nós mesmos. Se callar, vostede non ten tempo a sentar hoxe e ler media hora, mais si abre YouTube e mira un par de videopoemas de 5 minutos cada un. Por que non vou entrar na súa rutina coa miña poética, se me deixa coarme entre o seu tempo e o seu smartphone? As persoas que crean contas poéticas en Instagram teñen moito éxito porque todo o mundo agora está en Instagram. Polo tanto, queiran ou non, algo acabarán lendo. Coma o refrán: a letra con sangue entra.

 

 Videopoema «Como a catro augas». Este poema pertence a Linguaxes dixitais (Urutau, 2018)

 

 

- Cal é o xerme do seu primeiro poemario Linguaxes dixitais (Urutau, 2018). Como definiría o seu proceso creativo?

 

Probabelmente non hai un xerme único. Linguaxes dixitais alberga poemas dende o ano 2013 ao 2018. Usei a creación poética para aprender e mellorar o meu galego, posto que son neofalante e, aínda que escribo dende os 6 anos poesía, en galego dende moito despois. Por outra banda, son textos que montei nun poemario moito despois de escribilos. Non os pensei como son dende un inicio. Obviamente, hai algúns poemas que teñen un núcleo e foco común, mais outros só o orbitan e seleccioneinos porque pensei que a ollos externos (dos lectores) funcionarían ben. Mais si é certo que, en xeral, hai un xermolo que posibilitou a creación da meirande parte dos textos do libro, que funcionou como fío condutor de moitas liñas e que é coma unha tatuaxe que levo no cerebro. Pódese comprobar isto no poema da páxina 17, que non deixa de ser unha constante na miña poética. Como todas as pegadas que deixan os textos ou autores que lemos e que nos marcan: desexes ou non, lévalos contigo xa para sempre. Pois a min pásame un pouco isto coa pel, por iso quixen darlle importancia ao tacto, ás pegadas dactilares do título.

Recital n'O Fiandón (A Coruña). Poemas de «Linguaxes dixitais». 

Fonte: Canle de Youtube da autora (Clara Vidal (poesía))

 

 

- Participa tamén como autora na antoloxía Un xardín de medio lado (Urutau, 2019). Cómo valora esta experiencia?

 

Esta antoloxía recolle algúns textos de autores galegos publicados por Urutau. Obviamente, é un xeito de verme recollida xunto a outros nomes de grande importancia literaria que fai que certos lectores talvez reparen en que eu tamén existo cando abran para os ler! Hahaha. Nunca se sabe quen pode acabar dando contigo. Con Internet isto cada vez resulta máis doado, mais tamén xera moita máis competencia. 

 

- Como valoraría a situación da poesía actualmente en Galicia? Podería destacar algúns títulos de entre as publicacións máis recentes?

 

Creo que a poesía galega está nun punto de grandísima produción e de non tan enorme recoñecemento. Non todos os textos son igual de traballados nin conseguen a mesma perfección, porque creo que tamén se pensa demasiado que todo é poesía e todo é poema. E non, non todo. Non todo o mundo pode escribir ou non a todo o mundo lle sae. Porén, si é certo que creo que hai moita cantidade de persoas que, actualmente, teñen calidade poética. Mais non contan cos apoios necesarios. Ao meu modo de ver, os certames non están á altura dos tempos, as editoriais non contan con boa saúde, a sociedade cultural non se vende como debería...

 

Podo destacar un poemario que merquei o día que chegou ás librarías, que lin ese mesmo día e que recensionei esa mesma noite: Tempo fósil. Premio Nacional: está claro que non me confundín ao elixilo. É unha barbaridade de poemario ao que xa lle vin o futuro ese día que o merquei e non puiden resistirme a intentar explicarlle por que ao mundo nesta plataforma (A que cheira, papá?). Supoño que a estas alturas todo o mundo o leu, mais se non, obviamente é recomendábel.

 

 Recensión de Tempo fósil de Pilar Pallarés no magazine cultural A que cheira, papá?.

Podedes ler o texto aquí.

 

 

 

- Para rematar, ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantarnos algo?

 

Como lle comentaba na anterior pregunta, considero que as poetas na Galiza non o temos doado. Non contamos con alicientes de ningún tipo que nos axuden a seguir investindo o noso tempo na poesía (ou noutras facetas literarias). Nin temos recoñecementos nin ingresos. Polo tanto, entre estas cuestións e outras de carácter profesional e persoal, os meus proxectos poéticos están bastante paralizados. Si é certo que convén probar sorte nos premios literarios e niso sempre estou. O problema é que estes son moi poucos para moita xente. Ademais, non se actualizan aos tempos: como concibe vostede que non se poidan mandar por correo electrónico en pleno século XXI e haxa que imprimir follas e follas e ir a Correos? Alén disto, teño poemarios xa escritos pendentes de publicar. E, a raíz destes, teño xa proxectos preparados... 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

Please reload

Please reload

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Quén preservará todos os contornos da conciencia.

Quén ha de revelar o meu nome descoñecido,

o meu impúdico nome que codifica e devora.

Quén pode prescribir tantos equívocos moldes

por encima desta fiestra construída polo corpo.

Quén haberá que incorpore esta razón esta memoria

cara un ciclo impertérrito de tebras e de luz?  [...]

..

Yolanda Castaño, en Delicia (Espiral Maior,1998)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com